Ir ao contido directamente.


Noticias

Fía na roca presenta o seu quinto disco co que inicia xira en Alemaña

Xénero: Folk | 1 / 6 / 2007 + VIDEO + IMAXES + AUDIO

not_10080.jpg

“Vente vindo” (Corda Frouxa, 2007) é o nome do novo traballo de Fía Na Roca que o grupo, acompañado polo xornalista da Radio Galega Pepe Carreira, presentaron hoxe no Consello da Cultura Galega. O disco presenta catorce temas nos que a presenza vocal de Sonia Lebedynski adquire un maior protagonismo respecto a anteriores traballos de Fía na roca. A formación presenta tamén algúns cambios coa incorporación de Xabier Olite e Roberto Rama substituíndo a Xabier Bueno e Cris Gándara. Carlos Castro, Giao Rodríguez, Roberto Santamarina e Xosé Ramón Vázquez seguen no grupo. O disco foi gravado en catro días o pasado abril no Estudio SoNNatural, en Angueira de Castro (Rois)e mesturado no Estudio 5 da Radio Galega. O grupo marcha mañá para Alemaña onde iniciará a súa xira en Frankfurt, pasando despois a outras localidades, a Francia e incluíndo tamén Galicia na xira de verán. Xosé Ramón Vázquez salientou a importancia que para a súa proxección tivo a nova axencia que os representa, Abada Xestión Cultural.

Máis información nos nosos arquivos sobre Fía na roca

Quince novos grupos de toda a península optan a abrir o Festival de Ortigueira no escenario Runas

Xénero: Folk | 1 / 6 / 2007

imaxe non dispoñible

A dirección artística do Festival de Ortigueira ven de facer públicos os nomes dos quince grupos finalistas do Proxecto Runas'07, destinado a dar a coñecer os traballos de novos grupos folk da península ibérica. Os elixidos SeteSaias, Bauma, Neirela, La Conjura, A Compañía do ruído, Ophiusa, A Gramalleira, Crema da gaita, Balakandra, Landú, bOnOvO, La jambre, Boys of the hills, Balbarda e Monte Lunai. Só cinco deles serán escollidos para actuar este ano no festival máis multitudinario do Estado. Un xurado, integrado por críticos musicais, deberá facer agora esa escolla dos grupos que abrirán o Festival a noite do 5 de xullo. Como novidade este ano, os internautas converteranse nun membro máis do xurado, podendo escoitar e votar en liña polos seus grupos preferidos a través do sitio web do festival.

Máis información no Festival de Ortigueira

Comeza o programa de concertos Vai de Camiño organizado polo Xacobeo

Xénero: Miscelánea | 31 / 5 / 2007

not_10070.jpg

Desde o primeiro de xuño e ata finais de setembro case 120 actuacións están programadas nas vilas polas que pasan os oito camiños recoñecidos a Compostela. As localidades de Vilagarcía e Boqueixón acollerán este venres os concertos inaugurais do programa con Berrogüetto e Leilía respectivamente. Haberá concertos nas vilas atravesadas pola Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, a Vía da Prata, o Camiño Inglés, o Camiño Portugués, o Camiño Primitivo, o Camiño Norte, o Camiño de Fisterra-Muxía e no Camiño Francés. Grupos e artistas de todos os estilos como The Homens, Fía Na Roca, Marful, Siniestro Total, Malvela, Uxía, Sete Saias, Xabier Díaz, Samesugas, Narf ou Mercedes Peón tamén tocarán nalgún dos moitos concertos deste percorrido artístico que inclúe tamén actuacións de maxia e pasarúas nestas máis de cen localidades polas que transcorre.

Máis informacíón no Xacobeo

Edicións do Cumio presenta en Vigo o Método de gaita de Xaquín Xesteira

Xénero: Folk | 31 / 5 / 2007

not_10060.jpg

Edicións do Cumio presenta este venres 1 ás 19 horas Auditorio da Escola de Artes e Oficios de Vigo o libro “Método de Gaita Galega I” escrito polo mestre Xesteira e que inclúe un CD. Mestre de gaita e percusión na Universidade Popular de Vigo e membro fundador do grupo Treixadura Gaiteiros, o cambadés Xaquín Xesteira leva desde neno inserido no mundo da música tradicional. Ademais de tocar en varios concertos con Milladoiro na década dos noventa participou en gravacións cos grupos Na Lúa e Fuxan os ventos e tamén e´fundador da Fundación Sondeseu xunto a Anxo Pintos ou Rodrigo Romaní.

O Festival Novas Músicas de Monforte acollerá un seminario para músicos e educadores

Xénero: Jazz/Blues | 31 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

O Seminario de Música Moderna e Improvisación vai dirixido persoas que, posuíndo xa algúns coñecementos musicais, desexen achegarse á musica moderan para ampliar os seus coñecementos e recursos. Neste sentido tanto músicos de calquera especialidade como ensinantes poderán sacar partido desta actividade formativa con vistas a aumentar os seus recursos para a interpretación e a improvisación ou para obter recursos pedagóxicos. Inserido na programación do Festival Novas Músicas de Monforte o seminario terá lugar durante os seis días do festival entre o 21 e 26 de agosto. A coordinación do curso corre ao cargo de Miguel Angel Rodríguez e contará coa participación dos profesores Fernando Llorca, Roberto Somoza, Andy Phillips, Carlos Calviño e Charlie Moreno.

Máis información no Festival Novas Músicas

Cinco grupos galegos entre os finalistas do concurso Coca-Cola Nuevos Grupos

Xénero: Miscelánea | 30 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

De entre os novecentos grupos de todo o estado que enviaron as súas maquetas pola rede para o concurso organizado pola marca de refrescos só corenta e cinco superaron a primeira fase do certame. Agora cinco grupos galegos están entre estes dependendo do resultado das votacións en liña para conseguir o premio, consistente en ser contratados para abrir o concerto en Madrid dun artista internacional o vindeiro 5 de xullo. Os grupos 96 GRADOS, de Santiago; CODA, da Coruña; NUEVE8SEIS, de Pontevedra; IAN, de Lugo e LAP A RUSH, de Ourense conforman esta presenza galega no certame. Un concerto na Sala Capitol de Santiago o 7 de xuño e outro no Playa Club da Coruña o 8 de xuño servirán para coñecer o directo destas bandas. Ata o 25 de xuño pódese apoiar a estes grupos votándolles a través do sitio web do certame.

Máis información en Coca-Cola Música

O novo disco da banda grovense Nadadora xa está nas tendas desde hoxe mesmo

Xénero: Pop | 28 / 5 / 2007 + VINCULO

not_10029.jpg

Hoxe sae á venda o segundo álbum de longa duración do grupo Nadadora. A carreira deste sexteto afincado n´O Grove xa conta con dous discos anteriores, o mini CD "Aventuras dentro de cajas" en 2004 e o álbum "Todo el frío del mundo" en 2005 que conseguiron que este grupo fose collendo un espazo propio na música e aumentando paulatinamente o número de seguidores. O seu novo álbum "Hablaremos del miedo" ten 10 cancións cantadas en castelán e algunha, “Todo o mundo protesta", en galego como xa é habitual nos anteriores traballos. O disco, editado polo mesmo selo dos anteriores, Jabalina Música, foi gravado nos estudios Círculo Polar de O Grove e masterizado por Alan Douche. e incorpora como novidade a introdución de instrumentos de corda e vento, así como arranxos orquestrais.

Máis información en Sono-Tone

Cultura pesenta o primeiro Certame de Bandas de Música Populares con outras medidas de apoio a estes grupos

Xénero: Clásica/Lírica | 24 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

Entre os días 23 e 25 de novembro deste ano celebrarase en Santiago un concurso no participarán 21 nadas do país tras pasar un proceso previo de seleción. Así se anunciou tras unha reunión da conselleira de cultura, Ánxela Bugallo, cos representantes da Federación Galega de Bandas de Música Popular. O certame está concibido como un punto de encontro entre as bandas do país e forma parte dun programa de accións coas que a consellaría quere apoiar e potenciar estas formacións cun investimento total de 250.000 euros. Estes cartos dividiranse entre o devandito concurso, a organización de encontros entre bandas, a participación destas en competicións internacionais, o financiamento de actividades formativas, estudos e renovación e galeguización do repertorio así como un apoio específico para a banda da federación.

Máis informaión en Galicia Hoxe

As firmas dedicadas á xestión de concertos coordínanse na Asociación Galega de Empresarios Musicais

Xénero: Miscelánea | 24 / 5 / 2007

imaxe non dispoñible

O proceso de reorganización do sector da música galega continúa. Desta volta, "El País" achéganos a nova da vindeira constitución da Asociación Galega de Empresarios Musicais (AGEM). Esta nova entidade quere agrupar as firmas que traballan na música en directo e conta xa con trece asociados, entre eles Nordesía, Nocturna, XXL Producións, La Fábrica de Chocolate, Nalgures ou Producións Independentes Culturais.

Máis información en El País e nas nosas reportaxes sobre música

O selo PAI anuncia o lanzamento do primeiro disco do grupo arousán Cornelius

Xénero: Rock | 24 / 5 / 2007 + AUDIO + VIDEO

not_10002.jpg

Nas vindeiras semanas o selo discográfico PAI- Música presentará o primeiro disco do grupo Cornelius que levará por nome "Greatest Hits". Cornelius é unha banda de Vilagarcía de Arousa que veñen de gañar o certame de pop-rock MusicaliA! de Vigo. O seu estilo musical abarca rock, funk, rock&roll, hard rock ou acústico, cantado sempre en inglés. A banda está formada por David "Chiquillo" ás voces, Antonio Casado "El Abuelo" & Toni B. Willisch ás guitarras, Jose Vilas no órgano e piano e a sección rítmica a forman Andoni Arcos ao baixo e Ton Risco á batería. O disco foi mesturado e masterizado por Segundo Grandío no estudio Casa de Tolos e estará nas rúas a partires de xuño.

<< Inicio / Anterior . 3281 a 3290 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR