Noticias
Os festivais dan a benvida a xullo
Xénero: | 30 / 6 / 2023
Remata o mes de xuño e comeza con xullo a tempada máis activa de eventos de verán. Entre eles varios pequenos festivais que en ámbitos locais fóra dos circuítos dos grandes eventos, dinamizan as súas zonas cunha oferta marcada pola calidade e a variedade. É o caso da VII edición do Fisterra Blues Experience, que comeza hoxe mesmo, venres 30 de xuño, e prolongarase durante toda a fin de semana na localidade da Costa da Morte. Outros puntos da costa, como o Arsenal Militar de Ferrol e os Faros Silleiro, Punta da Barca e de Corrubedo acollerán durante xullo os concertos do novo ciclo " Mar Aberto. Concertos na fin da terra". En Ponteareas ten lugar xa esta fin de semana unha nova edición do Rock in Río Tea, mentres que en Nigrán fan madrugar este ano o seu Vive Nigrán abrindo o verán con el este mesmo fin de semana tamén.
Aida e Romeo et Juliette protagonizan a Temporada Lírica da Coruña
Xénero: | 29 / 6 / 2023
O vindeiro 12 de setembro bota a andar a nova xeira da Temporada Lírica da Coruña. A Asociación de Amigos da Ópera presentaba este 28 de xuño o programa que celebrará unha trintena de actividades ata o día 15 de decembro. Representacións da ópera Aida de Verdi e mais de Romeo de Juliette de Charles Gounod preséntanse como pratos fortes do ciclo.
TAB reflexionan sobre o éxito en SED
Xénero: | 28 / 6 / 2023
Triángulo de Amor Bizarro ven de presentar o que é o seu sexto traballo longo: SED (Mushroom Pillow). Os de Boiro, seguen a ser o grupo que leva anos traballando nunha esixencia e compromiso coa súa calidade absolutas, e neste traballo volven a experimentar coas súas linguaxes sonoras propias e as súas influenzas mantendo o nivel que de seguro agardan o seus moitos seguidores. Segundo consta na comunicación por parte da discográfica, "SED é un disco mundano e terreal que trata de emocións primitivas dunhas personaxes nun mundo hostil, desigual e tecnificado no que o tempo pasa a toda ostia". A transcrición do título en símbolos de moedas ten que ver co concepto do álbum, segundo eles este á un disco sobre "a busca do éxito, a fama e o poder, a soidade na cima, os bos momentos a a inevitable decadencia dunhas personaxes que poderían ser TÚ."
Bota a andar o programa Mariña Inmaterial
Xénero: | 23 / 6 / 2023
Unha combinación de recuperación de memoria, conferencias e actuacións musicais e escénicas compoñen a proposta de Mariña Inmaterial. O novo programa cultural da produtora Ouvirmos, que se desenvolve co apoio da liña de axudas Territorio Cultura, desenvólvese entre o 28 de xuño e o 28 de xullo en espazos patrimoniais de Trabada, Barreiros, Cervo, Xove e mais Alfoz e o Valadouro. Cervo acollía na mañá deste 23 de xuño a presentación desta iniciativa que aproveita o orzamento do Mecanismo europeo de recuperación e resiliencia dos fondos NextGeneration.
A Deputación de Pontevedra pon na rede o documental Acorda
Xénero: | 23 / 6 / 2023
Logo da estrea, o pasado 20 de xuño, de Acordamos, o seu segundo documental sobre os lugares da memoria histórica na provincia, a Deputación de Pontevedra publicou na rede Acorda, a primeira produción desta serie audiovisual. O proxecto, que botou a andar en 2021, achega unha serie de actuacións musicais en espazos vencellados á represión franquista combinadas con memorias daqueles feitos.
A Real Filharmonía dedica a súa nova temporada ás Migracións
Xénero: | 22 / 6 / 2023
A se estrear como responsable artístico da formación, Baldur Brönnimann daba a coñecer este 21 de xuño a nova temporada da Real Filharmonía de Galicia en Santiago de Compostela. Migracións é o título deste programa e o fío que integra todas as propostas que a orquestra desenvolverá nos vindeiros meses.
O Día Europeo da Música celébrase con artistas galegos na SGAE
Xénero: | 21 / 6 / 2023
Hoxe celébrase o Día Europeo da Música e na sede galega da Fundación SGAE en Santiago ese é o motivo sobre o que se funda o Festival Acento. Este evento de libre acceso chega este ano á súa cuarta edición buscando a posta en valor de artistas galegos no marco da celebración. A terraza traseira do edificio, aberta ao público no parque Vista Alegre , será o escenario no que soarán un conxunto de variado de artistas da escena musical galega.
Grupos en Loita denuncia o incumprimento de Caballero co festival Rock in Vigo
Xénero: | 16 / 6 / 2023
No marco do arrevesado conflito polo patrocinio público frustrado do concerto da banda californiana Guns N' Roses en Vigo engádese desde a escena musical viguesa outro motivo de controversia en dirección ao responsable do consistorio olívico. A plataforma de artistas musicais Grupos de Vigo en Loita denuncia que o Concello de Vigo incumpriu a súa promesa de organizar e celebrar o festival Rock in Vigo de bandas viguesas e galegas que o propio alcalde, Abel Caballero, anunciou para facerse na Porta do Sol os días 9, 10, 11 e 12 de xuño, coincidindo cos días previos ao concerto de Guns N' Roses en Balaídos. Porén desde a plataforma lembran que o evento non se celebrou, sen que se dese ningunha información ao respecto e sen que se tivese contactado con ningunha banda viguesa ou galega para participar en dito festival. Grupos de Vigo en Loita anuncia que levará a cabo accións nas próximas semanas para continuar a reivindicar a celebración do festival Rock in Vigo e en xeral a participación de bandas locais na programación musical do Concello. Anuncian que seguirán "esixindo ao Concello que celebre o evento tal e como o prometeu ante todas as viguesas e vigueses en Televigo", xa que "só mantendo a loita e a protesta de xeito continuado é como se conseguen as cousas con este Goberno municipal, como xa demostramos co tema das salas de ensaio".
Os Premios Opinión pechan un círculo entre pandeireteiras
Xénero: | 15 / 6 / 2023
A vixésimo segunda gala dos Premios Opinión da Música de Raíz, que se celebrou onte no Teatro Rosalía de Castro serviu para recoñecer e valorar a excelencia da música tradicional galega e tamén para pechar un círculo simbólico de fluxo entre dúas xeracións de mulleres. Co cambio de formato de premios que comezou este ano, os galardóns que entrega o xornal La Opinión, pasaron de cinco a dous premios: o Andaina Senlleira, un recoñecemento a unha traxectoria; e o de Acontecemento Musical do ano, enfocado no sucedido no pasado máis recente. Neste caso o xurado destinou ambos recoñecementos a dúas formacións que coinciden en estar formadas por mulleres e que teñen a pandeireta e o cantar como sinal distintiva, pero que están en momentos moi diferentes. Leilía, que xa anunciaron a súa despedida, foron a as recoñecidas co primeiro destes premios e as Tanxugueiras recibiron o galardón polo éxito acadado no ano 2022. Péchase entrambas un círculo coa súa reunión nestes Premios que recoñece a influenza das máis veteranas no éxito das máis novas e a capacidade destas últimas para recoller o facho e levalo máis alá do imaxinado.
Cultura no Camiño bota a andar en 88 concellos
Xénero: | 15 / 6 / 2023
Unha actuación de Vella Escola en Vilagarcía e outra de Silvia Penide en Culleredo abren este 15 de xuño a edición 2023 do programa Cultura no Camiño. A Axencia Galega das Industrias Culturais presentou o día 14 este programa, que se desenvolverá finalmente en 88 concellos do país polos que transcorren rutas xacobeas ata o vindeiro 31 de agosto.


