Ir ao contido directamente.


Noticias

Sete concertos co jazz máis aperturista no ciclo da Fundación Barrié

Xénero: Jazz/Blues | 31 / 3 / 2008

not_11849.jpg

O vindeiro 5 de abril dará comezo na Coruña a décimo terceira edición do Ciclo de Jazz da Fundación Pedro Barrié de la Maza que distribuirá sete concertos entre A Coruña e Vigo ata o 8 de maio. O programa desta edición está centrado na cualidade aperturista do jazz e ofrece, como é habitual, a actuación de figuras de primeira liña internacional como John Zorn, co seu novo proxecto Carte Blanche, o pianista McCoy Tyner Trio con Joe Lovano ao saxo tenor, Richard Galliano e outros artistas. Ragas xudeas, boggie woogie, soul, flamenco, afro, blues, stride, pop e bossa-nova estarán presentes nos conciertos desta nova edición que pechará en Vigo a actuación de Pepe Habichuela & Dave Holland Sextet. Na Coruña os concertos terán lugar no Palacio da Ópera, e en Vigo no Teatro Salesianos. A entrada a todos será de balde previa retirada de invitacións.

Os compositores Jesús Bal y Gay, Enrique Macías e Manuel Balboa son homenaxeados estes días

Xénero: Clásica/Lírica | 25 / 3 / 2008

imaxe non dispoñible

Jesús Bal y Gay é un dos compositores galegos máis prolíficos pero tamén menos coñecidos. Agora, unha das súas pezas a “Sonata para clarinete e piano” que escribiu en México acaba de ser editada nun disco preparado polos músicos Saúl Canosa e Natalia Méndez. Canda ao compositor lucense, outros dous músicos van ser recoñecidos estes días. Son Enrique Macías e Manuel Balboa que recibirán sendas homenaxes nos seus respectivos concellos de nacemento coa colaboración da Consellaría de Cultura.

O Festival Mozart recupera nesta edición os aspectos máis escénicos da ópera

Xénero: Clásica/Lírica | 18 / 3 / 2008

imaxe non dispoñible

A ópera é un espectáculo por definición: música e teatro en vivo. E esta última dimensión é a que quere recuperar Paolo Piamonti, o novo responsable artístico, para a vindeira edición do Festival Mozart (22 de maio a 28 de xuño). Así o fixo público na presentación da programación desta edición ao asegurar que pretende homenaxear a dous directores de escena xa finados: o italiano Giorgio Strehler e o alemán Herbert Wernicke. Corenta espectáculos, o dobre do que era habitual, máis mesas redondas, proxeccións de cine e concertos gratuítos compoñen o programa desta edición.

Xoel López saca novo disco con dvd en edición limitada

Xénero: Pop | 18 / 3 / 2008

not_11783.jpg

Con “Reconstrucción” Xoel López quere facer un peche de ciclo, axustar contas co seu pasado recente segundo consta na comunicación que presenta o disco. Cinco dos temas foron creados para ser incluídos no anterior disco “Fin de un viaje infinito” pensando nel como álbum dobre, descartada a idea estas cancións distribuíronse na rede e engádenselle outras 9 cancións inéditas ata as 14 que leva o CD actual demais dunha pista extra instrumental. “Reconstrucción” (EMI VIrgin) preséntase desde hoxe en edición especial limitada de 5.000 exemplares de CD + DVD, o DVD inclúe boa parte do concerto na Sala La Riviera de Madrid en novembro de 2007, 4 vídeos del especial Piano Bar Sessions, en branco e negro e os tres últimos clips do disco. A edición para venda dixital terá ademais 15 pistas exclusivas. Versións acústicas, maquetas, as 3 cancións non incluídas no CD oficial e 4 temas en audio do directo de La Riviera. Deluxe inicia xira o 17 de abril en Toledo e chegará aos escenarios galegos o 25 de abril na sala Capitol de Santiago.

O grupo ourensán Coanhadeira gaña o certame de Música Folk Radio Obradoiro

Xénero: Folk | 17 / 3 / 2008

imaxe non dispoñible

O folk galego tiña unha cita esta fin de semana, coa final do Certame de Música Folk Radio Obradoiro. Un evento que gañou o grupo ourensá Coanhadeira despois de interpretar “Muiñeira de Antela”, “O fiadeiro” e “Serán en Liñares” e que lle permitirá gravar o seu primeiro CD. Na gala tamén se presentou “Aliaxe”, o traballo de Pradoiro, o grupo gañador da anterior edición.

A movida é actualidade cun documental sobre Siniestro Total e a publicación dun vinilo de Viuda Gómez e Hijos

Xénero: Rock | 14 / 3 / 2008

imaxe non dispoñible

Un doble vinilo con temas inéditos titulado “La viuda está de vuelta” (El Beasto) e unha homenaxe á desaparecida banda coruñesa Viúda Gómez e Hijos recupera para o presente a este grupo da “movida” dos oitenta. Parte da formación orixinal do grupo reunirase hoxe no Rock´n Roll Bar do Orzán para asistir a un concertó dos ferroláns Bang 74 que lles fan tributo. Referentes nos anos oitenta dos inicios dos videoclips musicais en Galicia da man de Xavier Villaverde que dirixiu o do seu tema “Veneno Puro”, Viuda Gómez foron representantes do punk galego xunto cos Resentidos ou Siniestro Total. Con este últimos comparten tamén agora o momento da actualidade, xa que os vigueses son noticia pola presentación no festival cinematográfico Play-doc dun documental sobre a súa historia como banda. O documental “Que pareza un accidente” está dirixido por Mikel Clemente e baséase en imaxes de actuacións con son directo, entrevistas, momentos escollidos das xiras, das gravacións dos seus discos en estudio e rodaxes de videoclips.

O Cuarteto Caramuxo de Salvaterra gaña o certame Festival Folk Cancioneiros

Xénero: Folk | 14 / 3 / 2008

not_11769.jpg

A orixinal proposta dun cuarteto formado por seis músicos alzouse con premio do Festival Folk Cancioneiros convocado pola Fundación Barrié de la Maza. O Cuarteto Caramuxo de Salvaterra do Miño, integrado por catro clarinetistas, acordeón e percusión, acadou a unanimidade do xurado, que valorou a súa orixinalidade, a coidada posta en escena e a calidade do tratamento dos temas procedentes do Cancionero Gallego e do Cancionero Musical de Galicia, editados pola Fundación Barrié. Os gañadores recibirán un premio de 6.011 euros, a gravación dun disco e a participación no concerto que ofrecerá a Fundación Barrié o vindeiro 17 de maio no auditorio de Palexco, compartindo escenario con Milladoiro. O xurado tamén propuxo á Fundación Barrié facer unha mención especial, pola calidade dás súas propostas musicais, das formacións finalistas Covalblú, Jacobo de Miguel & Pedro Lamas e Quenda Folk.

Uxía Senlle presenta en concerto o seu novo disco en Compostela

Xénero: Melódica | 14 / 3 / 2008

not_11768.jpg

Con “Eterno navegar” Uxía Senlle, máis coñecida só por Uxía, presentou o seu quinto disco en solitario esta semana aos medios e mañá fará o propio ao público en xeral. Composicións de letra e música propias mestúranse con interpretacións sobre poemas de Celso Emilio ou Curros Enríquez. No seu espectáculo estarán presentes, de igual xeito que no disco, a poesía, a fotografía e outras linguaxes de expresión artística. O álbum gravouse en Sintra (Portugal) e para el contou con diversas colaboracións como a de Paulo Borges, Ugía Pedreira, Guadi Galego, Quim Farinha, Anxo Pintos, Manecas Costa, Filipa Pais e Rui Veloso entre outros. Durante a actuación deste fin de semana no Ciclo Sons da Diversidade de Compostela, Uxía estará acompañada por algúns destes colaboradores. En “Eterno Navegar” a voz de Uxía percorre camiños de sonoridades atlánticas e ritmos africanos, partindo da tradición e das atmosferas da súa orixe. O disco está editado pola discográfica francesa Harmonía Mundi.

A cultura galega en París homenaxea o gaiteiro Ramiro Rodríguez

Xénero: Folk | 14 / 3 / 2008

imaxe non dispoñible

O 78 aniversario de Ramiro Rodríguez vai ser moi especial. Este gaiteiro, integrante do grupo Aires da Terra, leva máis de cincuenta anos difundindo a música tradicional galega en Francia. Un feito polo que a Casa de Galicia en París, o Centro de Estudos Galegos da Universidade da Sorbona e o Círculo Cultural Galego da capital parisina lle renderán unha homenaxe este sábado.

Unha exposición permanente amosa en Lugo 400 instrumentos tradicionais

Xénero: Folk | 13 / 3 / 2008

imaxe non dispoñible

O Centro de Artesanía e Deseño que depende da Deputación Provincial de Lugo abre esta tarde unha exposición permanente sobre música tradicional. Na mesma pode verse unha selección de 400 instrumentos entre os que hai mostras do século XVIII que constitúe, segundo Lara Méndez, vicepresidenta desta institución, “a única exposición de instrumentos musicais catalogada e baseada en criterios científicos que existe en Galicia”. Segundo explicou a responsable, este catálogo quere servir como base para futuras investigacións e análises do patrimonio musical.

<< Inicio / Anterior . 3081 a 3090 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR