Noticias
Sinsal repite a súa programación no Salón Teatro achegando a música máis vangardista
Xénero: | 30 / 1 / 2008 + VIDEO
As propostas menos coñecidas, pero máis arriscadas e innovadoras do panorama musical volven ter cabida no Salón Teatro de Santiago. É grazas á colaboración que este espazo xestionado polo Centro Dramático Galego e o colectivo Sinsal desenvolven co nome “Extensión Salón Teatro”. Matt Valentine & Erike Elder with The Golden Road e os galegos Igloo (31 de xaneiro), Michael Gira e (r) (23 de febreiro) e Baby Dee e O Fillo Pausado (8 de marzo) compoñen o cartel desta edición.
A Fundación Barrié presenta a edición crítica do “Cancioneiro musical de Galicia”
Xénero: | 30 / 1 / 2008
“O cancioneiro musical de Galicia”, de Casto Sampedro, unhas das principais escolmas que sobre a nosa música tradicional se fixo no século XX, xa ten edición crítica. A Fundación Barrié acaba de publicar unha revisión deste importante volume dentro do seu proxecto “Cancioneiros”, no que está a recuperar distintas obras deste tipo. A nova obra recolle máis 500 composicións populares coas súas correspondentes partituras.
O Concello de Lalín busca un novo equipo para as clases do conservatorio folk
Xénero: | 30 / 1 / 2008
O actual proxecto do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín remata. O Padroado de Cultura deste concello acordaba onte rexeitar a última oferta que o actual equipo docente, dirixido por Ugia Pedreira, lle realizara. O padroado considera que as condicións económicas presentadas non son asumibles e comezará a contratación de novos profesores para garantir o ensino de música tradicional na vila, nun novo conservatorio que dependerá directamente deste organismo.
O Parlamento desprázase a Ourense para un recital musical
Xénero: | 29 / 1 / 2008
O Parlamento de Galicia organiza un ciclo musical titulado "Convivir, convivencias" que se organizará nas principais cidades e que se inicia mañá, mércores, no Teatro Principal de Ourense, cun concerto da soprano Laura Alonso. O ciclo está organizado por Cristina Pato. Todos os diputados desprazaranse ata Ourense para asistir ao recital.
Máis información en La Voz de Galicia
Nace en Ourense a Federación Galega de Folclore
Xénero: | 28 / 1 / 2008
Doce grupos de todo o país botaron a andar sábado en Ourense a Federación Galega de Folclore. Este colectivo, que tivo a súa xuntanza fundacional no Edificio Simeón da Cidade das Burgas, quere “ser un punto de unión das distintas formas de ver o folclore” e agarda programar tres asembleas anuais. José Antonio Viñas, da agrupación Queixumes dos Pinos foi elixido presidente neste primeiro encontro.
Máis información en La Región
Un certame na rede permitiralle a un grupo galego gravar disco
Xénero: | 25 / 1 / 2008
Unha coñecida marca de whisky, acaba de pór a andar o certame 100 Pipers Music con Noel Feáns, Nonito Pereira e Julián Hernández como xurado. No web deste evento, os internautas poderán votar as maquetas que prefiran. Os doce grupos máis votados actuarán en directo e deles escolleranse catro máis dos que sairá o gañador, que poderá gravar un disco como premio.
Máis información no web do certame, outro certame semellante, Coruña Son nos nosos arquivos
The Blows presentan o seu primeiro disco ante a expectación da prensa musical
Xénero: | 23 / 1 / 2008 + VIDEO + IMAXES
Entran no mercado discográfico coa etiqueta de grupo revelación despois de apenas dous anos de existencia e a participación, sen disco, en festivais coma o Paredes de Coura, Contempopranea, Festimad e Cáceres Pop Art. Os vigueses The Blows presentan esta semana o seu disco “Upskirts” (Pupilo Records), con once temas cantados en inglés, dos que dous xa estaban na súa maqueta “05.00 AM” autoeditada no 2006. O disco do cuarteto vigués ven a confirmar, segundo a súa discográfica, “unha escena rock, post-punk e new wave en Vigo que recupera o espírito daquela outra movida paralela nos oitenta”. Numerosos medios electrónicos e escritos xa se fan eco deste lanzamento augurándolle un gran éxito ao disco. The Blows está formado por Roy Basanta, voz e guitarra; Bruno Mosquera, guitarra; Alex Lago, baixo e Alex Penido á batería. “Upskirts” está a venda desde o 22 de xaneiro e o grupo o presentará en La Iguana Club de Vigo este sábado 26 de xaneiro.
Máis información en Pupilo Records
Concerto de homenaxe aos Diplomáticos e de presentación de "120 Capadores"
Xénero: | 18 / 1 / 2008
Os nostálxicos do bravú e os novos descubridores deste estilo teñen este sábado 19 unha cita no campus de Elviña da Universidade d'A Coruña dende as 20:30 horas: a posta en escena da homenaxe das bandas galegas aos Diplomáticos de Monte Alto plasmada no disco “120 Capadores” (falcatruada 07) preséntase ao público nun concerto con pretensións de grande foliada. A festa contará coa actriz Isabel Risco como mestra de cerimonias acompañada de Pulpiño Viascón e coas actuacións en directo do Leo i Arremecaghoná, Ruxe Ruxe, Lamatumbá e Ultracáns. O programa, porén, presenta moitas máis sorpresas.
Máis información en Komunikando
Budiño, Peón e Anxo Lorenzo protagonizan a noite galega en Glasgow
Xénero: | 16 / 1 / 2008
Este sábado terá lugar no mercado vello de Glasgow a “Galician Night”, a noite galega. Así é como a denominan os organizadores do Celtic Connections, unha das citas ineludibles para os que gustan da música celta. A delegación galega presente no concerto está formada por Xosé Manuel Budiño, Mercedes Peón e Anxo Lorenzo e que será retransmitido en directo pola Celtic Music Radio (ás 21:30 horas).
Máis información en Vieiros, no web do Celtic Connections e en Malmequer
Nace CoruñaSon, un certame para favorecer a formación de autores musicais
Xénero: | 16 / 1 / 2008
Unha votación na rede seleccionará os dez autores que van participar, o vindeiro mes de marzo, nun Obradoiro de Canción Popular impartido por Santiago Auserón. Este é o resumo da proposta de CoruñaSon, o certame que presentou hoxe o Concello da Coruña co apoio da Deputación e que pretende “fornecer de ferramentas teóricas e prácticas aos creadores musicais galegos”. No obradoiro, dunha semana de duración, poderán matricularse coma oíntes as persoas interesadas. Os resultados desta experiencia gravaranse posterioremente nun disco colectivo, e o web corunason.eu manterase na rede aberta a que novos autores acheguen os seus temas en galego.
Máis información no web do certame


