Noticias
Abe Rábade reivindica a actualidade de Rosalía en chave de jazz
Xénero: | 11 / 3 / 2008 + AUDIO + IMAXES
Desde hoxe estará nas tendas o disco “Rosalía 21” (Falcatruada) saído do espectáculo multimedia co mesmo nome que se presentou no Teatro Mella da La Habana o pasado 23 de febreiro. O espectáculo, dirixido musicalmente por Abe Rábade e literariamente polo poeta Anxo Angueira, proporciona unha visión contemporánea da poesía de Rosalía de Castro (1837 – 1885). O disco conta con dez temas con textos da poeta compostelá e un corte extra cun fragmento do prólogo de Cantares Gallegos. A declamación dalgunhas das obras de Rosalía na voz de Angueira vaise mesturando coa música en chave de jazz composta por Rábade e a poesía cantada por Guadi Galego. O proxecto procura “unha renovación estética da temática rosaliana adaptada aos novos tempos:melodía, timbre, harmonía e ritmo.” No disco participan Abe Rábade (piano e composición), Anxo Angueira (voz recitada), Guadi Galego (voz), Jesús Santandreu (saxo tenor), Nelson Cascais (contrabaixo) y Bruno Pedroso (batería).
O Xacobeo programa un festival para as localidades polas que pasa o Camiño de Santiago
Xénero: | 11 / 3 / 2008
Dez localidades do concello de Lugo polas que transcorre algunha das variantes do Camiño de Santiago (Camiño do Norte, Ruta Primitiva ou Francesa) estarán de festa no meses de xullo e agosto. Isto é posible grazas a “Artes do Camiño”, o festival que impulsa a Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo. Un evento que engloba máis de sesenta actividades entre teatro concertos, poesía, danza ou luthería e que ten un orzamento de 380.000 euros. O violinista Benjamin Kreith, o frautista Carlos Cano ou o bailarín Jurik Kondraj son algúns dos artistas que formarán parte deste festival.
O IGAEM publica os datos definitivos da Rede Galega de Música ao Vivo do 2007
Xénero: | 10 / 3 / 2008
Setenta e cinco grupos ou solistas percorreron o país durante o 2007 actuando en corenta e oito salas ao abeiro do programa da Rede Galega de Música ao Vivo no que o erario público corría con parte dos gastos do pago aos artistas. O boletín e_scena do IGAEM publica no seu número de marzo os datos dos resultados en funcións, facturación e asistencia. O balance total é de 798 funcións, unha facturación de 94.181 euros e máis de 37.000 persoas asistindo aos concertos. As cifras detalladas debullan significativas diferenzas de éxito entre as diferentes propostas e salas. Así o grupo que conseguiu unha mellor facturación por concerto foi a formación feminina Faltriqueira que acadou unha media de 387,70 euros, séguena os grovenses Nadadora e Dios Ke te Krew con algo menos de trescentos euros de media. No outro lado do espectro sitúanse os solistas Xoán Curiel e Diego Massimini con 38,10 euros e 40 euros de media por concerto respectivamente. Desde o lado das salas tamén pode verse que foron a Sala Aturuxo de Bueu e a Sala Ache de Marín as mellor paradas cunha media de 298,30 euros e 228,68 euros de facturación media por concerto, mentres que a Sala Badulake de Ordes foi a que menos recadou cunha estimación de 24,60 euros por concerto. No que a asistencia se refire o Forum Celticum de Culleredo conseguiu unha media de 132,72 espectadores por concerto, a cifre máis alta en contraposición aos 15, 53 de La casa de Arriba en Vigo. A ocupación media das salas foi do 35,92 por cento.
Santiago e Vigo celebran a Semana Santa con senllos programas musicais
Xénero: | 10 / 3 / 2008
Chega a Semana Santa e os concellos de Santiago e Vigo acaban de presentar a súa programación musical para estas datas festivas. Santiago organiza a terceira edición do Festival de Músicas Contemplativas, co que o Consorcio pretende abrir o patrimonio eclesiástico que restaura como sede para varios concertos. Pola súa banda, baixo o título “O misticismo nas culturas europeas” comeza a oitava edición do Ciclo de Música Sacra que organiza o concello de Vigo. Tres grupos estranxeiros e un galego integran un cartel que se desenvolve sempre no mesmo espazo, a igrexa de María Auxiliadora.
O novo de Iván Ferreiro poderá descargarse da rede antes da saída en tendas
Xénero: | 6 / 3 / 2008 + VIDEO
O vindeiro día 13 de marzo Iván Ferreiro comeza xira co seu disco “Mentiroso, mentiroso” aínda sen saír ás tendas, pero cunha expectación máis que segura. Así o demostra o feito de que xa estean esgotadas as entradas para dous dos seus concertos máis importantes, en Madrid e Barcelona, o que xa motivou a ampliación dun concerto máis na capital española. “Mentiroso, mentiroso” estará nas tendas o vindeiro 25 de marzo aínda que o músico ofrece aos seus seguidores a posibilidade de descárgalo esta fin de semana da súa páxina web ou escoitalo íntegro nela. A xira de Iván Ferreiro chegará a Galicia o día 23 de maio, ao Pazo da Cultura de Pontevedra, sendo Lugo e Santiago as súas seguintes paradas en xuño. O grupo Stereotipos, gañadores da primeira edición do certame Nova Xove Music, acompañará a Ferreiro na xira española.
Comeza a xira do musical “Galleciae” que mestura tradición galega coa sinfónica
Xénero: | 6 / 3 / 2008
A soprano Susana de Lorenzo, o tenor Alberto Cunha, o grupo folk Liorna, as cantareiras e o grupo de baile da agrupación “Trompo ós pés” mais a Orquestra Sinfónica de Melide son os artistas que participan en “Galliciae”, un variado espectáculo musical galego. Malia que a obra se estreou o pasado mes de agosto, agora comeza a xira que a levará por Santiago, Ferrol e A Coruña.
Os Premios Opinión premiarán traxectorias sobranceiras a prol do folk
Xénero: | 3 / 3 / 2008
Na súa vindeira edición os Premios Opinión de música folk incluirán un novo galardón para premiar o apoio persoal, empresarial ou institucional á música tradicional. O novo galardón que presenta esta sétima edición dos premios convocados polo xornal coruñés servirá para recoñecer e homenaxear a figuras que resultaron de especial importancia para a evolución artística e industrial do folk no país. O premio non ten dotación económica sendo puramente honorífico. Ata o de agora estes premios só premiaban traballos discográficos de folk galego editados no ano anterior.
O Festival Mozart concéntrase nun mes e estrea director artístico
Xénero: | 3 / 3 / 2008
O Festival Mozart busca unha maior proxección nacional e internacional. E para conseguilo está a ultimar unha serie de cambios que xa se verán na edición de 2008. O primeiro deles pasa polo novo director artístico, Paolo Pinamonti, que contratou Félix Palomero e que pretende darlle un cambio á programación e contidos do festival para centralo só no compositor salzburgués. O segundo ten que ver coa duración do evento que pasa a concentrarse nun mes (do 22 de maio ao 28 de xuño).
Preséntase publicamente o primeiro punteiro afinable para gaita
Xénero: | 3 / 3 / 2008
Hai oito anos de traballo, o artesán Lis Latas comezaba os traballos para crear un punteiro afinable para gaitas. Canda a el, o intérprete Pepe Vaamonde presentaba o pasado sábado a versión final desta peza, un útil que permite afinar por primeira vez o instrumento sen necesidade de mudarlle pezas nin modificar a textura da palleta e que mantén o son malia a mudanzas ambientais. A maiores, a peza amplía a versatilidade do instrumento con dúas novas notas, ata o punto de que, na presentación, interpretouse un Preludio de Bach para demostrar as posibilidades do mesmo.
O Concello de Vigo presenta o proxecto da nova Escola de Música Tradicional
Xénero: | 3 / 3 / 2008
A concelleira de Educación de Vigo, Laura López presentaba o pasado xoves o proxecto da E-Trad, a nova Escola de Música Tradicional e Folk que se vai pór en marcha nesta cidade. O centro, que dirixirá Rodrigo Romaní, achegará dous itinerarios formativos (afeccionado e profesional) e contará con oito profesores, dous máis dos que ata o de agora participaban na aula de música tradicional. A maiores, incrementarase tamén en dous o número de especialidades, que pasan a nove, a cantidade de horas lectivas, (sesenta e cinco máis, ata sumar 200) e o orzamento, que ascenderá a 221.000 euros.


