Noticias
A Sinfónica de Galicia inaugura a temporada trala súa aplaudida xira por América
Xénero:
| 19 / 10 / 2007Entre a xira por Sudamérica e as citas pendentes en Alemaña, a Orquestra Sinfónica de Galicia aterra na Coruña para ofrecer o primeiro concerto da temporada. Faino no seu recinto habitual, Pazo da Ópera da Coruña (20:30 horas) co pianista ruso Arcadi Volodos como principal reclamo. Ábrese así a temporada na que a formación coruñesa interpretará a integral das sinfonías de Beethoven e que achegará a Natalie Stutzman, Alexei Volodin, ou Libos Pesek.
Máis información no web da Orquestra Sinfónica de Galicia e na nosa hemeroteca sobre a formación
The Homens xa teñen na rúa o seu novo disco en CD e vinilo
Xénero: AUDIO + VIDEO + IMAXES
| 16 / 10 / 2007 +O terceiro disco do trío The Homens xa está na rúa en tres formatos, ante isto o nome do disco, “Tres”, estaba cantado. O novo traballo do grupo compostelán de powerpop comezouse a gravar no mes de xullo nos estudos Ultramarinos Costa Brava de Santi García, tomou forma no verán e agora xa está nas tendas de todo o país. Trátase dun disco cargado de letras acedas, retrousos pegadizos e moita diversión. Apostando por un deseño atrevido e atractivo a discográfica Falcatruada edita este disco en formato especial: 500 copias en vinilo de 12”, incorporando un disco cos temas en mp3 e un póster no interior; tamén hai unha versión en CD en formato económico en digipack. O trío formado por Martin Wu, Roi e Xocas xa ten como costume publicar as súas composicións baixo licenza Creative Commons e o disco enteiro agás dúas cancións pode descargarse desde o sitio web do grupo.
Máis información en La Voz de Galicia
O selo PAI-Música editará o novo traballo discográfico de Lamatumbá
Xénero:
| 11 / 10 / 2007O grupo ourensán Lamatumbá ven de preparar a post-produción do seu próximo traballo discográfico nos estudios Casa de Tolos de Gondomar segundo ven de informar nun comunicado a discográfica PAI-Música. Lamatumbá ficha con este novo traballo por PAI- Música despois de que o anterior “Lume (para que saia o sol)!” o editara con Falcatruada no 2005 e que no 2001, da man do selo Xingra sacara “Pachangüilanuí”, o seu primeiro disco. O grupo entrará nos estudios de Gondomar para empezar a gravar os novos temas a partir do 5 de novembro. Lamatumbá vendeu máis de tres milleiros de copias do seu anterior traballo e recentemente formou parte da embaixada musical española no PopKomm.
Máis información sobre Lamatumbá nos nosos arquivos
Xa está en marcha a preparación do segundo congreso de ensinantes de música tradicional
Xénero:
| 10 / 10 / 2007A Asociación de Gaiteiros Galegos está xa a preparar o II CONGRESO DE ENSINANTES DE MÚSICA TRADICIONAL GALEGA, que terá lugar o 7, 8 e 9 de Decembro de 2007 en Santiago de Compostela. O Auditorio de Galicia será o marco que acolla a congresistas, mestres, gaiteiros, artesáns ou simples afeccionados á música tradicional. Unha das formas de participar, ademais da presencial, é a través do envío de comunicacións. O prazo de presentación dos resumos das comunicacións será ata o 16 de Novembro de 2007. O pasado ano na primeira edición deste congreso presentouse por parte da Fundación Sondeseu o primeiro libro branco de educación do sector con relevantes cifras.
Máis información na Asociación de Gaiteiros
e o noso tema sobre Educación en música tradicional
Carlos Childe Troupe abre con “Cooking Melodies” a colección de Blues & Jazz do selo PAI
Xénero: IMAXES + VIDEO
| 10 / 10 / 2007 +Os coruñeses Carlos Childe Troupe editan co selo PAI o seu primeiro disco “Cooking Melodies”, gravado no estudio Casa de Tolos coa produción artística de Segundo Grandío. A discográfica abre con este disco, e máis coa reedición de “15 years old blues” de Miki Nervio & The Bluesmakers, o seu apartado de Blues & Jazz, que levaban tempo desexando ter. A formación encabezada por Childe e na que tamén están Santi Roma, Víctor Sánchez e os irmáns Juan e Luís Tinajero presentan neste menú una ducia de temas de blues e swing nos que a desgarrada voz de Childe entra nos estándares destes xéneros con versións de clásicos como “God bless the child” ou “Summertime blues” entre outros. Tamén colaboran neste disco os metais dos Mañufe Horns (Pablo Casal, Jose Pérez e David Fernández “Michi”) e os teclados de Mr.D de Moon Cresta. “Cooking Melodies” presentarase o sabado día 27 de Outubro ás 19:30 horas na Fnac de A Coruña.
O Conservatorio de Música Tradicional de Vigo pasará a ser Escola
Xénero:
| 10 / 10 / 2007A Concellaría de Educación de Vigo informa de que teñen a intención de converter o Conservatorio de Música Tradicional nunha Escola que se integre na Escola Municipal de Música. Novas dependencias e a estabilidade laboral dos ensinantes, “facendo fixos ou interinos a toda a xente posible” son as novas propostas para o centro, segundo asegura a titular do departamento, Laura López Atrio, que engadiu que o novo espazo terá "mellores condicións" e “unha orientación educativa avanzada".
Máis información no noso tema sobre os problemas dos conservatorios de música tradicional
Luar na Lubre presenta o seu novo disco e inicia xira na Coruña
Xénero: VIDEO
| 8 / 10 / 2007 +Con “Camiños da fin da terra”(Warner Music) a formación liderada por Bieito Romero acada o décimo disco da súa carreira musical. O álbum sairá a venda o vindeiro día 23 de outubro presentarse nas instalación da Fnac da Coruña ese mesmo día; contén catorce cancións inspiradas nas tradicións, lendas, paisaxes e personaxes que conforman a identidade galega e a súa ascendencia celta. Luar na Lubre dará o seu primeiro concerto oficial da xira de presentación de “Camiños da fin da terra” no Teatro Colón da Coruña o día 25 deste mes seguindo despois polo resto do Estado e en Alemaña. A banda folk xa adiantou o seu primeiro videoclip do disco, a canción “Os Animais”, unha popular melodía de orixe irlandesa cunha letra de inspiración bíblica adaptada neste caso polo poeta Xabier Cordal.
Nace a Orquestra Barroca Galega para cubrir un oco no panorama musical do Norte
Xénero:
| 8 / 10 / 2007No Norte do Estado non existía ningún conxunto barroco. Por iso, a soprano arousá Laura Alonso e a súa parella, o clarinetista alacantino Tony Salar abandeiran o proxecto da Orquestra Barroca de Galicia. A soprano exercerá de madriña mentres que Salar será o director dunha formación que ofrecerá o seu primeiro concerto en decembro. O seu repertorio centrarase en compositores coma Pergolesi, Gluck, Rosini ou Mozart.
Máis información no web da formación
Dezasete localidades acollerán os encontros de sesenta e dúas corais do país
Xénero:
| 5 / 10 / 2007A Consellaría de Cultura e a Federación Coral Galega organizan un programa de encontros de corais para dar a coñecer o traballo musical que elaboran estas formacións musicais no noso país. As actuacións comezarán mañá na Casa da Cultura do Milladoiro, no concello de Ames e durarán até o 23 de decembro. Os concellos nos que haberá actuación son os seguintes: Brión, Carballo, A Coruña, Ferrol, Narón, Noia, Outes, Sada, Santiago de Compostela, Vimianzo, O Rosal, Oia, A Gudiña, Vigo, Vilaboa e Ourense. En total serán 62 as corais participantes nas actuacións que se desenvolverán en 17 localidades. Nos eventos a coral local encárgase de darlle a acollida ás corais visitantes.
Máis información na Consellaría de Cultura e Deporte
A comunidade “hardcore” mobilízase por solidariedade cos integrantes do grupo Ictus
Xénero:
| 3 / 10 / 2007A Sala Zona de Bueu acollerá este sábado un concerto de catro grupos e dous picadiscos que busca recadar cartos que axuden aos integrantes do grupo de hardcore Ictus. Os grupos Prap´s , Kogito, Última Sacudida e The Señoritos, xunto a DJ Gavu e DJ David Graña porán a música nesta noite na que os roqueiros dan toda unha lección de solidariedade. O 2 de agosto pasado o grupo lugués Ictus percorría Europa nunha xira na que xa presentaban temas do seu cuarto disco gravado antes do verán, un accidente nunha autopista de Bielorrusia rematou traxicamente coa xira colocando en estado de máxima gravidade ao seu batería, Mejuto, cun traumatismo vertebral que o mantivo inconsciente moito tempo e completamente paralizado. Desde entón a comunidade musical do hardcore e o punk tense envorcado en diversas mostras de apoio moral e económico para axudar nos gastos médicos e de intendencia que todo isto lles causou. O de Bueu é o segundo concerto destas características despois do celebrado en Llodio o pasado 21 de setembro.
Máis información en Máis Alá Distri
e no MySpace de Ictus