Ir ao contido directamente.


Noticias

A Fundación Sondeseu dirixira a escola municipal de música tradicional de Vigo

Xénero: Folk | 2 / 11 / 2007

imaxe non dispoñible

O Concello de Vigo chegou a un convenio coa Fundación Sondeseu para separar o Conservatorio de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios e crear una nova escola municipal. Baixo o nome de E-Trad o novo organismo educativo municipal de ensino musical estará xestionado pola fundación dirixida por Rodrigo Romaní que será quen contrate ao profesorado. Inicialmente o E-Trad seguirá usando as dependencias da Escola de Artes e Oficios, pero a concelleira de educación, Laura López Atrio, xa avanzou que no futuro pasará a un edificio que reúna todas as escolas municipais de teatro, música e danza e que estará situado nun solar xunto ao colexio Fleming. Esta nova pecha un período de incertidume de varios meses desde que no mes de xuño una inspección de traballo constatou a ilegalidade nos contratos de nove docentes.

Máis información no Atlántico Diario e tamén no Faro de Vigo e no noso tema sobre os problemas dos conservatorios de música tradicional

A orquestra Olympus entra no Libro Guiness das marcas cunha actuación de 24 horas seguidas

Xénero: Miscelánea | 2 / 11 / 2007 + IMAXES

not_10948.jpg

Arroupados por milleiros de seguidores e cunha infraestrutura organizada á medida a orquestra nicrariense Olympus ven de conseguir o seu ambicioso obxectivo de bater a marca de actuación máis longa do mundo a cargo dun único conxunto musical. Durante vinte catro horas, desde as 00:00 horas do día 1 ata a mesma hora do venres 2, os catorce integrantes desta potente formación musical mantiveron a música soando no escenario montado na Praza do Concello de Negreira. A pesar dalgúns problemas técnicos o grupo non parou en ningún momento, realizando diferentes relevos que non impediron que contra o final da proeza o cansazo xa fixera mingua neles. A orquestra, una das máis recoñecidas das que animan as festas do país, supera así a anterior marca de dezaseis horas de actuación ininterrompida e sitúa a Negreira e Galicia nunha das páxinas deste famoso libro que recolle todo tipo de marcas extremas.

Máis información en Galicia Hoxe no sitio web de Olympus e nos nosos arquivos

Cornelius prepárase para competir na fase nacional da Batalla Global das Bandas

Xénero: Rock | 29 / 10 / 2007 + VIDEO

not_10929.jpg

Con dous temas seus a interpretar en oito minutos terán que conseguir Cornelius o favor do xurado e mais do público para superar aos seus cinco rivais na fase nacional do Global Battle of Bands. A “Batalla mundial de bandas” é o único certame de grupos emerxentes de ámbito internacional que existe na actualidade e ofrece ao seu gañador una xira mundial e 100.000 dólares. Cornelius, que ven de presentar este mes o seu primeiro disco “Greatest Hits” (PAI Música), conseguiu chegar á final nacional do vindeiro sábado 3 de novembro na que 6 bandas, finalistas de entre 34 presentadas, terán que competir entre si na sala Gruta 77 de Madrid para poder viaxar á final mundial en Londres. Cornelius depende agora deses oito minutos e do apoio do público, que representa o 50% do voto, para superar aos outros cinco grupos e tocar na final londiniense. O Concello de Vilagarcía de Arousa, decidiu poñer autobuses gratis para quén queira acompañar e animar ao grupo neste importante concurso. O estilo musical da banda arousá abarca rock, funk, rock&roll, hard rock ou acústico, cantado sempre en inglés. A banda está formada por David "Chiquillo", Antonio Casado, Toni B. Willisch, Jose Vilas, Andoni Arcos e Ton Risco.

Máis información no sitio oficial do GBOB e no My Space de Cornelius

Entradas a prezo reducido procuran máis público para o festival Are More

Xénero: Clásica/Lírica | 26 / 10 / 2007

imaxe non dispoñible

Gratuítas e con prezo que oscila entre o un e os dez euros. Esta é a política de prezos nesta edición do Festival de Música Are More (30 de outubro-17 de decembro), o principal evento musical que se sucede en Vigo e que este ano busca captar novos públicos. Polas obras no Teatro Fraga Caixa Galicia, o Teatro Salesianos, o Auditorio “Martín Códax”, e varias igrexas acollerán os concertos nos que destaca a presenza de Angelika Kirchschlager, o Novalis Quartett e o grupo de gospel The Black Heritage Singers.

Máis información no web do Are More e na nosa hemeroteca

Falece Carlos Asorey, propietario do Club de Jazz Dado Dadá de Santiago

Xénero: Jazz/Blues | 24 / 10 / 2007

imaxe non dispoñible

Despois dunha longa enfermidade onte faleceu en Santiago Carlos Asorey, propietario do club de jazz Dado Dadá, un dos locais de jazz máis antigos de Galicia e en funcionamento. Hoxe despídense deste home moi querido moitos músicos, magos e actores que pasaron polo escenario deste mítico local que rexentaba coa súa muller Carmen Eixo. Fai dous anos o club celebraba o seu 25 aniversario xa que o 16 de Febreiro de 1.980 abría as súas portas o Jazz Club Dado Dadá na Rúa de Alfredo Brañas de Santiago. Dende aquela pasaron máis de 9.000 noites de jazz, flamenco, canción de autor, pop, rock, teatro, humor, maxia e tertulia animadas e organizadas por Asorey e a súa dona. Neste tempo polo seu escenario pasaron algunhas das figuras máis interesantes do panorama cultural nacional e internacional e moitos músicos célebres que pasaron pola capital visitaron o local e mesmo participaron con concertos improvisados e jam-sessions.

Máis información en El Correo Gallego e o noso Tema do día sobre 25 Aniversario do Dado Dadá

O Concello da Coruña celebra con concertos a Semana da Biblioteca

Xénero: Miscelánea | 23 / 10 / 2007

imaxe non dispoñible

Como un agasallo para os lectores habituais definiu a concelleira de Cultura do Concello da Coruña o programa de concertos que esta semana acollerán as salas de lecturas da cidade. Como celebración musical da Semana da Biblioteca desde onte a ata o xoves cada día haberá concertos nestes centros. As caboverdianas de Batuko Tantaka abriron onte a semana na Biblioteca da Sagrada Familia, hoxe será o grupo Serra-llhe Aí! na Biblioteca de Monte Alto; o mércores o dúo Bellón e Maceiras actuará en Durán Loriga ás 19:30 horas e o xoves o Forum Metropolitano acollerá dúas actuacións, Kin García trío e Bonovo a partir das 20 horas.

Maís información en Concello da Coruña

O festival Womex de Sevilla contará con representación galega

Xénero: Miscelánea | 23 / 10 / 2007

imaxe non dispoñible

O festival Womex, o maior que existe dedicado ás músicas do mundo, contará por primeira vez cunha representación galega. O Instituto de Artes Escénicas e Musicais e mais as asociacións profesionais desta industria achegan ao encontro un posto, representacións dunha ducia de empresas do sector, proxeccións audiovisuais e mais un CD con cancións seleccionadas desde asociacións do sector e un libro promocional, todo baixo o lema “The spirit of Finisterrae”. O evento, que se desenvolve entre o 24 e o 28 deste mes en Sevilla, inclúe tamén un concerto do grupo Marful.

Máis información no web de Cultura, web de Galiciantunes e nos nosos arquivos

Elodio y los Seres Queridos sacarán o seu primeiro disco en decembro cunha discográfica zaragozana

Xénero: Pop | 22 / 10 / 2007 + VIDEO

not_10863.jpg

Aínda que os temas do disco “Esto que tienes delante” levan meses escoitándose por Internet e mesmo nas radios, o traballo dos vigueses ainda non tiña data de edición no soporte discográfico habitual do momento, ata agora. Este sábado o grupo formado por Eladio Santos, Óscar Durán, Manuel Santamaría e Marcos Vázquez fixo público a través da rede que o día 10 de decembro sairá á rúa “Esto que tienes delante” editado polo selo zaragozano “Grabaciones en el mar”, que tamén ten editados grupos como El Niño Gusano ou La Habitación Roja, entre outros. O líder do grupo, Eladio Santos, ten tras de si unha importante traxectoria en formacións como Foggie Mental Breakdown, Los tres Sudamaricones e Tony Lomba & Elio dos Santos.

Escoitar.org editará no 2008 tres cedés cos sons que corren o risco de desaparecer

Xénero: Miscelánea | 22 / 10 / 2007

imaxe non dispoñible

O grupo Escoitar.org leva máis dun ano recuperando sons que, segundo o seu criterio, están en perigo de desaparición. O resultado verá a luz en 2008, momento no que editarán tres cedés que están divididos en bloques temáticos: un dedicado a sinais acústicos, outro a sons industriais e o último a sons de interacción social, como poden ser os toques das campás.

Máis información no web de Escoitar.org, en Galicia Hoxe e nos nosos arquivos

O Concello de Ames quere o Conservatorio Folque de Lalín

Xénero: Folk | 22 / 10 / 2007

imaxe non dispoñible

Varios concellos están interesados en se facer co proxecto do Conservatorio de Música Tradicional e Folque que actualmente funciona en Lalín. Segundo publicaba “La Voz de Galicia” esta fin de semana, o concello de Ames recoñeceu que está desenvolver contactos coa dirección do centro sobre esta posibilidade e que existen outras propostas municipais no mesmo sentido. Ao tempo en Vigo comezaban o pasado mércores os cursos da Escola de Artes e Oficios (antiga Universidade Popular) coa ausencia da metade dos profesores, pendentes aínda de regularización laboral. Entre as materias afectadas, está unha boa parte das que compoñen a oferta do Conservatorio de Música Tradicional.

Máis información en La Voz de Galiciaedición Santiago e Edición Vigo e no noso tema sobre estas cuestións

<< Inicio / Anterior . 3051 a 3060 de 3454 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR