Ir ao contido directamente.


Noticias

Mutenrohi e Luvas Verdes presentan novos discos mentres o Xabarín anuncia a súa vindeira escolma de grupos

Xénero: Folk | 21 / 11 / 2005

imaxe non dispoñible

A banda de folk Mutenrohi cumpre dez anos e publica “... e van dez”, un álbum que, ademais de varios dos temas máis coñecidos do grupo, inclúe un DVD no que se pode ver unha actuación en directo. Tamén pola banda folk, o cuarteto tradicional Luvas Verdes debuta con “Fandango desesperado” no campo discográfico. Virándonos cara ao rock, chéganos a nova de que para o Nadal publicarase un novo álbum do Xabarín Club. Ademais do tema “Os colegas de Xabarín”, con letra de Manuel Romón e Julián Hernández, barállanse para o álbum colaboracións coma as de Iván Ferreiro, Xoel Gómez ou Lamatumbá, segundo asegura “El Correo Gallego”.

Máis información sobre o disco de Mutenrohi e o de Luvas Verdes en La Opinión; o novo álbum do Xabarín en La Voz de Galicia e en El Correo Gallego

O compositor Octavio Vázquez estrea a súa nova obra mentres o pianista David Garrido actúa en Ourense

Xénero: Clásica/Lírica | 18 / 11 / 2005

imaxe non dispoñible

Dous dos nomes mais internacionais da nosa música clásica coinciden hoxe no país. Por unha banda a Orquestra Sinfónica de Galicia estrea esta noite “Styx”, a nova obra do compositor Octavio Vázquez. Pola súa banda, o pianista David Garrido interpretará esta noite no Liceo ourensán pezas clásicas de Mozart, Beethoven ou Liszt entre outros. Esta é a primeira vez que o intérprete actúa neste escenario desde 1996, logo de ter visitado países coma Estados Unidos ou Venezuela.

Máis información en La Voz de Galicia e na edición de hoxe de La Región

Santiago e Lugo acollen esta semana unha nova edición dos seus festivais de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 14 / 11 / 2005

imaxe non dispoñible

Esta noite comeza en Lugo a XV edición dun dos seus festivais máis clásicos, o de jazz. Unha cita que organiza a Asociación Escobijazz que este ano ofrece un programa no que están Mike Stern e Horacio Hernández, “O negro”. As xornadas prolónganse ata o sábado 19, un día despois de que comece o II Compos Jazz Festival, a cita coa música da capital de Galicia. Organizado pola concellaría de Cultura, a Fundación Caixa Galicia e o Dado Dadá, os músicos galegos compartirán espazo co saxofonista Le Konitz, K Santandreu Cuarteto, Telmo Fernández Cuarteto e Bill Bruford’s.

Máis información sobre o Festival de Lugo, e en Compostelacultura.org sobre o Compos Jazz Festival

Santiago e A Coruña acollen respectivos festivais de música

Xénero: Hip-Hop | 4 / 11 / 2005

imaxe non dispoñible

Se che gusta o hip hop tes unha cita en Santiago. No Multiusos do Sar ten lugar a terceira edición do Microfest que achega as diferentes variantes do hip hop, desde os son máis duros e combativos ata o reggae. Pero se o que che gusta é o jazz o teu lugar é A Coruña, xa que no Fórum metropolitano comeza hoxe o “Iberojazz 2005”. Un evento que achega a música que fan dous grupos cataláns e un galego e cuxos concertos terán lugar tamén en Vigo e Ourense.

Máis información sobre Iberojazz no web do Concello da Coruña e sobre o Microfest no seu web

“Madame Butterfly” inaugura a temporada de outono da Asociación de Ópera

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 11 / 2005

imaxe non dispoñible

Hai uns meses presentábase a Asociación de Ópera para recuperar a programación operística en Vigo. Pois ben, o renacemento desa sociedade acaba de dar lugar ao programa “Lírica en Outono” baixo o que se presentarán tres óperas, outros tantos concertos, catro conferencias e unha serie de activades sobre o xénero. Co outono chega outra nova edición do festival Sinsal (o 3.0) que trae nomes de referencia do pop, a electrónica, a fusión dixital e do posrock internacional.

Máis información sobre a temporada de ópera no xornal do concello e no web de Sinsal

A Fundación Autor selecciona o disco de Iván Ferreiro na súa escolma sobre a tempada musical

Xénero: Pop | 27 / 10 / 2005

not_6957.jpg

Todos os anos a Fundación Autor, creada pola SGAE, edita unha caixa con seis discos (dous dobres e catro sinxelos) clasificados por estilos musicais no que recolle o mellor da tempada musical do 2005. Nesa escolla, na que colaboraron quince discográficas, figuran varios galegos. Iván Ferreiro aparece na categoría pop e Los Suaves na de rock, mentres que Mercedes Peón e Faltriqueira forman parte da selección “Raíces”.

Máis información no web da Fundación Autor

Budiño, Seivane e Sondeseu levan os premios La Opinión de folk

Xénero: Folk | 24 / 10 / 2005

imaxe non dispoñible

O pasado venres o mundo folk estaba pendente da Coruña. O xornal “La Opinión” entregaba os seus cuartos premios ás mellores gravacións deste estilo musical do pasado ano. O disco “Zume de terra” de Xosé Manuel Budiño levou o primeiro premio, seguindo de “Mar de Vigo”, da orquestra folk Sondeseu e por “Mares de tempo” de Susana Seivane. Noutro estilo esta fin de semana coñecemos a presenza dun novo galego na prestixiosa Red Bull Music Academy. O picadiscos vigués Mwëslee parte para Seattle, onde, ao longo dos vindeiros dous meses se formará en música electrónica canda a participantes de todo o mundo e coa presenza dos mais reputados nomes internacionais neste campo.

Máis información en La Opinión, no foro de Sinsalaudo.com e na edición de hoxe de Diario de Pontevedra , sobre a presenza galega na Red Bull Academy nos nosos arquivos

Unha nova falta de acordo deixa a Asociación de Gaiteiros Galegos fora dos cursos da Deputación de Pontevedra

Xénero: Folk | 13 / 10 / 2005

imaxe non dispoñible

Finalmente, as clases de gaita que oferta a Deputación de Pontevedra están a comezar esta mesma semana sen a participación da Asociación de Gaiteiros Galegos. O enfrontamento entre este colectivo e a Deputación Provincial rematara cun un acordo para que este colectivo colaborase nestes ciclos de ensino. Sen embargo, segundo Hipólito Cabezas, responsable da Escola Provincial de Gaitas, foi imposible concretar o xeito de colaboración.

Máis información no web da Asociación de Gaiteiros, na edición de hoxe de Diario de Pontevedra e nos nosos arquivos

A Orquestra Sinfónica inicia a súa temporada de concertos ao tempo que a Filharmonía, que celebra dez anos

Xénero: Clásica/Lírica | 3 / 10 / 2005

imaxe non dispoñible

O vindeiro sábado comezará no Palacio da Ópera da Coruña a temporada 2005-2006 da Orquestra Sinfónica de Galicia. Centrada no tema da guerra, esta formación abrirá a programación con pezas de Stevens, Chaikovsky e Beethoven. Pola súa banda, a Real Filharmonía inicia cun concerto na Catedral de Santiago o vindeiro día seis a súa temporada, coa que celebra o décimo aniversario. Os responsables da formación anuncian grandes novidades para este ano, entre as que sinalan a súa intención de incrementar os espectáculos escénicos.

Máis información sobre a Filharmonía en Galicia Hoxe, sobre a Sinfónica en La Opinión

O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical

Xénero: Jazz/Blues | 3 / 10 / 2005

imaxe non dispoñible

Hai xa trece anos, Pontevedra incorporaba ao seu programa de festas do verán un tímido festival de jazz. Aos poucos, a iniciativa foi gañando adeptos e conseguiu converterse nunha das principais citas para os afeccionados a este xénero. Na busca de difundir dalgún xeito ao longo de todo o ano a presenza da música na cidade, nacía no ano 2001 o Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Esta iniciativa, na que participan algúns dos máis destacados intérpretes do país, preséntase coma o posible xermolo dun centro profesional de ensino para esta música.

<< Inicio / Anterior . 3321 a 3330 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR