Ir ao contido directamente.


Noticias

Pablo Devigo consegue o trofeo McCrimmon do Festival de Lorient

Xénero: Folk | 6 / 8 / 2008

imaxe non dispoñible

O 2008 é o ano de Pablo Devigo (Castro Caldelas, 1990). Principalmente porque este gaiteiro de 18 anos foi o gañador dos festivais de gaita de Bandeira, A Estrada, o Manuel Villanueva de Poio e o de composición organizado polo concello de Ferrol e que leva o nome de "Constantino Bellón" . O último premio que acaba de sumar engadir ao seu palmarés é o trofeo McCrimmon na modalidade de “gaita” (existe tamén a de “gaita escocesa”) que se concede no marco do Festival de Lorient.

Os músicos da Rede de Locais de Ensaio dispoñen dun novo portal para difundir a súa actividade

Xénero: Miscelánea | 6 / 8 / 2008

not_12755.jpg

A Dirección Xeral de Xuventude e a de Creación e Difusión Cultural xuntaron onte aos seus representantes, Rubén Cela e Luís Bará, para presentar o portal Nsaio.org. A nova plataforma da Rede Galega de Locais de Ensaio da Xunta vertebra así o sistema ofrecendo un espazo autoxestionable que lles permitirá aos grupos e artistas que usan estes locais de introducir todo tipo de información sobre o seu traballo, a documentación relativa aos servizos que ofrece a Dirección Xeral de Xuventude, noticias, concursos e mesmo unha radio con mostras de música dos grupos da rede. Por toda Galicia existen actualmente dezasete locais dentro desta rede e as previsións son que cheguen a ser trinta antes de final de ano.

Ribeira de Piquín galardoa a traxectoria artística de Xosé Manuel Seivane

Xénero: Folk | 31 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

Xosé Manuel Seivane estivo durante máis de cincuenta anos traballando no seu obradoiro de gaitas. Unha traxectoria que ademais de convertelo nun dos mellores profesionais no seu campo, acaba de valerle unha homenaxe por parte da Asociación Recunchos de Ribeira de Piquín. A festa terá lugar o vindeiro 9 de agosto, cun gran xantar, un concerto da súa filla, Susana Seivane, así como a instalación dun busto de bronce e unha placa na praza do Chao.

Cinco agrupacións representarán á música galega no Festival Intercéltico de Lorient

Xénero: Folk | 29 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

As melodías do grupo Quempallou serán a primeira mostra da música galega en soar no escenario da importante cita bretoa que se inicia este venres na pequena cidade de Lorient. Durante os dez días do evento representantes musicais do países celtas pasarán polo escenario que xa é un referente internacional xunto con outros da nos aterra como Ortigueira ou Moaña, co que coincide este ano. Os outros que tamén estarán en Bretaña será a Banda de gaitas Xarabal, de Vigo; Cantigas e Agarimos, de Santiago; os ourensáns Mutenrohi e as cantareiras Leilía, que actuarán no día do peche do evento que este ano alcanza a súa trixésima oitava edición.

O grupo Pesdelán debuta en concerto buscando poñer a todos a bailar

Xénero: Folk | 24 / 7 / 2008

not_12701.jpg

Practicamente cada un dos sete compoñentes do grupo que se presenta en concerto o vindeiro luns foi ou é parte doutro proxecto musical coñecido do panorama galego. Berrogüetto, Leilía, Alfolíes, Xochilmica, Almáciga ou a banda de Susana Seivane son algúns destes grupos dos sete artistas que integran Pesdelán, que buscan nesta nova aposta recuperar a cultura participativa das festas e poñer á xente a bailar cun repertorio que abrangue temas tradicionais galegos e portugueses, arranxados dun xeito divertido e orixinal. Pesdelán son Guadi Galego, Uxía Cribeiro, Montse Rivera, Mercedes Prieto, Xan Pampín, Carlos Freire e Miguel Flores. A súa presentación terá lugar cun concerto aberto na Praza do Toural de Compostela ás 23 horas do luns 28 de xullo, na mesma praza estarán desde as 20:30 horas ofrecendo un obradoiro de danzas galegas e portuguesas para ir quentando os pés do persoal.

O quinteto Som do Galpom publica o seu primeiro disco

Xénero: Fusión | 23 / 7 / 2008 + AUDIO

not_12693.jpg

O netlabel A Regueifa Plataforma ven de editar o primeiro EP dos composteláns SOM DO GALPOM, un quinteto de rap-funk formado hai tres anos na aldea d´A Moniña, unha formación que desde os seus comezos buscou apoiarse en tres estilos de música diferentes: o funky, o reggae e o rap. Neste tempo xa levan dado moitos concertos por toda a xeografía, acadaron o segundo premio no certame GZcrea 2007 e gañaron o IV Concurso Galego do Foundation Reggae Festival. Som do Galpom son Gael Bassave (voz e letras), Brais Bassave (violín e composición), Xurxo Climent (guitarras clásica e eléctrica), Jano Castro (baixo) e Aitor Garcia (batería). O disco, de seis temas, esta editado baixo licenza Creative Commons e pode ser descargado de balde.

A Filharmonía dará trinta concertos na súa nova temporada

Xénero: Clásica/Lírica | 23 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

A Novena Sinfonía de Beethoven dirixida por Ros Marbá abrirá o vindeiro 26 de setembro na Catedral de Santiago a nova temporada da Filharmonía de Galicia. En total serán trinta concertos, con directores convidados coma Paul Daniel, Maximino Zumalave, David Atherton, Anne Manson, Tuomas Ollila-Hannikainen, Frans Brüggen, Theodor Guschlbauer, Max Valdés e Juanjo Mena entre outros. Tamén se abrirán oito ensaios ao público e están previstas actuacións no Festival da Ópera da Coruña, en Madrid, en Sevilla e mais en Barcelona.

Educación presenta novas liñas para a promoción dos estudos musicais

Xénero: Miscelánea | 17 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

Educación convocará dez bolsas de dez mil euros cada una para a realización de estudos de especialización no estranxeiro destinadas a titulados superiores de especialidades instrumentais de música polos conservatorios superiores de música de Galicia. Esta é unha das accións de promoción do ensino musical presentadas pola Conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, que avanzou tamén que para o vindeiro curso académico, por primeira vez, os Conservatorios Profesionais de Vigo e de A Coruña impartirán o bacharelato de Artes na vía de música, danza e artes escénicas. Outra novidade avanzada pola titular da carteira é unha páxina web que contará cun buscador de recursos musicais de autores galegos, unha base de datos con máis de 2.000 fichas de obras de autores galegos. O buscador, ademais de dar acceso ao catálogo das súas obras, nalgúns casos permitirá incluso descargar partituras.

Xavier Valiño mestura eventos consolidados coas novas propostas na súa axenda de festivais

Xénero: Rock | 15 / 7 / 2008

imaxe non dispoñible

O seu nome está asociado en grande medida ao rock. O seu traballo coma escritor, con obras coma Todo en nombre del Rock and Roll ou Rock Bravú mestúrase cunha impresionante carreira coma crítico e locutor radiofónico. No entanto, Xavier Valiño aposta na súa axenda de festivais por unha mestura de citas consolidadas con propostas novas na que o teñen cabida o jazz e o pop.

O grupo Combo Dinamo triunfa nos premios Inframundo da Música

Xénero: Pop | 14 / 7 / 2008

not_10142.jpg

Mellor canción e mellor videoclip polo seu sinxelo "Más de lo mismo", mellor álbum por Decencia y Buen Gusto e mellor banda foron o gran palmarés que conseguiu o grupo Combo Dinamo na gala de entrega dos I Premios Inframundo, dedicados á música alternativa coruñesa, entregados o venres na Fundación Caixa Galicia, na Coruña. Ademáis, na gala tamén foron galardoados Los Santos, que levaron o premio á mellor posta en escena, The Orange Soap obtivo o premio á mellor banda revelación e Los Crueles fixéronse co galardón a mellor directo. Chamito el Flaco, que actuou durante a gala, gañou o premio a mellor solista e Álvaro Muras fíxose co de mellor instrumentista. O premio honorífico levouno o compositor Félix Arias. Loretta Martin, Grasa e Silvia Penide foron algúns dos nominados que non acadaron ningunha estatuíña.

<< Inicio / Anterior . 2961 a 2970 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR