Noticias
Dezanove cancións desde Galicia para Eurovisión
Xénero: | 18 / 2 / 2008
Agora que a páxina de votacións de My Space volve estar operativa contabilízanse 19 artistas ou grupos de Galicia que están a optar a ir a Serbia no Festival Eurovisión 2008 representando a RTVE. Estes artistas galegos supoñen o 3,5% entre os 532 que colgaron as súas cancións na rede. Entre eles podemos atopar nomes moi coñecidos da escena musical como o dúo Austria, Elodio y los seres queridos, Tony Lomba ou o grupo Nueve8seis. Na distribución provincial Pontevedra está a cabeza con dez propostas, da Coruña son outros seis, por Ourense hai dúas candidaturas e en Lugo Isidrez representa á música da provincia en solitario. A día de hoxe o grupo ourensán Los Wachos xa se sitúa entre os 10 máis votados con máis de 2.300 votos á súa canción Wacho Wacho. Todos os que queiran apoiar a algún destes artistas teñen ata a media noite do vindeiro luns 25 de febreiro para votar por eles.
Compostela celebra cun concerto a presentación do catálogo dos grupos que usan os locais municipais de ensaio
Xénero: | 14 / 2 / 2008
As formacións Mito Escrito, Hyde casino, Sinestesia e Bronquitis Crónica será as encargadas de darlle son mañá á noite na Sala Capitol para a entrega destes cadernos promocionais. O “book”, presentado hoxe aos medios polo concelleiro de Xuventude Xosé Baqueiro, ofrece información de estilo, repertorio e contacto de 32 dos máis de cincuenta grupos que utilizan as instalacións municipais. Esta acción ten como fin aumentar a presenza destas formacións ante os medios e os promotores musicais públicos e privados, por iso distribuiranse exemplares, ademais de entre os músicos, a produtoras de espectáculos e concellos. O Concello compostelán tamén prepara a celebración dun concurso de grupos noveis así como levar a acabo o intercambio de bandas con outras localidades adscritas á Rede Galega de Locais de Ensaio apoiada pola Dirección Xeral de Xuventude. Baqueiro apuntou aos concellos de Boiro e Vigo como dúas posibilidades viables da iniciativa de intercambios.
Os Premios da Música contan con nove galegos que acaparan dez candidaturas
Xénero: | 14 / 2 / 2008
Baldo Martínez, Carlos Jean, Deluxe, Luar Na Lubre, Luz, Carlos Núñez, Mercedes Peón, Triángulo de Amor Bizarro e Xosé Manuel Budiño son os finalistas galegos na XII edición dos Premios da Música. Luar na Lubre acumula dúas candidaturas, a mellor álbum tradicional e a mellor canción en galego, onde compite con Mercedes Peón, Budiño e Deluxe. O proxecto de Xoel López opta tamén a mellor álbum pop, mentres Baldo Martínez aspira a ser o mellor disco de jazz, Luz a mellor canción e Triángulo de Amor Bizarro pode ter o mellor álbum de rock alternativo. Pola súa banda, o ferrolán Carlos Jean participa dunha candidatura a mellor produtor artístico pola súa participación no álbum “Papito” de Miguel Bosé. Carlos Núñez opta a mellor disco de fusión por "Cinema do mar".
Ritmos brasileños enchen o concerto de inverno do Festival Sinsal
Xénero: | 13 / 2 / 2008
Unha mestura de samba, rock de garaxe e bolero, todo modulado con adobíos electrónicos e retallos de bossa nova. Así é como definen no sitio web do Festival Sinsal o concerto de “Kassin+2”, o que compón a “Estación de Inverno” deste festival vigués. Un certame que se complementa coa “Extensión Salón Teatro” que se desenvolve no teatro santiagués ata o mes de marzo.
Grupos galegos participarán na xira “Artistas en ruta”
Xénero: | 13 / 2 / 2008
O tres grupos que representarán o noroeste do Estado na xira “Artistas en ruta” serán galegos. Diego Massimini, ISGA Collective e Safari Orquestra participarán no evento que organiza a Asociación de Intérpretes y Ejecutantes, que inclúe na mesma área que Galicia a Castela León e mais a Asturias. Outros que sairán de xira serán os gañadores do certame ACoruñaSon. Un convenio co Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais e co colectivo Clubtura permitirá que os grupos vencedores actúen na Rede Galega de Música ao Vivo.
Ouvirmos recupera gravacións do coro Cantigas da Terra nos anos vinte
Xénero: | 8 / 2 / 2008
A discográfica Ouvirmos presenta estes días un novo disco-libro da súa colección A Tiracolo de gravacións históricas. Neste caso son as interpretacións rexistradas entre 1921 e 1928 polo coro coruñés Cántigas da Terra, que leva en activo desde 1917. Neste case século de historia, iniciada interpretando o himno galego, reuniron un variado repertorio e o arquivo coral mellor conservado. Algunhas desas pezas están agora restauradas e incluídas no número 14 desta colección: "Estampas coruñesas 1921-1928". Neles recollen a primeira gravación do clásico Negra sombra; o Himno a Galicia, que contribuíron a afianzar; e O quer que lle quer, entre outros fitos.
Xosé Manuel Budiño faise co Premio Opinión polo seu traballo “Home”
Xénero: | 4 / 2 / 2008 + VIDEO
O VII Premio Opinión, que recoñece o mellor disco folk galego, foi para Xosé Manuel Budiño por “Home”. Deste xeito, convértese no primeiro artista que repite como gañador do mellor álbum do ano, xa que recibiu o galardón en 2004 por “Zume de terra”. Budiño acadou a máxima puntuación, seguido por “Entre trastes” e “Fía na roca”.
Contempopránea homenaxeará a Golpes Bajos
Xénero: | 1 / 2 / 2008
O festival da escena indie Contempopránea, en Badajoz, dedicará a súa decimo terceira edición, a homaxear ao desaparecido grupo vigués Golpes Bajos, paradigma da época dourada do pop nos anos 80. A organización pedirá a todos os grupos e artistas participantes a realización dunha versión dalgunha das cancións do grupo galego. As murallas do castelo de Alburquerque acollerán este festival entre o 25 e o 26 de xullo. Está prevista tamén a actuación de Germán Coppini e Maga repasando o seu propio repertorio con Golpes Bajos. Tamén actuarán Deluxe, Sidonie e Facto delafé y las Flores Azules entre outros.
Unha formación lucense fixo a primeira gravación do himno galego
Xénero: | 1 / 2 / 2008
O 20 de decembro de 1907 tiña lugar no Gran Teatro de La Habana a primeira interpretación pública e solemne do Himno galego. Pero a primeira gravación desa partitura tivo lugar moito despois, en 1918. Así o afirma a casa discográfica Ouvirmos, que asegura que foi o coro “Cantigas e Aturuxos” de Lugo quen fixo o primeiro rexistro e non “Cantigas da terra” da Coruña, considerada ata o de agora como pioneira.
As discográficas galegas voltan do Midem con acordos comerciais
Xénero: | 1 / 2 / 2008
Zouma Récords, a Fábrica de Chocolate e Falcatruada voltaron con acordos do Mercado Internacional do Disco e da Edición Musical (Midem) que pechou onte en Cannes. Deste xeito, Zouma conseguiu un distribuidor do seu catálogo para Francia e acordou traballos de xestión e dirección neste mesmo país e no Reino Unido. Pola súa banda, La fábrica de Chocolate sentou as bases dunha estrutura ibérica e latinoamericana para a promoción dos seus artistas e a distribución do seu catálogo. Finalmente, Falcatruada realizou contactos para a distribución dixital do seu repertorio. En xeral, os participantes amosáronse contentos dos resultados que obtiveron neste encontro.


