Véndese banda de rock
xuño 24, 2010
Un concerto acústico a cambio de cedés. Esta é a orixinal iniciativa que se lle ocorreu a Scandal, un grupo coruñés pop–rock que pretende dar a coñecer o seu último traballo Time for heroes. E para conseguir ese concerto só hai que poxar na rede desde hoxe e ata o vindeiro 23 de agosto.
“Foi un cruce de cables” afirma Sandra Candal a única muller nesta banda de pop-rock nacida na Coruña en 2001. “Levábamos un ano tentando publicitar o noso último traballo e estábanos a custar moitísimo encher salas e vender cedés. Por iso dixemos que había que facer algo rompedor e aí foi como xurdiu o tema da poxa”. Foi así como os integrantes de Scandal buscaron as condicións dunha poxa normal e adaptárona ás características e necesidades que pode ter un grupo de música. “Saímos cun prezo mínimo de seis euros, que non é moito tendo en conta que se trata dun cedé que ten doce pezas que foi gravado na Coruña e masterizado en Nova York, onde nos gastamos todos os nosos aforros” asegura Candal. A poxa só leva unhas horas abertas e xa ten unha oferta, iso si, polo prezo mínimo de seis euros. O proceso terá lugar na rede, a través de Facebook, onde rexistrarán os datos dos poxadores que deben enviar un correo electrónico no que o interesado con, ademais dos datos persoais, o número de copias que quere mercar e lugar desexado para a celebración do concerto acústico no caso de ser o gañador. Non hai ningunha limitación xeográfica. “Non nos importa tocar en Andalucía, Valencia.. calquera outra parte con tal de que haxa xente interesada en escoitar a nosa música. É o único que pedimos” afirma Sandra, tamén chamada Scandal noutra época e que dá o nome á formación nacida hai xa nove anos.
As dificultades
Scandal non é un grupo novo. Ten máis de nove anos de traxectoria facendo música que se encadra no territorio difuso do rock-pop pero con influencias heavy, jazz, música francesa…. “somos conscientes de que a música que facemos é dificilmente clasificable, pero é o que nos gusta” afirma Candal. En todo este tempo, tocaron en pequenos bares, en concertos promovidos por concellos pequenos pero nunca atoparan as dificultades que está a notar con Time for heroes, un traballo que sacaron en 2009 e co que agora fan a orixinal poxa. “Creo que se debe á crise, a que a xente ten menos cartos e recorta por aquí. Para unha banda pequena non ter o apoio financeiro do público é unha hecatombe” asegura. Pero non sempre foi así. En todo este tempo que levan no mundo da música, Scandal non parou de rabuñar pequenas metas, sempre co apoio do público. Do seu primeiro traballo (Famous after death) venderon preto de 200 copias e tiveron unha relevante repercusión en bares e iniciaron unha xira por Galicia que durou preto de dous anos. De aí foi cando naceu Scandal still kickin, un LP con só 4 traballos. Ademais, comezaron como todas as bandas, ensaiando en casa e, co tempo, conseguiron un pequeno local de ensaio alugado e arranxado por eles mesmos.
Internet, boa pero non tanto
Facebook, Myspace, Twenti… as redes sociais potenciaron o traballo de gran cantidade de grupos pequenos. “Grazas á tecnoloxía consegues unha maior visibilidade pero non es ti só, senón que son todos os grupos que hai ao teu arredor e claro, con tanta información, resulta que saturamos un pouco ao público”. Ademais, esa publicidade ou esa comunicación non sempre se acaba monetarizando, é dicir, eses seguidores da rede non son compradores do disco ou asistentes ao concerto. “A xente non afonda, non nos ten como unha opción e iso é o que pretendemos vencer con iniciativas como esta” asegura Sandra. Na súa opinión, iniciativas como o Rock das Mariñas son moi válidas para fomentar “a presenza de grupos diferentes, que saen un pouco da tónica habitual e polos que non arriscan os pequenos bares e locais cando se teñen que xogar os cartos”.
Agora, esta imaxinativa iniciativa, tentará garantir un concerto cun público entregado. Será o vindeiro 23 de agosto cando se saiba onde e por cantos cedés irá este quinteto coruñés a ofrecer unha actuación acústica.