Ir ao contido directamente.


Noticias

Lume presenta o seu novo disco “Folk Express”

Xénero: Folk | 27 / 11 / 2006

not_8959.jpg

Once temas conforman o novo traballo do quinteto Lume que estes días comezan a presentar en concerto. “Folk express” é o segundo disco da formación e nel aseguran non perder “o sabor orixinal” do seu concepto musical. Cinco músicos curtidos en grupos como Mutenrohi, Quempallou, Cinnamon Gum, Kerkennai ou tocando con Cristina Pato conforman esta banda, eles son: David González Outumuro na percusión; Roi Maceda, acordeonista; Carlos Campo Seijo no Violín; Diego Fortes a cargo de gaita e frauta e Juan Carlos Fernández Fasero na guitarra acústica. A súa discográfica, Zouma Records, tamén está de actualidade xa que ven de renovar o seu sitio web. A compañía ourensá pon na rede gran cantidade de información actualizada sobre os seus artistas, así como música e vídeos cos que poder coñecer máis o seu son e os seus concertos. Os temas do disco “Folk Express” de Lume poden escoitarse xa na rede no sitio do grupo ou no da discográfica.

Máis información en Zouma Records

Un informe asegura que o ensino da música tradicional move un mínimo de tres millóns de euros

Xénero: Folk | 22 / 11 / 2006

imaxe non dispoñible

Conta con 20.000 estudantes, organizan arredor dunhas 1.350 actividades, ten 640 profesores en 700 centros de ensino espallados por toda Galicia e este ano saen os primeiros titulados superiores da única especialidade que existe no país. Son algunhas das cifras do panorama actual da educación da música tradicional. A súa situación, os problemas e os retos de futuro veñen de pórse de manifesto nun congreso e no primeiro libro branco de educación do sector.

A Consellaría de Cultura proponlle aos concellos un circuítos de concertos organizado en catro eixes

Xénero: Miscelánea | 8 / 11 / 2006

not_8836.jpg

O Auditorio de Galicia, en Compostela, acollerá este sábado a presentación do Circuíto 4x4. Esta iniciativa da Consellaría de Cultura proponlle aos concellos un ciclo de actuacións musicais artelladas en catro eixes: Tradicionais, Canción de Autor, Con-Fusión e Tradición Instrumental, con catro grupos en cada un dos ámbitos. A Xunta asumirá en cada caso o 30% dos custos, correspondendo aos concellos o resto do orzamento. Polo momento non se sabe cantos municipios apostarán polo circuíto, pero un cento de técnicos locais de cultura están convidados á presentación do sábado.

Máis información no web da Consellaría de Cultura; dosier do proxecto en PDF no mesmo web; nova en Galicia Hoxe

O IGAEM anuncia a creación dun circuíto para músicos novos en colaboración con 35 salas privadas

Xénero: Miscelánea | 30 / 10 / 2006

imaxe non dispoñible

A idea é estabilizar a oferta de música en vivo, que se concentra actualmente nos meses verán. Con este fin, o Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais acaba de anunciar a posta en marcha dun circuíto de concertos para bandas novas. Nesta iniciativa o organismo público colaborará con 35 salas privadas de todo o país, coas que se compartirán custos de contratación. Está previsto que uns setenta grupos dedicados a diferentes xéneros participen no programa. Ao tempo, a Dirección Xeral de Xuventude vai pór en marcha trinta locais de ensaio para grupos por todo o país.

Máis información na edición de hoxe de La Región e no web da Dirección Xeral

O Consorcio para a Promoción da Música nomea a Félix Palomero como novo xerente da Sinfónica de Galicia

Xénero: Clásica/Lírica | 17 / 10 / 2006

not_8700.jpg

A Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG) xa ten substituto para Patrick Alfaia. O novo xerente do conxunto é Félix Palomero despois de que a xunta de goberno do Consorcio para a Promoción da Música aprobara onte o seu nomeamento. No curriculum de Félix Palomero (León, 1962) destaca a remodelación artística e administrativa das dúas formacións pertencentes ao Instituto Nacional das Artes Escénicas, a Orquestra e os Coros Nacionais de España, durante os seis anos que estivo como director técnico.

Máis información en La Voz de Galicia e no web da Sinfónica de Galicia

A Filharmonía de Galicia presenta a temporada de abono despois da primeira xira americana

Xénero: Clásica/Lírica | 16 / 10 / 2006

not_8697.jpg

Despois da súa primeira xira sudamericana, a Real Filharmonía presenta este xoves a temporada musical. Das 30 citas que se sucederán ata o vindeiro 14 de xuño no Auditorio de Galicia, destaca a inclusión no seu repertorio de bandas sonoras cinematográficas. Un día despois, o venres 20, comezará en Vigo unha nova edición do “Are more”, un ciclo de música clásica que este ano conta con dúas liñas de traballo: dunha banda programar concertos fóra de Vigo e, da outra, un cartel de calidade pero sen as grandes figuras doutras edicións. Por último, Patricia Barber e Christian McBride serán os principais reclamos do Festival de Jazz de Lugo que terá lugar entre o 13 e o 18 de novembro.

Máis información nos web da Real Filharmonía e no do Festival de Jazz de Lugo
e do Festival Are More

Tres músicos abandonan a formación de Los Limones pero o proxecto permanecerá arredor de Santi Santos

Xénero: Pop | 9 / 10 / 2006 + VIDEO

not_8659.jpg

A volta do grupo ferrolán Los Limones co seu recente disco “Palabra” está complicarse, polo menos de portas a dentro, coa disgregación da actual formación. No foro do sitio oficial do grupo aparecen desde finais de setembro mensaxes avisando sobre unha ruptura que xa foi confirmada polo guitarrista Miguel De La Cierva, que asegura que tanto el como o batería Pipo García e o veterano Álvaro Lamas, ao cargo da steel guitar, abandonan a actual formación. Desde a discográfica Carlito Records negan que se poida falar de ruptura xa que segundo eles “Los Limones é Santi Santos”, e engaden “el ten todos os dereitos e é o líder”, asegurando que a existencia do proxecto musical Los Limones enténdese só como acompañamento arredor do músico ferrolán. Así postos Los Limones seguirá coa promoción de “Palabra” con Santi Santos á fronte pero cambiando substancialmente a formación coa que se presentou neste disco.

Comeza en Vigo a segunda fase eliminatoria do concurso de grupos MusicaliA 2006

Xénero: Rock | 5 / 10 / 2006

imaxe non dispoñible

Cun concerto dos grupos Killer Barbies e Grasa celebrarase este venres o comezo da segunda fase do concurso MusicaliA 2006 na que concorren trinta e seis grupos de pop e rock. O concurso está patrocinado pola Concellería de Xuventude do Concello de Vigo e pretende apoiar e fomentar a ilusión dos grupos de Galicia e do norte de Portugal que buscan abrirse camiño no mundo da música. Na primeira fase máis de 100 grupos enviaron as súas maquetas e realizouse unha preselección por parte de profesionais da música onde se valoraba especialmente a orixinalidade e a calidade das composicións, tanto nos textos coma na musicalidade. A segunda fase consiste nunha serie de concertos nos que os 36 grupos seleccionados actuarán en directo a razón de tres grupos por noite. O xurado puntuará agora a posta en escena e escollerá a tres grupos que pasarán á final. Os concertos comezarán o venres 13 de outubro e terán lugar todos os venres dos meses de outubro e novembro do presente ano e de febreiro e marzo de 2007. A celebración da gran final será o venres 30 de marzo de 2007.

Máis información en Xornal de Vigo

Un álbum interpretado pola Orquestra Sinfónica de Galicia opta aos Grammy Latinos

Xénero: Clásica/Lírica | 4 / 10 / 2006

not_8633.jpg

“Concerto barroco” é o nome do álbum co que Víctor Pablo Pérez e o guitarrista cubano Manuel Barrueco son candidatos aos Grammy Latinos. A Orquestra Sinfónica de Galicia foi a intérprete dun álbum que se gravou no Pazo da Ópera da Coruña, baixo a produción de Martín Compton en decembro en 2002 e foi publicado en maio de 2005. A “Tambuco & Southwest Chamber Music” e a Sinfónica de Berlín son dous dos seis aspirantes que asistirán á gala de entrega de premios que terá lugar o 3 de novembro en Los Ángeles.

Máis información no web dos Grammy Latino e no da Sinfónica de Galicia

Os vigueses Kannon sepáranse por falta de motivación despois de nove anos no escenario

Xénero: Rock | 27 / 9 / 2006

not_8596.jpg

Por medio dun comunicado no seu sitio web o grupo anunciou a súa disolución como banda despois de nove anos de traballo musical. A preparación da que sería súa cuarta xira por toda España deixou ver unha falta de motivación da banda de rock e o encontro de diferentes opinións no seno da formación; ante esta situación os cinco membros da mesma decidiron que chegara o momento da separación. Con catro discos publicados como legado, a banda composta por Vicente Folgar, Anxo Bautista, David Álvarez, Uka e hbt.Ouzo despídese dos seus seguidores agradecéndolles o seu apoio “por haber estado aí e permitirnos chegar ás vosas casas e cidades e vivir unha experiencia tan especial como foi tocar en Kannon”, din no comunicado. Kannon presentou neste ano o seu CD + DVD "Destino".

Máis información no sitio de Kannon

<< Inicio / Anterior . 3221 a 3230 de 3425 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR