Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / / O Mozart galego

O CONSELLO DA CULTURA RECUPERA OBRAS INéDITAS DE PEPITO ARRIOLA

O Mozart galego

CLáSICA/LíRICA | xuño 10, 2010

imaxe non dispoñible

Tocaba o piano moito antes de que soubera ler e como tampouco sabía escribir, garabateaba debuxos que resultaron ser composicións que só el entendía. Pepito Arriola (Betanzos, 1885- Barcelona, 1954) foi un neno prodixio e, como moitos destes pequenos talentosos, tivo unha vida marcada por unha nai dominante que non soubo canalizar ese torrente creativo. Pasou á historia por ser un virtuoso pianista pero a súa faceta compositiva adormeceu no imaxinario duns poucos porque todo o seu legado de destruíu cos bombardeos da Segunda Guerra Mundial. Ata agora. Quixo a casualidade que apareceran no faiado dunha residencia de anciáns ferrolá unha serie de partituras inéditas que o Consello da Cultura recuperou e editou nunha publicación que se presenta hoxe.

“Eu imaxinaba que a súa irmá Carme –que chegou a Ferrol para liquidar unhas propiedades e acabou pasando os seus últimos anos nunha residencia- tiña que ter algún material sobre Pepito Arriola e, desde o Concello e desde o Club de Prensa de Ferrol tentamos falar con ela para que nos contase cousas e nos aclarase moitos dos puntos escuros sobre a súa vida” explica o xornalista Luís Mera, que leva anos investigando a biografía de Arriola. Foi á morte de Carme, en 1985, cando a residencia “Mi Casa” na que vivía, advertiu da existencia duns papeis e documentos que deixou e que non lle interesaron aos seus herdeiros. Entre eses papeis había “doce obras escritas que son principalmente sinfónicas aínda que tamén hai algo de cámara” apunta Mera. Esas doce partituras son as que conforman, xunto cun estudo sobre o autor e o seu legado, a publicación que hoxe se presenta no Consello da Cultura Galega coeditada entre esta institución e o Consorcio de Santiago. A presentación acompañarase dun concerto que estreará un cuarteto de corda que Mera cualifica de “sorprendente”. Ademais, este proxecto de recuperación do legado de Arriola completarase cun concerto a cargo da Real Filharmonía que terá lugar no Auditorio de Galicia o vindeiro mércores 16 (do que sairá unha gravación que se acompañará á publicación).

Non obstante, Mera tamén lembra que o traballo que hoxe se presenta non é o material completo atopado na residencia ferrolá, porque a persoa que o descubriu lle prestou algunhas partituras a unha persoa de Betanzos para o seu estudo que nunca foron devoltas. “Resulta curioso que o seu material se perda no mesmo lugar no que a nai de Pepito acudiu para parir fuxindo das faladurías de Ferrol” apunta Mera. Pepito Arriola era fillo de solteira (aínda que a súa nai casaría despois e tería dúas fillas: Pilar e Carme) e por iso adoptou os apelidos do seu avó (Rodríguez Arriola ).

Un prodixio de neno
Chamáronlle o Mozart galego porque comezou a tocar o piano con apenas tres anos por mor da influencia da súa tía Aurora (nai de Hidelgart Rodríguez, destacada pensadora anarquista). Ademais, como lle aconteceu ao xenio salzburgués, foi explotado polo seu proxenitor, aínda que no caso do ferrolá foi a súa nai. Para Mera a diferenza radica en que “creo que a Pepito lle faltou o elemento condutor que tivo Mozart co seu pai porque ela o que fixo foi esgotar o tesouro que tiña”. Con catro anos Pepito ofreceu un concerto perante a familia Real e unha ampla representación da nobreza española da época. Foi tal o seu virtuosismo que a Raíña Cristina mandou concederlle unha bolsa para que continuase a súa formación en Alemaña. Foi aí onde estivo en contacto coas grandes figuras musicais do momento. Por recortes de prensa, sábese que foi un protexido do mítico Nikisch e que toca na Orquestra Filharmónica de Berlín e comeza a súa época dourada. Como pianista de concerto inicia unha xira en Europa que o leva a ser protagonista en Inglaterra, Rusia, Italia (en maio de 1912 toca na esixente e prestixiada Scala de Milán) e fai unha xira por Estados Unidos nos que chega tocar no Metropolitan e no Carnegie Hall. Luis Mera conta como anécdota destes anos dourados que “cada dedo de Arriola estaba asegurado en Estados Unidos por 10.000 dólares”. A vida de Arriola estivo marcada polas dúas grandes guerras que abriron unha fenda na súa creatividade. Para Mera, “a partir de 1914 ofrece un segundo ciclo de concertos con xira europea que xa non é o xenio que era e regresa a España, onde segue tocando pero xa é un descoñecido”. No período de entreguerras regresa a Alemaña, onde o pilla a Segunda Guerra Mundial. Tal e como lle contaría o propio compositor a Xavier Montsalvage nunha entrevista, en 1943, coa entrada do exército soviético en Berlín, toda a súa biblioteca, os seus arquivos e as composicións desaparecen por mor dos bombardeiros. Catro anos despois regresa a Barcelona onde morre nunha casa humilde do Eixample barcelonés, non sen antes ofrecer a unha serie de concertos en Persia (onde estaba a súa irmá Carme como pianista da corte).

Malia que cronoloxicamente estaría encadrado na chamada Xeneración do 27, esteticamente Arriola distínguese de todos os expoñentes musicais desta época (Frederic Mompou, Roberto Gerhard ou Manuel de Falla, entre outros). “Esta xeración era moi afrancesada e non querían saber nada de Alemaña e Pepito tiña unha educación xermana na que se apreciaba no seu dominio profundo da orquestración e en toda a súa obra compositiva”.

DOCUMENTO