Noticias
O Concello da Coruña recolle as propostas da plataforma "Salvemos o Noroeste PopRock"
Xénero: | 22 / 6 / 2010
Finalmente haberá Noroeste PopRock. A reivindicación popular canalizada a través das redes sociais obrigou ao concello da Coruña a cambiar de opinión e organizar este encontro. Será os días 4 e 5 de agosto e cada un deles contará coa actuación de tres grupos. Ademais destes, haberá catro bandas que serán elexidas por concurso público a través dunha votación na rede. Entre as principais novidades organizativas destaca que o Concello da Coruña recolle así as propostas feitas pola plataforma Salvemos o Noroeste PopRock para evitar que este ano non se fixese por falta de orzamento.
A Coruña convértese na vangarda musical
Xénero: | 16 / 6 / 2010
“É moito máis que música electrónica e experimental” anunciou Roberto Varela, conselleiro de Cultura, na presentacióndo festival Sónar. Un encontro que xuntará na cidade da Coruña un centenar de artistas (o conselleiro destacou a Air ou LCD Soundsystemou que presentarán o seu novo traballo) que ofrecerán vinte concertos, trece sesións, cinco obras no apartado SonarMàtica (arte multimedia) e catro proxeccións en Sonar Cinema (que completa o apartado visual). O apartado galego reúnese baixo nome de Sonar Galicia que inclúe desde a presenza de Djs (Víktor Flores, Ino, Grobas, Fat Fish, David M, Fake Robotique, Caradeniño dj e Eme dj) xunto con actuacións da Orquestra de Música Espontánea de Galicia (O.M.E.G.A) ou 6pm, un dúo formado por Iván Oubiña e Raúl Mon, que ensamblan e superpoñen capas de sons cunha gran sensibilidade pop.
Partituras inéditas de Pepito Arriola protagonizan un concerto extraordinario da Real Filharmonía
Xénero: | 16 / 6 / 2010
O dúo de pianos Divertimento concertante, cos irmáns Víctor e Luís del Valle, e o Concertino para piano e orquestra conforman o cartel do concerto co que hoxe (Auditorio de Galicia, 21:00 horas en entrada libre) a Real Filharmonía contribúe á recuperación de Pepito Arriola. Precoz e extraordinario pianista, foi un dos mellores compositores galegos do século XX. Agora, grazas á colaboración entre o Consello da Cultura Galega e o Consorcio de Santiago acábanse de recuperar unha serie de partituras que gardaba a súa irmá Carmen. O repertorio do concerto de hoxe, máis Seis poesías de Antonio Machado, con Javier Franco como barítono, e Tres textos cervantinos, coa soprano Carmen Durán, a contralto Ainhoa Zubillaga e o barítono Francisco Santiago conformarán o CD que gravará a Filharmonía.
Igloo consegue o Premio do público nos II Premios de la Música Independiente
Xénero: | 15 / 6 / 2010 + VIDEO
Con máis de once mil votos recollidos a través do sitio web de Radio 3 RNE, catro mil máis que o seguinte competidor na lista final, os Igloo recollerán o Premio Especial do Público por La transición de fase (Ernie records, 2009) na segunda edición dos Premios de la Música Independiente convocados pola Unión Fonográfica Independiente (UFI). A falta de coñecer o resultado das votacións no resto das categorías , que non se desvelará ata a gala de entrega de premios a primeiros de xullo, Igloo é única proposta musical de Galicia que xa conta cun dos galardóns. Nuns resultados parciais feitos públicos o pasado 9 de xuño o álbum Piano Solo de Abe Rábade apuntábase como gañador na categoría de Mellor álbum de Jazz na que competía, entre outros, co disco Soños e delirios de Lucía Martínez Cuarteto. A presenza de artistas galegos nos finalistas completábase con Los Reyes del K.O. e Tradicción (Falcatruada, 2009) de Nova Galega de Danza.
O concello de Ourense dará a súa medalla de ouro a Los Suaves
Xénero: | 11 / 6 / 2010
A relación entre a banda de rock Los Suaves e a cidade de Ourense escribe un novo capítulo. Los Suaves anunciaron que gravarán o concerto do seu novo traballo, 29 anos, 9 meses e 1 día, que dará en Expourense, Finca Sevilla, o 18 de setembro. E o concello corresponderá concedéndolles a medalla de Ouro. É a máxima distinción que outorga o Concello e que, segundo a concelleira de Cultura, Isabel Pérez, “será o recoñecemento explícito de tódolos ourensáns e o pago dunha débeda que a cidade ten con eles». A banda naceu nesta cidade a principios dos anos oitenta da man dos irmáns Domínguez (Yosi, Charly e Javier).
O Mozart galego
Xénero: | 10 / 6 / 2010
Tocaba o piano moito antes de que soubera ler e como tampouco sabía escribir, garabateaba debuxos que resultaron ser composicións que só el entendía. Pepito Arriola (Betanzos, 1885- Barcelona, 1954) foi un neno prodixio e, como moitos destes pequenos talentosos, tivo unha vida marcada por unha nai dominante que non soubo canalizar ese torrente creativo. Pasou á historia por ser un virtuoso pianista pero a súa faceta compositiva adormeceu no imaxinario duns poucos porque todo o seu legado de destruíu cos bombardeos da Segunda Guerra Mundial. Ata agora. Quixo a casualidade que apareceran no faiado dunha residencia de anciáns ferrolá unha serie de partituras inéditas que o Consello da Cultura recuperou e editou nunha publicación que se presenta hoxe.
Narf e Manecas Costa publican o disco en directo Aló irmao!
Xénero: | 10 / 6 / 2010 + VIDEO
Doce temas gravados ao vivo os días 16 e 17 de xuño de 2009 no Teatro Principal de Compostela e mais un DVD con aquela actuación. Esta é a proposta que fan o galego Fran Pérez Narf e mais o guineano no disco Aló irmao!, que presentaron onte e que xa está dispoñible nas tendas. O proxecto foi producido por Nordesía e editado por Falcatruada, e amosa a fusión de estilos entre estes dous músicos que xa se puido ver en directo por boa parte do país.
A Historia que xurdiu dos amplificadores
Xénero: | 9 / 6 / 2010
Á hora de falar de investigación musical, asociamos as ideas de desprazamentos polo país e de recollida de historia oral ás nosas pezas tradicionais. No entanto, para estudar a evolución do noso pop e rock, tamén hai que tirar de entrevistas, visitas a particulares e remexer nos lugares máis insólitos. Logo de tres anos de investigacións deste tipo, Fernando Fernández Rego acaba de publicar 50 Anos de Pop, Rock e Malditismo na Música Galega un percorrido pola historia da nosa música a través de 72 grupos destes estilos.
Dignificación en concerto
Xénero: | 7 / 6 / 2010
Traballar sen contratos, con dereitos pouco claros ou cobrando en negro. A realidade das actuacións ao vivo dos músicos galegos dista en moitos casos de ser a ideal. Con vistas a mellorar esta situación, a Asociación de Músicos ao Vivo desenvolveu onte unha xuntanza con medio cento de profesionais, na que presentou o Plan de Normalización Laboral para o sector. Como grande novidade, o colectivo asinará en breve un convenio con MUSICAT, o seu homólogo en Cataluña, que permitirá que os músicos galegos aproveiten os servizos e a bagaxe deste proxecto. Manuel Alonso, administrativo e responsable de prensa da asociacion, resúmenos en que consiste este plan.
SON Estrella Galicia patrocinará concertos e festivais por todo o país
Xénero: | 4 / 6 / 2010
O proxecto SON Estrella Galicia muda este ano de formato. A marca de bebidas amplía o seu patrocinio de eventos musicais e, para alén do Festival 981, apoiará tamén o MTV Galicia, o Sónar Coruña e mais o Festival Sinsal. Ao tempo, a marca programará actuacións nunha serie de salas como Mondo Club (Vigo), NASA e La Radio (Compostela) e mais Garufa e Club Disco 33 na Coruña, así como o Teatro Lara, en Madrid. Canda a isto, a marca programará concertos como os de Micah P. Hinson en Madrid e Vigo ou The Pains of Being Pure at Heart.


