Noticias
Siniestro Total presenta o seu novo traballo Country & Western
Xénero: | 14 / 9 / 2010
Desde hoxe mesmo xa está nas tendas o novo disco de Siniestro Total Country&Western. Trátase do décimo oitavo LP da banda desde os seus inicios fai case trinta anos como referente do punk rock en Galicia. O disco foi gravado en Houston baixo a produción de Joe Hardy, que ten traballado con grupos como ZZ Top. Country & Western ofrece en 15 temas un paseo por este xénero musical estadounidense e inclúe un tema en galego, Quen me dera na casiña. En declaracións á axencia EFE os membros da banda aseguraron que está era o disco no que máis teñen falado de Galicia nas súas letras. O álbum sairá tamén en vinilo e o primeiro concerto de presentación terá lugar o 1 de outubro en Getafe (Madrid) no Macrofestival en Vivo.
Galantería revisada
Xénero: | 7 / 9 / 2010
Twist, slow, swing, pasodobles, jotas, mambos…Marful colle o testemuño das pistas de baile dos anos sesenta para presentar un Manual de seducción. Un segundo traballo que dá paso á galantería e ao cortexo permanecendo fiel á súa esencia: o son das orquestras e dos cafés cantantes. O vindeiro día 16, o teatro Colón acollerá a estrea deste manual nun concerto anegado de sorpresas.
Víctor Pablo Pérez anuncia a súa despedida da Sinfónica de Galicia para 2012
Xénero: | 30 / 8 / 2010
En abril deste ano anunciouse a entrada de Jesús López Cobos para compartir batuta con Víctor Pablo Pérez á fronte da Orquestra Sinfónica de Galicia. Foi o propio Cobos quen asegurou que sería director convidado pero nunca o substituto de quen levaba vinte anos no proxecto. Sen embargo, Víctor Pablo acaba de anunciar o que era un segredo a voces: que marcha da OSG unha vez que remate o contrato (no verán de 2011). Mentres tanto, a formación segue a súa etapa de cambios co despedimento de David Ethevè como director da Xoven Orquestra. Foi o propio músico quen o fixo público nun concerto esta semana, o que motivou o malestar de Víctor Pablo Pérez. O substituto saberase nunha rodla de prensa que convocará o xerente, Oriol Ponsa, nos vindeiros días.
Dous discos inaugurarán o selo discográfico Matapadre
Xénero: | 23 / 8 / 2010
Alex Mera, Iago Martínez e Cuco Pino, ou o que é o mesmo, o colectivo Oruga están a traballar nun novo traballo fiel á súa fusión de pop e electrónica. Un disco que estreará o novo selo discográfico, Matapadre, vencellado á produtora Work on Sunday. Canda o traballo dos pontearáns, o do grupo Disco Las Palmeras! abre este novo selo que, como aseguran no seu web de Myspace, “estilisticamente está aberto está aberto a calquera cousa de vaia do pop ao rock e as novas tendencias”. Os traballos editaranse para o vindeiro outono.
Pablo Costas gaña o premio do xurado e Gustavo Almeida o do público no concurso musical da Radio Galega
Xénero: | 23 / 8 / 2010
Tras catro meses de concurso, o certame da Radio Galega “VAS-SACAR-NOTA”, que veu substituír ao pioneiro A polo Ghit!, xa ten gañadores. O Premio do Xurado, escollido por profesionais da música, recaeu en Pablo Costas , que grazas ao tema Que nos pasou, terá a oportunidade de gravar unha maqueta nas instalacións da Radio Galega. A Radio Galega recibiu un total de 51 cancións, das que 15 foron seleccionadas polo público. Dos 44.000 votos recibidos, saíu vencedor co “Premio do Público” por case 15.000 apoios Gustavo Almeida, polo tema O Camiño das Estrelas e que terá un paquete de concertos como galardón. Noutras categorías o certame premiou como “Letra Máis Inspirada” a Pulpo en Salsa, composta por Joselito; o “Ritmo con Máis Ritmo” concédese a Kallaikoi por Rodaballo, e un último galardón que destaca a “Mellor Imaxe Xeral do Grupo” é para O Tren da Unha. O broche final do concurso chegará cun concerto que terá como escenario o concello ourensán da Veiga o próximo venres, día 27 de agosto.
O cuarteto vigués Matamá Ensemble gaña o festiva Folk de Plasencia
Xénero: | 20 / 8 / 2010
Xurxo Fernández, David Bello, Noa Vidal e Lucía Comesaña, ou o que é o mesmo, Matamá Ensemble, están estes días de noraboa. Son os gañadores da segunda edición do Festival Internacional Folk de Plasencia, un certame no que participaron 24 formacións. A aposta deste grupo vigués, que se caracteriza por revisar música tradicional con arranxos modernos, impúxose ás propostas dos andaluces Stolen Notes e os vascos Sokaide.
Balea´s Blues Quintet protagoniza a XIII Canjazz, o referente musical do verán cangués
Xénero: | 19 / 8 / 2010
Sen a participación económica da Xunta pero co apoio total do Concello de Cangas e Caixanova, esta localidade pontevedresa acollerá desde o vindeiro martes 24 a décimo terceira edición do seu festival de jazz. Greg Ruggiero, Balea´s Blues Quintet e o batería Marc Ayza son os principais reclamos do cartel que achega artistas que están a trunfar en Nova Yok, xunto con artistas locais. Ademais, a organización ten previsto gravar un disco conxunto entre todos os participantes que leva o nome de Canjazz Collective. Pero antes, os amantes do jazz terán outra cita en Pontedeume que acolle desde hoxe unha nova edición do festival Vol.5 que durará ata o vindeiro sábado.
Cinco propostas musicais galegas optan ao premio europeo da MTV
Xénero: | 18 / 8 / 2010
Este ano os premios europeos da música EMA – European Music Awards- organizados pola cadea televisiva MTV celébranse o 7 de novembro na cidade de Madrid, no evento darase, entre outros, o premio ao Mellor Artista Español e, como en anteriores edicións, a participación está aberta ao público para elixir aos cinco artistas nacionais que optarán a el. Nesta ocasión a presenza galega entre os cen pre-candidatos presenta exactamente cinco candidaturas: os grupos Igloo, Cornelius 1960, Triángulo de Amor Bizarro e Catpeople, máis Iván Ferreiro optan a recibir o galardón na gala europea. As votacións están abertas e poden facerse a través da páxina web habilitada a tal efecto. Cabe destacar que, dun xeito similar o grupo Igloo xa conseguiu fai unhas semanas un dos Premios da Música Independiente ademais do Premio Noroeste Pop-Rock.
Os ensaios de Otello anticipan o LVIII Festival da Ópera
Xénero: | 18 / 8 / 2010
Con case todas as entradas vendidas, o vindeiro 2 de setembro, o Pazo da Ópera da Coruña poñerá en escena a obra mestra de Giuseppe Verdi, Otello. É a montaxe estrela do Festival da Ópera da Coruña, onde acaban de comezar os ensaios. O proxecto suma o teatro de Trieste e a Asociación de Amigos da Ópera, que mantén o festival lírico máis antigo de España. Marco Beti será Otello, Ainhoa Arteta será Desdémona e Claudio Sgura, Jaro. Canda eles estarán o tenor coruñés Francisco Pardo e a soprano ferrolá Gloria Amil. Ademais desta coprodución, o festival dará acubillo a Guillaume Tell e a peza de Donizetti La fille du régiment.
Pet Shop Boys completa o cartel do Xacobeo 10
Xénero: | 12 / 8 / 2010
Xa está fechado o cartel do festival Xacobeo 10. Pet Shop Boys e mais os galegos The Rights On son as últimas incorporacións ao evento que se celebrará o vindeiro 27 de agosto no Monte do Gozo. O conselleiro de Cultura, Roberto Varela, presentaba esta mañá o evento, que contará tamén coa presenza de Muse e do músico islandés Jonsi, ademais de actuacións de DJs.


