Ir ao contido directamente.


Noticias

A Regueifa presenta as novidades discográficas de Ataque Escampe e Vale Tudo

Xénero: Indie | 28 / 2 / 2008 + VIDEO + AUDIO

not_11664.jpg

“Galicia es una mierda” é o segundo disco do grupo compostelán Ataque Escampe formado por Roi Vidal, Marco Gelpi, Samuel Solleiro, Miguel Mosqueira e Alex Charlón, o disco gravouse no estudio Pousada Son de Ames. Con trece cancións, 47 minutos de musica, o grupo de rock pretende acoller “todas as contradicións existentes na Galiza, no mundo e na historia da música. De Manuel Antonio aos Tonechos, de John Wayne a Lenin, e de Neil Young aos Panchos.” Por outra banda os lucenses Vale Tudo estréanse cun disco homónimo de seis temas. Vale Tudo nace en 2003 a partires de ideas que non tiñan cabida en Triquinoise grupo do que formaban parte, Rafael Mallo e Oscar Vilariño, os dous membros de Vale Tudo. O grupo fai unha revisión de estilos como o blues e o folk americanos pasados por un filtro de experimentación e aderezados con letras “concretas, suxerintes e esqueléticas.” Como é habitual o netlabel A Regueifa Plataforma publica os discos completos na rede baixo licencia Creative Commons 2.5, tamén estarán dispoñibles copias á venda.

A Fundación Barrié organiza o seu XIII Ciclo de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 28 / 2 / 2008

imaxe non dispoñible

Serán sete concertos gratuítos, catro na Coruña e tres en Vigo. A Fundación Barrié inicia o vindeiro cinco de abril o seu XIII Ciclo de Jazz, que se desenvolverá ata o vindeiro oito de maio. John Zorn, MacCoy Tyner, Richard Galliano & Tangaria Quartet, Miriam Aida, Rhoda Scott, David Kikosky e Pepe Habichuela son os artistas que participan nesta edición. O diálogo do jazz con música coma a bossa nova, o blues, o soul ou o flamenco é o eixe do programa.

A zanfona será a protagonista da actividade musical de Ferrolterra con dous eventos paralelos

Xénero: Fusión | 27 / 2 / 2008

not_11654.jpg

A Asociación do Conservatorio de Música Tradicional e Folque presenta dúas producións coincidentes nesta fin de semana en Ferrolterra e que teñen a zanfona como denominador común. Por unha banda o Concello de Narón promove o 4º Encontro de Zanfona Contemporánea, un referente consolidado para os interesados neste instrumento. Dentro do programa o mestre francés Valentin Clastrier será o encargado dun curso intensivo do instrumento nas instalacións do convento-pazo de Baltar. Organízase tamén un escenario aberto para zanfonistas solistas ou en formación (tamén con outros instrumentos) con entrada de balde o sábado 1 á noite. En paralelo, o ciclo “Diálogos con zanfona” ofrece no Teatro Jofre 3 concertos en dous días promovidos polo Concello de Ferrol. O venres a Baldo Martínez Grand Ensemble interpretarán, en clave de jazz contemporáneo, un repertorio inspirado na música de raíz das terras do Miño fronteirizo. Nos concertos do domingo Germán Díaz trae o espectáculo “O sea, π” e actuará en solitario o austríaco Matthias Loibner.

“O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita

Xénero: Folk | 26 / 2 / 2008 + DOCUMENTO + AUDIO

tem_11649.jpg

Catrocentas partituras de gaita do noso acervo tradicional, transcritas con dous métodos e catrocentos setenta e oito arquivos de audio en formato MP3. Isto é que o que achega “O pentafol”, unha monumental obra que o gaiteiro Alberte Sanmartín presentaba a pasada samana. A iniciativa, que nace con vocación de ser “a biblia dos gaiteiros”, amosa as posibilidades de recuperación da nosa música tradicional.

TAB, Franc3s e The Blows tocarán no Festival do Norte

Xénero: Indie | 26 / 2 / 2008

not_11382.jpg

A música dos grupos galegos entra con forza no cartel do Festival do Norte. A organización do evento de Vilagarcía ven de anunciar as novas confirmacións de actuacións. A novidade trae a incorporación de tres bandas sobresaíntes da escena actual independente: Triángulo de Amor Bizarro, Franc3s e The Blows. Asemade tamén se confirmou a presenza dos canadenses Broken Social Scene, os escoceses Sons & Daughters, e os españois Hidrogenesse e Tachenko. A anterior confirmación de grupos foi en xaneiro e aínda se agardan próximas novidades para o evento arousán dos vindeiros 16 e 17 de maio.

A segunda edición do Circuíto Cultura Vai 4x4 achegará os seus concertos aos concellos galegos entre abril e xuño

Xénero: Miscelánea | 25 / 2 / 2008

imaxe non dispoñible

Canción de autor, fusión, tradición e jazz son os catro bloques que compoñen a segunda edición do Circuíto Cultura Vai 4x4 que acaba de presentar a Consellaría de Cultura. Ata o vindeiro vinte de marzo os concellos interesados poden contratar as actuacións, que pagarán a medias co departamento autonómico. Carmen Dor, Silvia Penide, Narf, Treixadura, Mercedes Peón, Víctor Aneiros Band, Quempallou, Abe Rábade Trío ou Xacobe Martínez Fernández Quinteto serán algúns dos dezaseis grupos que participan do programa.

Ouvirmos e Falcatruada participarán nun foro musical en Pequín

Xénero: Miscelánea | 22 / 2 / 2008

imaxe non dispoñible

O Foro Hispano-Chinés da Música, que se celebra entre 25 e o 27 de febreiro en Pequín contará coa presenza de dúas discográficas galegas. Falcatruada e Ouvirmos acudirán a este encontro da man o Instituto Español de Comercio Exterior coa intención de descubrir as particularidades do sector musical chinés e introducirse nos tipos de contratos e licencias necesarias para producir e distribuír os seus traballos neste país.

Volve o blues en galego no novo disco de Víctor Aneiros

Xénero: Jazz/Blues | 21 / 2 / 2008 + VIDEO + AUDIO

not_11617.jpg

O bluesman Víctor Aneiros e a súa banda comezan este venres 22 e sábado 23 na sala B-Flat en Matosinhos (Portugal) a xira de presentación do seu novo traballo “Heroe secreto”. O disco, editado polo selo vasco Gaztelupeko Hotsak, é o cuarto na traxectoria do grupo liderado polo guitarrista e cantante ferrolán. Como xa fixera no seu anterior traballo Aneiros volve cantar blues en galego. No disco, as letras do ferrolán conviven con outras de autores clásicos, como Rosalía de Castro (Soia), e contemporáneos, como o eumés Ramiro Fonte (Na barra). Para presentar estas e outras cancións, a Aneiros, sobre o escenario, acompañaranlle os seus músicos de sempre: Xacobe Martínez (contrabaixo), Manolo Gutiérrez (piano) e Marcos Sánchez (batería). A presentación en terras galegas do disco será na sala Breogain de Vigo o vindeiro 29 de febreiro.

Triángulo de Amor Bizarro e la Mala Rodríguez no cartel da XXXIII Festa do Queixo

Xénero: Miscelánea | 21 / 2 / 2008

not_11616.jpg

O festival do queixo de Arzúa xa presentou o cartel de actuacións da súa trixésima terceira edición para os vindeiros 1 e 2 de marzo. No sábado a rapeira La Mala Rodríguez encabeza o elenco de artistas no Campo da feira onde tamén estarán Muchachito Bombo Inferno e os galegos Triángulo de Amor Bizarro que actuarán na Praza da Vila. No domingo á tarde actuarán no Campo da Feira as cantareiras Malvela e no mesmo sitio á noite estará o Pepe Vaamonde Grupo. Todas as actuacións son de balde.

A primeira partitura do himno galego é de 1906

Xénero: Coral | 18 / 2 / 2008

imaxe non dispoñible

Unha adaptación para banda arranxada por Felipe Pereira en 1906. Esta é a partitura máis antiga que se coñece do Himno Galego, e posiblemente, a que se empregou para a estrea oficial da peza na Habana. A investigación para a mostra “A Nosa Voz”, que se pode ver estes días na igrexa de San Domingos de Bonaval, Compostela, tirou a luz recentemente este documento, que se conservaba no arquivo da Banda Municipal da capital cubana.

<< Inicio / Anterior . 3101 a 3110 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR