Ir ao contido directamente.


Noticias

O IGAEM multiplicou as funcións nos últimos anos

Xénero: Miscelánea | 30 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

A traballo do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais medrou nos últimos anos. Segundo revelan dos datos do Anuario de Estatísticas Culturais do Observatorio da Cultura, o número de funcións programadas por este organismo no noso país medrou de xeito continuado entre 2005 e 2007, tanto en danza (de 29 a 73 funcións) coma en teatro (466 a 703) ou en maxia (19 a 72). No entanto é na música onde se detecta un maior incremento, tanto no número de actuacións como no orzamento, que pasaron respectivamente de 38 a 791 concertos e de 115.254 euros a 440.836. Estes incrementos nas artes escénicas en xeral están vencellados, segundo o Observatorio, aos circuítos dedicados as artes escénicas que puxo en marcha o anterior goberno da Xunta de galicia.

Aberta a convocatoria para o Seminario de Música Moderna e Improvisación de Monforte

Xénero: Miscelánea | 28 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

Entre o 17 e o 22 de agosto deste verán terá lugar a quinta edición do Seminario de Música Moderna e Improvisación de Monforte de Lemos, unha cita formativa que ven de abrir a súa convocatoria. A súa oferta de clases e actividades vai dirixida tanto a persoas con coñecementos musicais que desexen achegarse á música moderna e ampliar coñecementos sobre a linguaxe empregada nos distintos estilos da música moderna como a músicos, profesores ou estudantes. O corpo de profesores previsto para esta edición está composto por Carlos Calviño (guitarra), Iñaki Askunze (saxofón), Dee Jay Foster (contrabaixo e baixo eléctrico), Celia Mur (voz), Albert Sanz (piano) e Valentín Iturat (batería). As actividades do seminario terán lugar nos espazos do Conservatorio profesional de Música Mestre Ibáñez e están organizadas pola Escola de Estudos Musicais A Tempo co apoio do Concello de Monforte e a Deputación de Lugo.

¿Malos tempos para a lírica?

Xénero: Coral | 27 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

Teñen feito xiras mundiais dignas dos Rolling Stones e levan ben máis tempo ca eles en activo (aínda que semelle imposible). A Coral De Ruada celebra neste 2009 o seu noventa aniversario en plena forma e, canda a ela, outras tres históricas formacións manteñen en activo o espírito de recuperación de música popular do comezo do século XX. Botamos un ollo na actualidade das corais galegas.

A 37 edición do Festival de Música de Lugo programa música para bebés

Xénero: Clásica/Lírica | 24 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

Hoxe comeza na igrexa lucense de San Pedro a XXXVII edición da Semana do Corpus integrado no Festival de Música Cidade de Lugo. Un encontro que este ano conta, como principal novidade, dun concerto para bebés (de entre 0 e 3 anos) que interpretará pezas do período barroco mesturadas con músicas populares ademais de cantos de berce. Canda isto, os 18 concertos que compoñen o programa desta ocasión prestan especial atención aos compositores Purcell, Hayden e Händel. Todas as actividades serán de balde e desenvólvense en diferentes escenarios da cidade das murallas.

A Real Academia de Belas Artes homenaxea a Milladoiro

Xénero: Folk | 23 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

A coincidir cos trinta anos do nacemento de Milladoiro, a Real Academia de Belas Artes Nuestra Señora del Rosario, da Coruña fará este sábado un acto de homenaxe a este grupo. A institución quere destacar así o traballo a prol da recuperación e da reinterpretación da música tradicional que desenvolveu a formación ao longo das últimas tres décadas. O acto desenvolverase na sede da Academia na Praza do Pintor Sotomayor o vindeiro sábado 25 de abril a partir das sete e media da tarde.

Juan Rivas trae o calor atlántico con Superdiscotropical

Xénero: Pop | 22 / 4 / 2009 + VIDEO

not_14554.jpg

O disco co que volve Juan Rivas pode descargarse de balde da rede durante esta semana, ao mesmo tempo que consegue un lugar nas portadas española e mexicana do portal My Space. Dous anos despois de Mundo Feliz (POP&CO, 2007) Rivas enche o disco de calor tropical desde o propio título do álbum ata os das cancións, Por ahí viene el sol, Verano en Portugal, Elis Regina y el farfisa que vino de París son boas mostras deso. Esa calor tamén chega co seu característico son caloroso, festivo e elegante, un lounge a pé de praia con influenzas descaradas de bossa nova, drum&bass e como sempre un pop fresco e limpo. Para a gravación Juan Rivas decantouse esta vez polo traballo máis artesanal facéndoa el mesmo desde o seu estudio caseiro e conta coas colaboracións de outros músicos como Joao Parahyba, do brasileiro Trio Mocotó, Jose Luis Pardo, de Amigos Invisibles, un compoñente do grupo barcelonés Electrocugat ou Peón Kurtz de Def con dos, entre outros.

Ghaita de pedra presenta Nekiño, o seu primeiro álbum

Xénero: Folk | 22 / 4 / 2009

not_14550.jpg

Nekiño é o título do primeiro álbum do grupo folk lucense Ghaita de pedra. O disco autoeditado preséntase ao público cun concerto gratuíto o vindeiro vinte e cinco de abril. Será a partir das oito e media da tarde no auditorio Gustavo Freire de Lugo, e contará coa presenza de convidados coma Anxo Pintos, Begoña Riobó, Julio Abal ou Iván Costa. O grupo, fundado en 2001, está formado por José Varela, Lourdes Armesto, Pablo Condo, Luis Rodil e Xavi Fernández, e nas súas cancións reinterpretan temas tradicionais con influencias das músicas irlandesa e do leste de Europa.

A Coral de Ruada celebra noventa anos cun feixe de iniciativas

Xénero: Coral | 21 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

O 24 de xuño de 1919 nacía en Ourense a histórica Coral de Ruada. A formación celebra agora os seus noventa anos cun bo feixe de actividades que se desenvolverán ao longo de todo o ano da man da discográfica Ouvirmos. Por unha banda, o selo reeditará o libro que recolle a viaxe que o coro fixo por Andalucía en 1927 e recuperará as primeiras gravacións da formación nun disco conmemorativo. En setembro, o edificio Simeón de Ourense acollerá unha mostra na que se poderá contemplar o traballo gráfico de diferentes creadores arredor de Ruada, así coma un documental sobre a traxectoria do grupo e diferentes contidos didácticos. Visitas guiadas e mais a celebración do III Certame Internacional de Coros De Ruada no mes de xuño completan o programa previsto.

Especializarse para sobrevivir

Xénero: Miscelánea | 21 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

Eran os lugares por excelencia para adquirir música, pero en cousa dunha década, practicamente a metade das tendas de música de Galicia desapareceron. Entre as que resisten, atopamos unha boa cantidade de establecementos veteráns, que en moitos casos atopan na especialización o xeito de se manter con vida. Analizamos canda a eles a situación e as perspectivas dun sector que pode ser exemplo para outro tipo de comercios culturais.

Versos con ondas

Xénero: Miscelánea | 20 / 4 / 2009

imaxe non dispoñible

A poesía toma o aire. Nas últimas semanas saíron á rúa tres obras de moi distinto carácter nas que se integra a lírica coa música. O último poemario dun autor consagrado coma Manolo Rivas comparte espazo nos andeis co debut neste campo da betanceira Gabriela Rodríguez. Canda a eles, Ouvirmos inclúe, na Fotobiografía Sonora de Avilés de Taramancos as versións musicadas que de poemas deste autor fixo Rodrigo Romaní. Tres aproximacións diferentes ao fenómeno dos versos con ondas.

<< Inicio / Anterior . 2861 a 2870 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR