Noticias
Luar na Lubre gaña nos Premios da Música e Giselle Grau faise co de Excelencia Musical
Xénero: VIDEO
| 4 / 4 / 2008 +A edición deste ano dos Premios da Música tivo a Luar na Lubre como grande gañador entre os galegos. O grupo fíxose co premio de música tradicional por “Camiños da fin da terra”, co que tamén obtivo o de mellor canción en galego. Pola súa banda, Luz Casal levou o premio á mellor canción con “Soy”. A coincidir con este evento, a Coruña acollía onte a entrega dos Premios á Excelencia Musical que convoca a Fundación Paideia e mais a Consellaría de Educación. Giselle Grau, estudante de piano no Conservatorio Superior de Vigo foi a gañadora do primeiro premio.
Pelo Gato 24 preséntase cun grupo de nenos practicando xogos populares
Xénero: VIDEO + AUDIO
| 3 / 4 / 2008 +Malia que o disco se editou a finais do 2007 será este sábado, día 5 de abril, cando se faga a presentación oficial de “Pelo Gato 24” a partires das 12 horas, na recentemente inaugurada Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avda. Xoán XXIII). Impulsado pola Asociación de Gaiteiros Galegos, gravado nos estudios Casa de Tolos e co-editado pola Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural e PAI-Música, "Pelo Gato 24" consta dun libro, un CD de 13 cantigas e un DVD cun documental sobre os xogos tradicionais , un "como se fixo", ademais de varios videoclips e playbacks das cantigas. Baixo a dirección musical de Paulo Nogueira e Magoia Bodega, conta coas importantes colaboracións de Leilía, Fuxan os Ventos, Xabier Díaz, Sonia Lebedynski, Señora Carmen, Xurxo Souto, Pancho Álvarez e Segundo Grandío, entre outros. A presentación dividirase nunha rolda de prensa encabezada polo Director Xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, Pablo Carpintero da Asociación de Gaiteiros Galegos e mailos responsables da dirección musical; e unha segunda parte cunha mostra en directo de varios xogos populares, feita por un grupo de 25 rapaces dirixidos polo colectivo Brinquedia.
O Festival Cidade de Lugo chega á sua XXXVI Edición
Xénero:
| 2 / 4 / 2008Desde o vindeiro doce de abril ata o mes de xuño, a Cidade da Muralla acolle o XXXVI Festival Cidade de Lugo de Música Clásica. Este evento, considerado unha referencia nivel estatal, acollerá nesta ocación dezaoito concertos da man de artistas de renome internacional. A Real Filharmonía de Galicia, Ensemble S21, o tenor Mark Padmore, a vila de Tilmann Kircher ou a soprano Simone Kermes son algúns dos intérpretes que participarán no evento.
Siniestro Total celebra vodas de prata nun disco con toda a súa traxectoria
Xénero: VIDEO
| 2 / 4 / 2008 +Un duplo CD e un DVD recompilan os vintecinco anos de existencia dunha das formacións musicais máis emblemáticas do rock, que ademais segue en activo, aínda que con numerosos cambios. Coa saída hoxe á venda de “Que parezca un accidente”, Siniestro Total ofrece un repaso de toda a súa traxectoria desde que o 27 de decembro de 1981 saltaron a un escenario ata o presente. Con dezaseis discos editados e unha constante presenza na primeira fila musical do país, o grupo de Vigo, reparte agora nestes dous discos 27 cancións que os representan, ademais do engadido DVD co documental “Que parezca un accidente”, dirixido por Mikel Clemente que recolle imaxes de actuacións con son directo, entrevistas, momentos escollidos das xiras, das gravacións dos seus discos en estudio e rodaxes de videoclips. Coincidindo coa saída do disco comezan tamén, en Madrid, cunha xira de concertos.
Sete concertos co jazz máis aperturista no ciclo da Fundación Barrié
Xénero:
| 31 / 3 / 2008O vindeiro 5 de abril dará comezo na Coruña a décimo terceira edición do Ciclo de Jazz da Fundación Pedro Barrié de la Maza que distribuirá sete concertos entre A Coruña e Vigo ata o 8 de maio. O programa desta edición está centrado na cualidade aperturista do jazz e ofrece, como é habitual, a actuación de figuras de primeira liña internacional como John Zorn, co seu novo proxecto Carte Blanche, o pianista McCoy Tyner Trio con Joe Lovano ao saxo tenor, Richard Galliano e outros artistas. Ragas xudeas, boggie woogie, soul, flamenco, afro, blues, stride, pop e bossa-nova estarán presentes nos conciertos desta nova edición que pechará en Vigo a actuación de Pepe Habichuela & Dave Holland Sextet. Na Coruña os concertos terán lugar no Palacio da Ópera, e en Vigo no Teatro Salesianos. A entrada a todos será de balde previa retirada de invitacións.
Os compositores Jesús Bal y Gay, Enrique Macías e Manuel Balboa son homenaxeados estes días
Xénero:
| 25 / 3 / 2008Jesús Bal y Gay é un dos compositores galegos máis prolíficos pero tamén menos coñecidos. Agora, unha das súas pezas a “Sonata para clarinete e piano” que escribiu en México acaba de ser editada nun disco preparado polos músicos Saúl Canosa e Natalia Méndez. Canda ao compositor lucense, outros dous músicos van ser recoñecidos estes días. Son Enrique Macías e Manuel Balboa que recibirán sendas homenaxes nos seus respectivos concellos de nacemento coa colaboración da Consellaría de Cultura.
O Festival Mozart recupera nesta edición os aspectos máis escénicos da ópera
Xénero:
| 18 / 3 / 2008A ópera é un espectáculo por definición: música e teatro en vivo. E esta última dimensión é a que quere recuperar Paolo Piamonti, o novo responsable artístico, para a vindeira edición do Festival Mozart (22 de maio a 28 de xuño). Así o fixo público na presentación da programación desta edición ao asegurar que pretende homenaxear a dous directores de escena xa finados: o italiano Giorgio Strehler e o alemán Herbert Wernicke. Corenta espectáculos, o dobre do que era habitual, máis mesas redondas, proxeccións de cine e concertos gratuítos compoñen o programa desta edición.
Xoel López saca novo disco con dvd en edición limitada
Xénero:
| 18 / 3 / 2008Con “Reconstrucción” Xoel López quere facer un peche de ciclo, axustar contas co seu pasado recente segundo consta na comunicación que presenta o disco. Cinco dos temas foron creados para ser incluídos no anterior disco “Fin de un viaje infinito” pensando nel como álbum dobre, descartada a idea estas cancións distribuíronse na rede e engádenselle outras 9 cancións inéditas ata as 14 que leva o CD actual demais dunha pista extra instrumental. “Reconstrucción” (EMI VIrgin) preséntase desde hoxe en edición especial limitada de 5.000 exemplares de CD + DVD, o DVD inclúe boa parte do concerto na Sala La Riviera de Madrid en novembro de 2007, 4 vídeos del especial Piano Bar Sessions, en branco e negro e os tres últimos clips do disco. A edición para venda dixital terá ademais 15 pistas exclusivas. Versións acústicas, maquetas, as 3 cancións non incluídas no CD oficial e 4 temas en audio do directo de La Riviera. Deluxe inicia xira o 17 de abril en Toledo e chegará aos escenarios galegos o 25 de abril na sala Capitol de Santiago.
O grupo ourensán Coanhadeira gaña o certame de Música Folk Radio Obradoiro
Xénero:
| 17 / 3 / 2008O folk galego tiña unha cita esta fin de semana, coa final do Certame de Música Folk Radio Obradoiro. Un evento que gañou o grupo ourensá Coanhadeira despois de interpretar “Muiñeira de Antela”, “O fiadeiro” e “Serán en Liñares” e que lle permitirá gravar o seu primeiro CD. Na gala tamén se presentou “Aliaxe”, o traballo de Pradoiro, o grupo gañador da anterior edición.
A movida é actualidade cun documental sobre Siniestro Total e a publicación dun vinilo de Viuda Gómez e Hijos
Xénero:
| 14 / 3 / 2008Un doble vinilo con temas inéditos titulado “La viuda está de vuelta” (El Beasto) e unha homenaxe á desaparecida banda coruñesa Viúda Gómez e Hijos recupera para o presente a este grupo da “movida” dos oitenta. Parte da formación orixinal do grupo reunirase hoxe no Rock´n Roll Bar do Orzán para asistir a un concertó dos ferroláns Bang 74 que lles fan tributo. Referentes nos anos oitenta dos inicios dos videoclips musicais en Galicia da man de Xavier Villaverde que dirixiu o do seu tema “Veneno Puro”, Viuda Gómez foron representantes do punk galego xunto cos Resentidos ou Siniestro Total. Con este últimos comparten tamén agora o momento da actualidade, xa que os vigueses son noticia pola presentación no festival cinematográfico Play-doc dun documental sobre a súa historia como banda. O documental “Que pareza un accidente” está dirixido por Mikel Clemente e baséase en imaxes de actuacións con son directo, entrevistas, momentos escollidos das xiras, das gravacións dos seus discos en estudio e rodaxes de videoclips.