Ir ao contido directamente.


Noticias

Cangas rexeita a escola de gaitas da Deputación de Pontevedra

Xénero: Folk | 20 / 9 / 2007

imaxe non dispoñible

O debate sobre o modelo de escolas de gaitas de Deputación de Pontevedra volta á actualidade. Desta volta é o Concello de Cangas o que rexeita continuar a súa colaboración neste sentido co organismo provincial por considerar que o modelo de ensino non se corresponde co estilo tradicional galego. Esta acción reabre o acendido debate que sobre estes centros se desenvolveu ao longo de 2005 entre a Asociación de Gaiteiros Galegos e a Deputación.

Máis información no Faro de Vigo, La Voz de Galicia e nos nosos arquivos

A Real Filharmonía de Galicia grava obras de Mompou coa mezzosoprano Marisa Martins

Xénero: Clásica/Lírica | 19 / 9 / 2007

not_10661.jpg

Antes do inicio da temporada de abono a Real Filharmonía ven de rematar esta semana a gravación no Auditorio de Galicia de catro pezas compostas polo compositor catalán Frederic Mompou, falecido hai agora 20 anos. Baixo a dirección de Antoni Ros Marbà, Warner Music poñerá en valor toda a calidade artística de Mompou, coa edición deste disco, que inclúe as pezas El Combat del Somni, a Suite Compostela, 5 Poemas sobre textos de Paul Valéry e Cançons i danses. O mestre Ros Marbà é o autor dos arranxos ás tres primeiras obras da gravación. A mezzosoprano hispano-arxentina Marisa Martins é a encargada de poñer voz ás pezas. Foi a viúva de Mompou, Carmen Bravo, recentemente falecida, quen legou ao mestre Ros Marbà unhas cartas nas que manifestaba o seu desexo de que fose Martins quen cantase as composicións do seu marido. O disco entra agora en proceso de post-produción e aínda non se coñece a súa data de presentación.

Máis información en El Correo Gallego

Deluxe súmase á representación de músicos galegos en Popkomm

Xénero: Miscelánea | 18 / 9 / 2007

not_10362.jpg

Coas portas da décimo novena edición da feira Popkomm a punto de abrirse en Berlín a embaixada musical galega ultima os seus preparativos. Ás xa previstas actuacións de Faltriqueira, Berrogüetto e Lamatumba no programa “Sounds from Spain” súmase agora a presenza de Deluxe. Xoel López presentará as súas cancións do disco “Fin de un viaje infinito” o día 20 na gala "European Music & Media Night", na que compartirá escenario con seis músicos de outros países. Ademais, a conselleira Ánxela Bugallo acaba de anunciar que estará presente na feira e manterá xuntanzas con empresas e grupos musicais. O evento, que vai pola súa terceira edición, reúne a moitos executivos musicais, representantes de multinacionais e provedores de servizos.

Máis información en Popkomm
e na EMMN

A innovación musical centra as últimas citas do festival Sinsal 2007

Xénero: Alternativa | 18 / 9 / 2007

imaxe non dispoñible

O cuarteto da República de Tuva, Huun-Huur-Tu compón o cartel da “Estación verán” do Festival Sinsal 2007, que terá lugar o 1 de outubro no Centro cultural de Caixanova. A “Estación outono” terá un programa dobre no que Litius, The Exploding Star Orchestra e Sea&Cake (28 de outubro) e Raccoo-oo-oon e Acid Mothers Temple & The Melting Paraíso UFO, ofrecerán propostas arriscadas, inusuais e comprometidas. Un programa que converte esta nova edición do Sinsal nun dos referentes da música alternativa e innovadora do país.

Máis información no web do Festival

Os boirenses Supersandwich gañan a primeira edición do certame “Nsaio no camiño”

Xénero: Miscelánea | 17 / 9 / 2007 + VIDEO

not_10650.jpg

Na final celebrada o pasado sábado máis de catro milleiros de persoas reuníronse no Pazo de Feiras e exposicións de Lugo para ver as actuacións dos seis grupos finalistas e a posterior actuaciópn do grupo Los Suaves. Supersandwich, formado por once músicos, acudiu como finalista na categoría de mestizaxe do certame. Os composteláns “Pito de Pikasso” foron finalistas na modalidade de rock, o grupo de Ponteareas Capitán Furilo o foron na categoría de pop mentres de Colectivo Oruga, Coanhadeira e Solemne eran finalistas nas categorías de novas tendencias, folk e hip-hop respectivamente. Supersandwich mestura a rumba o ska e o rock sobre unha base funky. O premio, valorado en 30.000 euros, consiste na gravación e promoción dun disco. A Dirección Xeral de Xuventude anunciou a intención de editar un disco coas cancións dos finalistas e a preparación dunha segunda edición deste certame.

Máis información en El Progreso

Hoxe sae á venda o segundo disco longo de Marco Maril en solitario como Apenino

Xénero: Pop | 17 / 9 / 2007 + VIDEO

not_10636.jpg

Tres anos despois do seu anterior disco “Bumerán, Bumerán” o santiagués Marco Maril volveu pasar polos estudos Abrigueiro de Arturo Vaquero en Friol para gravar “Un rayo de sol”, editado por Jabalina Música. Das dez cancións deste novo traballo de Apenino nove delas son propias e hai unha versión de The Field mice. A súa música ofrece un pop de corte electro-acústico sobre unha base electrónica, que culmina un amplo espectro de arranxos que van desde o máis modesto ruído, á orquestración máis rotunda. Marco A. Maril creou Apenino despois de desfacer o grupo Dar Ful Ful que compartía con Xabi Font, tamén formou parte do grupo Hemisferio Izquierdo e Fulsomes, así como creou tamén o alter-ego El Oso Goloso para outras aventuras musicais paralelas a Apenino.

Máis información en Jabalina Música

Os compositores galegos de finais do XIX trasladaron á música a identidade do país

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 9 / 2007

imaxe non dispoñible

Cando se cumpren cen anos da estrea oficial do himno galego na Habana, a Universidade de Santiago celebra unhas xornadas para pór en común diferentes visións sobre o papel identitario que desenvolveu a música no século XIX. Precisamente un dos profesores participantes das xornadas, Luís Costa, explica que os coros e os compositores galegos desenvolveron un papel fundamental no desenvolvemento da nosa identidade. Na súa opinión, tanto Aires da Terra, que marcou os camiños do coralismo, como Veiga, Montes ou Chané como directores de diferentes orfeóns, foron quen de ofrecer música con carácter voluntario.

Máis información en Galicia Hoxe

Juan Rivas participa con dous temas de “Mundo feliz” na banda sonora da película Babykiller

Xénero: Pop | 14 / 9 / 2007

not_10626.jpg

O músico vigués Juan Rivas segue mantendo de actualidade o seu disco “Mundo feliz”(Pop&Co, 2007) que presentou por todo o estado acompañado da banda Donatore di Groove. O cantante foi contactado polo director de cine Miguel Martí, que despois de asistir a un concerto decidiu inserir na súa película “Barbykiller” dous temas deste disco e mesmo a aparición de Rivas na longametraxe, próxima a estrearse. O novo vídeo do tema “Como un tonto” cantado a dúo con Germán Coppini inclúe xa imaxes da película e dos seus protagonistas: César Camino e Macarena Gómez.

Vídeo de Como un tonto"

Unha edición facsímile recupera o “Cancioneiro Gallego” de Bal y Gay

Xénero: Clásica/Lírica | 13 / 9 / 2007

imaxe non dispoñible

Vigo acollerá a presentación a vindeira semana unha edición facsímile do “Cancioneiro Gallego”. Esta obra do músico Bal y Gay, considerado un dos piares da nosa etnomusicoloxía, foi a primeira que se desenvolveu a través dunha recollida no rural e supuxo unha ruptura cos sistemas de traballo previo. O libro conta cun prólogo do catedrático da USC Carlos Villanueva, que reclamou a necesidade de recuperar material inédito vencellado a esta obra.

Máis información en Galicia Hoxe e nos nosos arquivos

O segundo disco de Fanny + Alexander saerá á rede no vindeiro outubro

Xénero: Indie | 12 / 9 / 2007 + AUDIO + VIDEO

not_10616.jpg

O segundo disco longo do dúo compostelán Fanny+Alexander verá a luz o vindeiro mes de outubro no netlabel A Regueifa a súa obra baixo licenza Creative Commons. Co título de "Finais dos 70s, comezos dos 80s" Noel Feáns e Efi Arias presentan nove temas, sete propios e dúas versións de Fuxan os Ventos e The Smiths, nos que continúan o vieiro iniciado no seu debut Lusco e Fusco mesturando pop, electrónica, rock, hip-hop e música tradicional galega. As letras serán, de novo, adaptacións de obras de poetas galegos, dende Elvira Riveiro a Pilar Pallarés pasando por Daniel Salgado, Carvalho Calero e Lois Pereiro. O primeiro “single”, “Danzarei para ti (se botas outra moeda)”, xa pode escoitarse no seu Myspace, mirarse en Youtube e e descargarse en mp3 na Regueifa.

<< Inicio / Anterior . 3201 a 3210 de 3576 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR