Ir ao contido directamente.


Noticias

Volve o grupo de cantareiras Faltriqueira ao panorama discográfico con Efffecto

Xénero: Folk | 6 / 6 / 2006

not_8119.jpg

As catro cantareiras de Pontedeume presentan o seu segundo disco “Effecto” (Resistencia, 2006) no conflúen unha variedade de estilos musicais alén dos temas tradicionais. Ana Leira, Carolina Ródriguez, María López e Teresa García foron alternando concertos e xiras cos ensaios onde seleccionaron e prepararon o repertorio do seu novo álbum. Faltriqueira (Resistencia, 2002), o seu primeiro traballo levounas á portada da revista Folk Roots, referente da música con raíces, e conseguiulles a aceptación da crítica especializada, como o demostra o ter sido escollido entre os 10 mellores álbums do 2003 na World Music Charts Europe (lista europea de músicas do mundo). O segundo disco busca a confirmación musical do grupo e, na busca da variedade, alternan as recreacións de temas tradicionais, a cantiga medieval, os ritmos do leste europeo o da Senegal e mesmo a adaptación dun tema folk estadounidense que interpretaran Emmylou Harris, Linda Ronstadt e Dolly Parton. Tamén está presente o “Canto libre” de Víctor Jara. e dous cancións representativas da discografía galega dos anos setenta: “Meu amor mariñeiro” de Fuxan Os Ventos e “Corpiño xeitoso” de Andrés do Barro.

Máis información La Opinión

O Xacobeo presenta os 43 concertos “Vía Stellae”, o festival que substitúe ao Festival de Música de Galicia

Xénero: Clásica/Lírica | 2 / 6 / 2006

imaxe non dispoñible

A formación “Europa Galante” (Auditorio de Galicia, 5 de xullo, 21:00 horas) é a encargada de abrir a primeira edición do Festival de Música de Compostela e os seus Camiños Vía Stellae 2006. Trátase do programa organizado pola Xunta, a través do Xacobeo, que substitúe ao anterior Festival Internacional de Música de Galicia. 43 concertos de música barroca e antiga compoñen un programa que rematará o 25 de xullo. O evento, que pretende converterse no gran festival de música de Galicia, celebrarase en Santiago e en diferentes localidades polas que transcorren as rutas xacobeas.

Máis información sobre o programa en La Voz de Galicia e El Correo Gallego, en La Opinión e máis información na nosa hemeroteca sobre o Festival Internacional de Música de Galicia

O primeiro festival de hip-hop da Coruña pretende reunir a tres milleiros de afeccionados ao xénero

Xénero: Hip-Hop | 31 / 5 / 2006

not_8090.jpg

No Coliseum da Coruña, e coa presentación do actor Serxio Pazos, o espectáculo “Bombos,caixas e cristais” reunirá este sábado día 3 de xuño unha representación do movemento hip-hop en todas as súas variantes. Este festival reunirá a seis grupos nacionais, dous deles galegos –Dios ke te crew e Low & Overground Orkesta- e aos ingleses Foreign Beggars. Tamén haberá espazo e tempo dentro das seis horas para a exhibición de graffiti e o espectáculo de break dance. Serxio Pazos incorporará á súa presentación a interpretación de un rap dedicado ao político Francisco Vázquez. Os promotores do festival, a produtora Gabba Gabba Hey, demandaron un apoio das institucións para converter o festival nun referente galego e nacional.

Máis información no Programa do Festival

Abe Rábade, Quatro D abril, Xavier Blanco e Santi Santos presentan os seus novos traballos

Xénero: Miscelánea | 31 / 5 / 2006

not_8089.jpg

A musica galega está estes días en plena efervescencia xa que catro grupos diferentes están a piques de presentar os seus traballos. Un dos primeiros en facelo é o pianista de jazz Abe Rábade, que presentará o vindeiro domingo “Playing on light”, o seu terceiro traballo discográfico que mestura a poesía da súa irmá, María do Cebreiro, con fotografías de diferentes autores. Por outra banda, os pontevedreses “Quatro D abril” (antes Amigos de Blas) lanzarán ao mercado o vindeiro 13 de xuño o seu primeiro traballo, que se chama igual que o propio grupo. Polo demais, Los Limones presentan “Palabra” o oitavo disco da súa traxectoria discográfica e que conta coa colaboración de Antonio Vega. Por último, a consellaría de Cultura presenta este venres “Gaitas troncais”, o terceiro disco de Xavier Blanco e no que fai un repaso polos distintos tipos destes instrumentos ao longo da historia.

Máis información nos webs de Abe Rábade e no de Quatro D Abril; sobre Los Limones en Diario de Ferrol e sobre “Gaitas troncais” en Atlántico Diario

A discográfica Ouvirmos estrea co primeiro disco de Galegoz un selo dedicado a novos creadores

Xénero: Electrónica | 30 / 5 / 2006 + VIDEO

not_8085.jpg

Co disco "Galician Chimpanzee" do grupo Galegoz iníciase o novo selo Vir dentro da discográfica lucense Ouvirmos. O selo nace para abrir o camiño da co-produción de novos creadores galegos como é o caso deste primeiro disco da banda Galegoz formada por músicos procedentes doutras bandas do panorama musical galego: Xenreira, Nenos da revolta, Matraca Perversa, Jarbanzo Negro, Diplomáticos de Monte-alto, Mutantes Metálicos Band, A Compañía do ruído, etc. Dez temas e 2 videoclips conforman este disco. Bases electrónicas mesturadas con ska, funk,… e salpicadas por letras combativas, irreverentes e surrealistas. Despois de formarse virtualmente ao estilo dos Gorillaz agora dan o paso á gravación e posterior posta en escena do seu primeiro traballo discográfico.

Máis información no sitio de Galegoz

Co seu novo traballo discográfico autoeditado Berrogüetto celebra o décimo aniversario da banda

Xénero: Folk | 26 / 5 / 2006

not_8065.jpg

Cinco anos despois do celebrado disco Hepta (Boa, 2001) o grupo de folk Berrogüetto volve a sacar un traballo discográfico co que ademais celebra o seu décimo aniversario como formación en activo. con “Berrogüetto 10.0” a banda iníciase na autoedición discográfica dando un novo paso na súa carreira. O disco non contén temas tradicionais e os once temas son de composición propia dos membros do grupo buscando con este traballo a esencia da súa identidade musical. Acompañan ao disco fotografías de Karlos Abal e un texto de Rodrigo Romaní. A xira galega de presentación comezará en Vigo o 2 de xuño e levaraos nese mes por toda a xeografía do país.

Máis información en Galicia Hoxe

Kalandraka publica a primeira colección de divulgación infantil de ópera en galego

Xénero: Clásica/Lírica | 26 / 5 / 2006

not_8058.jpg

Os primeiros títulos cos que Kalandraka abre a colección de obras operísticas son “Aida”, de Verdi, e “A frauta máxica”, de Mozart. Cada libro contén un CD con fragmentos das obras musicais, unha adaptación do libreto con ilustracións realizadas por Jordi Bulbena e Josep María Rius, respectivamente, así como unha breve biografía do autor. Esta colección preséntase como unha canle para achegarlles aos lectores máis novos un xénero artístico co que teñen escaso contacto. Kalandraka xa ten experiencia na edición de libros musicais a través da colección Sondeconto, unha serie de albumes nos que colaborou a Orquestra Sinfónica de Galicia. Recentemente ampliárase o catálogo cunha obra na que se interpretaba música de jazz. A publicación de “Aida” e “A frauta máxica” en galego -e simultaneamente tamén en portugués- é froito do traballo conxunto coa editorial catalá Hipótesi, especializada en libros de ópera.

Hoxe comeza en Vigo o festival Sinsal e en Vilagarcía o do Norte, mentres Carlos Núñez e Susana Seivane confirman que irán ao de Lorient

Xénero: Miscelánea | 26 / 5 / 2006

imaxe non dispoñible

Hoxe é un bo día para os afeccionados á música. En Vigo arrinca a edición de primavera do Festival Sinsal coa presenza de Pan Sonic e Salvatore, mentres que en Vilagarcía comeza o Festival do Norte. Placebo, Écho&The Bunnymen, The Divine Comedy son o mais selecto dos catorce grupos dun festival que contará coa presenza de músicos galegos como Manuel Seixas, Neuroband ou Meu. Polo demais, Carlos Núñez e Susana Seivane asistirán a Lorient, o festival celta da bretaña francesa que se sucede do 28 de xullo ao 6 de agosto. E para que non estean sós enriba do escenario, a organización do festival está a gravar un vídeo para dar a coñecer a nosa paisaxe.

Máis información no web do Festival do Norte, no do Sinsal e sobre o de Lorient tamén no seu sitio web

Cinco mozos terán unha carreira musical grazas a un premio da Fundación Paideia e a consellaría de Educación

Xénero: Miscelánea | 23 / 5 / 2006

imaxe non dispoñible

A Fundación Paideia e a Consellaría de Educación acaban de asinar un convenio para crear un premio que lle permita a cinco mozos gravar un CD. Entre os requisitos desta convocatoria figura ter obtivo sobresaliente ou matrícula de honra no concerto fin de carreira, que debe ser superado no ano anterior á edición dos premios. Ademais, os aspirantes interpretarán un repertorio de 60 minutos con obras elixidas de forma libre diante dun xurado formando por músicos, representantes da Xunta e da fundación. A Xunta custeará o 60% mentres que a Fundación Paideia o 40% restante dun CD do que se farán 2.000 copias.

Máis información no web da Xunta e El Ideal Gallego

Brath celebra as súas vodas de prata cun novo disco e anuncia outro para o outono

Xénero: Folk | 21 / 5 / 2006

not_8054.jpg

Con "Intres" xa son dous os traballos discográficos cos que os lucenses Brath celebran os vintecinco anos en activo do grupo despois da saída en decembro pasado do disco de chill out "Bulevar Océano". Nos once temas de "Intres" o grupo liderado por Eloi Caldeiro volve ás súas orixes de folk buscando innovar nos compases o os ritmos. Caldeiro anuncia para outono o vindeiro disco "Servizos informativos", un CD-libro de poemas recitados por el mesmo e letras e músicas adaptadas da última triloxía de Brath e outras inéditas con bases de rap e cancións portuguesas e africanas.

Máis información en Faro de Vigo

<< Inicio / Anterior . 3261 a 3270 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR