Noticias
Todo listo para unha nova edición do Festival do Mundo Celta de Ortigueira
Xénero: | 7 / 7 / 2010
Xa está todo preparado para o evento iniciático por excelencia en Galicia: o Festival Internacional do Mundo Celta. Miles de persoas acudirán á vila do Ortegal para escoitar un plantel de músicos que este ano reúne a bandas como Marful, Cristina Pato, Leilía, Anxo Lorenzo, Celtas Cortos, os escoceses Shooglenifty, os estadounidenses Gaelic Storm ou o xa clásico desfile de bandas de gaitas. Como actividades paralelas, este ano o Festival estreará o filme Os Crebinsky ou a exposición Carácter celta sobre o propio Festival.
Víctor Coyote presenta Joven de cuello vuelto
Xénero: | 6 / 7 / 2010
É un novo single que presentou na minixira galega de xuño. O tudense Víctor Coyote, residente na actualidade en Madrid, presenta o seu novo single, Joven de cuello vuelto, que inclúe serigrafías deste artista versátil. O novo disco pódese escoitar no MySpace de Víctor Coyote.
O Via Stellae enche Galicia con 100 concertos durante xullo
Xénero: | 5 / 7 / 2010
O V Festival de Música de Compostela e os seus Camiños arrinca hoxe en San Martiño Pinario con O camiño dos miragres, de Joby Talbot, interpretado polo coro británico Tenebrae, dirixido por Nigel Short. Será o punto de partida musical dun ambicioso programa musical lo que pasarán directores como William Christie, Christophe Rousset e Tugan Sokhiev e haberá algúns pratos fortes moi especiais, coma o encontro entre o musicólogo Jordi Savall e Carlos Núñez en San Domingos de Bonaval. En Via Stellae tamén se estrearán en Galcia os cinco Canticles de Britten, representarase a ópera Agrippina, de Haëndel, e a estrea galega do Orlando furioso de Vivaldi.
Rebeca Ponte transfórmase en Cardigan Bridge para o seu debut discográfico
Xénero: | 30 / 6 / 2010 + VIDEO
Coñecida nos últimos anos pola súa actividade nas artes plásticas Rebeca Ponte presenta hoxe ás 21 horas na boite do Playa Club da Coruña o seu disco On the windowsill. Usando como nome musical a translación ao inglés do seu, Cardigan Bridge por Rebeca Ponte, a artista multidisciplinar ofrece neste disco nove temas en inglés tamén, escritos e compostos por ela. Ponte, que foi alumna da Escola de Jazz do Concello da Coruña, participou en diversas formacións musicais nos últimos anos ademais de incluír pezas da súa composición en diversas exposicións e performances plásticas, así como para pezas danza contemporánea. En On the windowsill Rebeca presenta un traballo “sen grandes pretensións” que amosa as súas raíces musicais no folk-pop feminino contemporáneo con influencias que van desde Tracy Chapman ou Carly Simon ata Lorena MacKennit ou grandes damas do jazz como Ella Fitzgerald. A artista presente unha serie de videoclips das cancións feitos con base en obras fotográficas súas.
Lucía Pérez aposta integramente pola lingua galega no novo disco
Xénero: | 28 / 6 / 2010 + VIDEO
Descuberta artisticamente no ano 2002 cando gañou o certame de canción “Canteira de cantareiros” do programa Luar na Televisión de Galicia Lucía Pérez xa vai polo seu cuarto disco. A cantante do Incio presenta agora Dígocho en galego, un álbum integro na súa lingua materna con temas que xa foron publicados nos anteriores tres discos, algúns deles inicialmente en castelán e agora adaptados ao galego. Entre os doce temas deste disco destacan por novidade un tema dedicado á súa localidade, O Incio, unha versión do Himno Galego e unha nova versión da súa canción Torres de Compostela dedicada ao Camiño de Santiago e na que conta coa colaboración especial de Bieito Romero, gaiteiro e líder de Luar na Lubre.
Ferrol cántalle á cultura mariñeira no III festival de Músicas Portuarias
Xénero: | 25 / 6 / 2010
A Central Folque, Centro Galego de Música Popular, e o Concello de Ferrol traballan xuntos da man no III ciclo Músicas Portuarias. Unha celebración para dar a coñecer a vertente musical da cultura mariñeira. Concertos en teatro, contos, circuito de cantos tabernarios e paseos musicais en barco que este ano estarán dedicados ao Mediterráneo occidental (coa presenza de Mara Aranda e Artaica -Valencia- e Franca Masu –Sardeña). Canda eles, Aló Irmao!, a conexión galega con Guinea Bissau, presentarán no Teatro Jofre o seu novo disco. A cita terá lugar en Ferrol, nas fins de semana do 2 ao 17 de xullo.
Véndese banda de rock
Xénero: | 24 / 6 / 2010
Un concerto acústico a cambio de cedés. Esta é a orixinal iniciativa que se lle ocorreu a Scandal, un grupo coruñés pop–rock que pretende dar a coñecer o seu último traballo Time for heroes. E para conseguir ese concerto só hai que poxar na rede desde hoxe e ata o vindeiro 23 de agosto.
En Volta Xosé Manuel Budiño destila a esencia dunha xira por catro continentes
Xénero: | 24 / 6 / 2010 + VIDEO
O gaiteiro de Moaña xa ten nas tendas o CD e DVD Volta un traballo que, en verbas do propio Budiño, “non é exactamente un disco en directo nin un recopilatorio. É un experimento”.
Déixate sorprender
Xénero: | 23 / 6 / 2010
“Un non pode chegar á butaca sabendo de antemán o que vai escoitar. Necesitamos que se sorprenda”. E neso traballa Baldo Martínez, director do Imaxina Sons para que cada ano a xente descubra novas propostas musicais. Este ano, o festival ofrecerá desde unha banda que reinterpreta os sons africanos a ritmo de jazz ata un proxecto pensado para iniciar aos máis pequenos neste xénero pasando por master class, mesas redondas, concertos… a cita co jazz arranca hoxe en Vigo.
Triángulo de Amor Bizarro celebran o seu particular Año Santo
Xénero: | 22 / 6 / 2010 + VIDEO
O Triángulo de Amor Bizarro de Año Santo (Mushroom Pillow, 2010) está formado por catro caras, despois da marcha do anterior batería, Julián Ulpiano, entrou no seu posto Rafael Mallo e aos teclados agora contan coa achega de Oscar Vilariño. A banda establecida no Barbanza mantense fiel aos seu particular son “ruidista” que tan boas críticas conseguiu cos seus anteriores traballos, e en Año Santo ofrecen dez novos temas para a versión editada en vinilo –un máis que no CD- e que xa está a venda desde o pasado mes de maio comezando polo avance da canción de la monarquía a la criptocracia. A banda xa está a ofrecer concertos deste traballo e xa tivo unha xira mexicana, país no que antes xa obtivera recoñecemento. Año santo é o segundo disco de cancións orixinais ademais de varias maquetas e un recompilatorio e o seu recibimento pola prensa especializada está a ser moi bo.


