Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / “O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita
“O pentafol” recolle en seiscentas páxinas unha escolma única de partituras para gaita
febreiro 26, 2008
Catrocentas partituras de gaita do noso acervo tradicional, transcritas con dous métodos e catrocentos setenta e oito arquivos de audio en formato MP3. Isto é que o que achega “O pentafol”, unha monumental obra que o gaiteiro Alberte Sanmartín presentaba a pasada samana. A iniciativa, que nace con vocación de ser “a biblia dos gaiteiros”, amosa as posibilidades de recuperación da nosa música tradicional.
Pode semellar curioso, pero este moderno cancioneiro para gaita naceu no País Vasco. Máis concretamente no centro galego de Barakaldo, onde Alberte Sanmartín, fillo de emigrados, aprendeu primeiro e ensina agora o oficio de tocar a gaita. “Esta obra remata con dúas inquedanzas importantes que eu tiña”, explica o autor. “Cando eu aprendín a tocar no centro galego os gaiteiros tocaban temas bastante enxebres, especialmente da zona de Melide. Segundo foi pasando o tempo, moitos foron morrendo e eu mesmo fun anovando o repertorio. Logo a xente nova que entrou nas clases reclamaban cancións máis de autor, coma as de Pedro David Lamas ou Edelmiro Fernández. E entón atopas alumnos que non coñecen pezas de toda a vida, e tiven a teima e ilas recuperando e escribindo para que as puidesen aprender”, explica.
O contido
Deste xeito, máis de catrocentas composicións foron tomando corpo ata dar no “Pentafol”. “Había moitas máis. Escollín as que me parecían que tiñan máis beleza dentro do tradicional”, explica o autor. A tirar de memoria e cancioneiros, o Sanmartín foi escribindo as partituras destes temas. E polas dúbidas, empregou os dous sistemas de transcrición que existen hoxe en día para gaita. “A escrita musical da gaita non está unificada. Hainos que escriben en Re, como se facía antigamente, e agora semella que se está a impor a escrita en Do. Entón optei porque o libro fose escrito en Do e que no DVD tamén se puidesen ler en Re”, explica. Ademais, e mediante o controlador midi “Master gaita”, de Xosé Presedo, este compilador gravou en formato MP3 todas as pezas e incluíunas na obra. “Son samplers de gaita real, entón isto dá unha referencia de afinación perfecta e permite acompañar o instrumento ou mesmo aprender as cancións de ouvido. Mesmo nas cancións que teñen varias gaitas van gravacións por separado e conxuntas”, completa. A obra inclúe ademais varias letras de cantigas e mais unha selección de corenta fotografías que lle permiten ao lector coñecer visualmente os intérpretes dalgunhas das pezas, debidamente acreditadas.
O contexto de recuperación
O feito de que sexa de Euskadi de onde xorde este ambicioso proxecto, obriga á reflexión sobre como se está a desenvolver o proceso de recuperación de música tradicional no noso país. Sanmartín non dubida que se está a facer un grande labor neste sentido. “Penso que en Galicia están a se mover bastantes cousas. Hai moitos grupos que fan traballo de campo e penso que se fan ben. O que falla é a divulgación. Eu mesmo teño aquí catro Cds con recolleitas que van pasando de man en man entre particulares, e como estes hai outros materiais”, explica. “Estas cousas vanse espallando aos poucos, pero como en petit comité. Logo si hai xente que fai doazóns ao Arquivo Sonoro, como Pablo Carpintero, e facilitan o seu acceso público”. Canda a isto, iniciativas coma a colección “Os nosos gaiteiros”, na que Edicións do Cumio fai edición documentadas de diferentes grupos e solitas destes instrumento, o traballo de Ouvirmos a recuperar gravacións orixinais de antigos grupos ou os cadernos con partituras que publica Dos Acordes compoñen o groso de publicacións encol deste tema. “O panorama está ben, pero poida que falten medios ou apoio institucional”.
A iniciativa
Ante este panorama, cabe preguntarse como un particular coma el, cunha pequena editora, como é Inquedanzas, se animase a abordar un traballo de escrita que levou dous anos e medio (sen contar investigacións previas) e un proxecto de edición tan ambicioso coma é este volume de máis de seiscentas páxinas en grande formato. “Realmente este proxecto tivo moito de teimosía”, recoñece Sanmartín, apuntando a magnitude do proxecto “a metade de traballo vin que me metera nunha embarcada do carallo, pero unha vez que o fas, queres que teña un formato bonito e que se coñeza. E todo cun interese económico bastante baixo. “A editora puxo aí uns medios e un grande interese desde o comezo e ten recuperar uns cartos, pero a min realmente non me vai chegar case nada. De feito loitei moito para que se axustase o prezo ao máximo, ao tempo que quería que fose grande para que se puidese ler ben e que estivese ben feito. O libro púñase en noventa euros, e agora está en cincuenta, que para o que é, non está mal”.
Polo momento, o traballo está a ser moi ben acollido. “Está a me sorprender a aceptación que ten. Os gaiteiros moitas veces son críticos de máis co que fan outros, pero desta volta aínda non me chegaron críticas negativas”, apunta, apenas unha semana despois da presentación. Canda a este proxecto, semella que estamos a vivir bos tempos para os cancioneiros. A este “Pentafol” súmase a reedición por parte da Fundación Barrié de clásicos deste xénero coma o “Cancioneiro musical de Galicia” de Castro Sampedro, aínda en xaneiro deste ano ou o “Cancioneiro gallego” de Torner e Bal y Gay que fixera en 2007. É de agardar que a racha continúe e non nos falten volume dos que botar man se queremos aprender na casa a tocar, ou cantar, unha pezas.