Noticias
Abe Rábade representará ao jazz de España nos premios europeos Eurodjango
Xénero:
| 2 / 10 / 2007Abe Rábade e o trompetista catalán Raynald Colom son os dous jazzistas escollidos para representar ao estado español no Eurodjango Award 2007 –premios creados na honra do lendario músico Django Reinhardt- na categoría de Novos Talentos Europeos. O xurado para as candidaturas españolas que elixiu ao músico compostelán para representar ao jazz do Estado estivo composto polos prestixiosos críticos Claudio Cifuentes, Pablo Sanz, Chema García, Alejandro Cifuentes, Jorge García, Federico G. Herráez, Manolo Ferrán, Ángel G. Aparicio, Pere Pons e Ferrán Esteve. O fallo do Eurodjango Award será o día 1 de Decembro na cidade de Luxemburgo onde Rábade interpretará dous temas de “Open Doors” o último traballo do seu trío. É primeiro ano que España está representada neste certame.
Máis información en El Paíse nos Eurodjango Awards
Chega ás tendas o “Desafinante crónica” de Silvia Penide precedido polo seu éxito na venda en liña
Xénero: IMAXES + VIDEO
| 2 / 10 / 2007 +Xa se pode pedir desde hoxe nas tendas o novo disco de Silvia Penide (Meicende, 1979) , cuarto do seu currículo discográfico e co que a artista presenta o seu traballo máis elaborado ata o momento e tamén “co que máis profundo mergullo no meu propio universo”, como ela mesma di. "Desafinante crónica” (Falcatruada) foi gravado nos estudos Abrigueiro de Lugo coa produción de Arturo Vaquero e a colaboración dun bo feixe de músicos galegos. Aínda que é agora cando o disco entra nas tendas a súa versión dixital xa leva á venda na rede en diversas tendas virtuais desde o 18 de setembro engadindo o tema extra “Cambio de ritmo”. Na súa primeira semana na tenda iTunes de Apple “Desafinante crónica” acadou o sexto posto entre os albumes máis vendidos de música latina e o posto 20 na lista xeral. A canción “Reventaba” escoitarase en continua rotación nas emisoras de radio e o videoclip da mesma nas cadeas de televisión musicais.
Máis información en Falcatruada
O programa radiofónico Inframundo distribúe de balde unha escolma de grupos coruñeses
Xénero: AUDIO
| 27 / 9 / 2007 +Dezaseis bandas da Coruña, dos máis variados estilos, participan en “Inframundo Volume I”. Este CD que se presenta hoxe, promovido polo programa Inframundo de Cuac FM, amosa unha selección da escena herculina, e del tiraranse mil copias que se distribuirán de balde. Desde o programa xa anunciaron a súa intención de publicar un segundo volume, para o que animan as bandas da zona a que acheguen os seus temas.
Máis información en La Opinión e no web de Inframundo
A orquestra Olympus buscará en Negreira o Guinness á actuación máis longa da historia
Xénero: IMAXES
| 26 / 9 / 2007 +Vintecatro horas sen parar de cantar, bailar e tocar agardan aos catorce compoñentes da orquestra Olympus de Negreira a partir das doce da noite do vindeiro 31 de outubro. Esta agrupación musical que ameniza festas por toda Galicia ten como obxectivo bater a marca do Libro Guinness á actuación musical máis longa da historia, que agora mesmo está nas 16 horas continuadas. Para este fin están traballando un equipo de case medio cento de persoas e contan co apoio do seu club de fans, de máis de 4.000 socios, e de varias empresas entre as que hai varios medios de comunicación, bebidas enerxéticas e pilas que nunca se esgotan. A formación, punteira no seu campo, intenta con este fito facer unha homenaxe aos seus seguidores incondicionais e ao resto das orquestras do país que, como eles, animan as festas e verbenas de toda a xeografía. A excepcional actuación terá lugar na Praza do Concello de Negreira e, de ser preciso, instalarase unha carpa.
Máis información en Tierras de Santiago
e no sitio web de Orquesta Olympus
Artistas da discográfica Falcatruada participarán dunha mesa redonda sobre a proxección internacional da súa musica
Xénero:
| 24 / 9 / 2007No Forum das instalacións da Fnac na Coruña reuniranse hoxe ás 19:30 horas diferentes artistas cun nexo común: editar co selo discográfico Falcatruada. Baixo o título de “Sons de Galiza. Enfeitizando o mundo” membros de Lamatumbá falarán da súa experiencia no Popkomm de Berlín; a coruñesa Silvia Penide falarán da súa traxectoria polos escenarios de Italia, Eslovenia ou Croacia; Tamén estará alí Guadi Galego, nomeada aos Grammy latinos, membro de Espido, voz e gaita de Berrogüetto, e unha dos tres integrantes de Nordestin@s, xunto con Abe Rábade, que tamén participará na mesa redonda. A proxección da música galega que percorre o mundo e cómo o fenómeno da Internet fai que estes artistas teñan miles de fans inscritos nos seus foros web son algúns dos temas que sairán a debate neste interesante encontro.
Magín Blanco presenta o seu novo disco en solitario
Xénero: VIDEO + AUDIO + IMAXES
| 24 / 9 / 2007 +O músico rués Magín Blanco está a vivir una segunda xuventude artística. Despois de dez anos sen gravar o ano pasado sacou o disco “Ella” (PAI, 2006), este ano participou cunha canción no concurso A polo Ghit! e agora presenta un novo álbum en solitario “Realidad” (PAI). Case sen pausa despois de “Ella” Magín volveu entrar nos estudios Casa de Tolos para sacar este traballo que presentou o pasado sábado nas instalacións da Fnac na Coruña. “Realidad”, está tecido cunha colección de cancións, a medio camiño entre a música de autor e o pop, seguindo a liña intimista iniciada no seu primeiro disco, pero cunhas cancións mais vitalistas e coidadosamente arranxadas. Magín gravou os seus primeiros temas en 1987 con outras formacións e en 1988 tivo o seu primeiro disco propio “La Rosa” (Edigal).
Luis Emilio Batallán presenta o cuarto disco da súa carreira musical
Xénero:
| 21 / 9 / 2007"Tu Retrato" (2007) é o cuarto disco de Batallán, co que bota unha media dun disco por década. No seu novo traballo o creador de “Aí ven o maio” pon música e voz a versos de Gil de Biedma ou Fonollosa, entre outros. Dos doce temas do disco só un está en galego”A cada un o seu” con letra e música do propio artista. Toques de jazz, blues, pop e sons caribeños salpican o disco que hoxe presentou Luís Emilio Batallán en sociedade no Club Internacional de Prensa en Santiago.
A Escola de Gaitas da Deputación buscará outro local para dar clases en Cangas
Xénero:
| 21 / 9 / 2007O deputado provincial e ex-alcalde de Cangas José Enrique Sotelo acusou de sectarismo ao actual goberno local cangués por rexeitar o servizo da Escola de Gaitas da Deputación. Noutro episodio deste enfrontamento entre visións contrapostas da didáctica da tradición musical Sotelo asegurou que, pese a non dispor das instalacións municipais , o prazo de matrícula segue aberto e xa hai conversas para conseguir un novo local para as clases. Sotelo asegurou que de manterse a demanda por parte dos alumnos o curso seguirá adiante aínda que non dispoñan do Auditorio. Este é o segundo desencontro da deputación no tema das escolas de gaitas, hai dous anos romperon relacións coa Asociación de Gaiteiros galegos polo mesmo asunto.
Máis información en La Voz de Galicia e nos nosos arquivos
Cangas rexeita a escola de gaitas da Deputación de Pontevedra
Xénero:
| 20 / 9 / 2007O debate sobre o modelo de escolas de gaitas de Deputación de Pontevedra volta á actualidade. Desta volta é o Concello de Cangas o que rexeita continuar a súa colaboración neste sentido co organismo provincial por considerar que o modelo de ensino non se corresponde co estilo tradicional galego. Esta acción reabre o acendido debate que sobre estes centros se desenvolveu ao longo de 2005 entre a Asociación de Gaiteiros Galegos e a Deputación.
Máis información no Faro de Vigo, La Voz de Galicia e nos nosos arquivos
A Real Filharmonía de Galicia grava obras de Mompou coa mezzosoprano Marisa Martins
Xénero:
| 19 / 9 / 2007Antes do inicio da temporada de abono a Real Filharmonía ven de rematar esta semana a gravación no Auditorio de Galicia de catro pezas compostas polo compositor catalán Frederic Mompou, falecido hai agora 20 anos. Baixo a dirección de Antoni Ros Marbà, Warner Music poñerá en valor toda a calidade artística de Mompou, coa edición deste disco, que inclúe as pezas El Combat del Somni, a Suite Compostela, 5 Poemas sobre textos de Paul Valéry e Cançons i danses. O mestre Ros Marbà é o autor dos arranxos ás tres primeiras obras da gravación. A mezzosoprano hispano-arxentina Marisa Martins é a encargada de poñer voz ás pezas. Foi a viúva de Mompou, Carmen Bravo, recentemente falecida, quen legou ao mestre Ros Marbà unhas cartas nas que manifestaba o seu desexo de que fose Martins quen cantase as composicións do seu marido. O disco entra agora en proceso de post-produción e aínda non se coñece a súa data de presentación.
Máis información en El Correo Gallego