Ir ao contido directamente.


Noticias

A soprano Laura Alonso protagonizará unha ópera no Lincoln Center de Nova York

Xénero: Clásica/Lírica | 30 / 9 / 2010

imaxe non dispoñible

O Lincoln Center é un dos centros escénicos máis grandes e importantes do mundo. Polo tanto, é un escenarios ambicionados por calquera músico. A soprano galega, Laura Alonso cantará alí o vindeiro 19 de novembro cun papel protagonista na ópera As horas baleiras, interpretada pola sinfónica neoyorkina dirixida polo francés Enmanuel Plasson. A ópera conta a historia dunha muller solitaria, adicta a Internet que vive no seu mundo fantástico. Alonso chega a Nova York despois de conseguir o premio á mellor artista de Teatro de Essen no Festival Rhur 2010.

A banda sonora da túa navegación

Xénero: Miscelánea | 28 / 9 / 2010

not_17542.jpg

¿Queres que unha selección de música galega actual te acompañe na túa navegación de Internet? No noso perfil de MySpace creamos dúas listas de reprodución musical coas novidades da música galega en todos os seus estilos, que nutrimos continuamente con novas achegas que te axudan a seguir o pulso da actualidade musical do país. Máis de tres horas de música continuada con selo de orixe no país.

Morre a artista Ana Kiro

Xénero: Melódica | 24 / 9 / 2010

imaxe non dispoñible

Era un dos rostros máis populares da televisión, aínda que comezou a súa carreira artística no mundo da música, onde editou máis de trinta discos. Ana Kiro (o seu nome real era María Dolores Casanova González) finou esta mañá no seu domicilio de Mera (Oleiros) por mor dun cancro que a mantivo apartada dos escenarios desde o ano 2006. A capela ardente cos seus restos quedarán instalados no auditorio Gabriel García Márquez de Mera.

A SGAE celebra en Santiago e Madrid o 80 aniversario de Rogelio Groba

Xénero: Clásica/Lírica | 24 / 9 / 2010

imaxe non dispoñible

É un dos compositores galegos máis destacados que conta con máis de 600 composicións rexistradas entre cantatas, óperas e lieders, entre outras pezas. Rogelio Groba Groba (Guláns-Ponteareas, 16 de xaneiro de 1930) cumpre oitenta anos e a Sociedade Xeral de Autores quere renderlle unha homenaxe. Faráo o 30 de setembro na sede que ten en Santiago (ARTERIA Noroeste) coa presentación dun CD-DVD sobre a súa figura; a entrega dunha praca conmemorativa; e un concerto da Orquestra de Cámara Galega (dirixida polo seu fillo) que executará unha escolma da súa extensa obra. O concerto repetirase o 25 de outubro no Auditorio 400 do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, en Madrid.

Nadadora presentan o seu terceiro disco Luz, oscuridad, luz

Xénero: Pop | 23 / 9 / 2010 + VIDEO

not_17518.jpg

A formación grovense Nadadora ven de sacar ao mercado o que é o seu terceiro traballo de longa duración Luz, oscuridad, luz co que poden asentar a súa presenza no panorama do pop indie nacional. Para este disco a banda comeza unha nova etapa da man do selo pontevedrés Ernie Records tras os anteriores traballos con Jabalina. O álbum gravouse nos estudios Abrigueiro de Lugo baixo a produción do coñecido Fino Oyonarte (Super 8, Los Planetas) e coa colaboración de Arturo Vaquero. Once temas forman esta nova oferta discográfica que xa está a venda tamén en formato vinilo e no que a banda mantense esencialmente fiel ao seu estilo sen renunciar a dar un paso de madurez e experiencia.

O humor entra no Festival da Ópera da Coruña cunha obra de Donizetti

Xénero: Clásica/Lírica | 21 / 9 / 2010

imaxe non dispoñible

É unha das obras máis destacadas no marco das escasas pezas cómicas. Ademais, é o contrapunto humorístico da programación da 58 edición do Festival da Ópera da Coruña, despois do drama de Otello e antes da estrea de Guillaume Tell (outro gran drama), o encontro programa La fille du régiment, a ópera de Gaetano Donizetti. Coa actriz Rossy de Palma (nun papel falado) como principal reclamo, a cita ten todas as entradas vendidas na Coruña (venres 24), aínda que se poderá ver o vindeiro luns 27 no Centro Cultural Caixanova de Vigo.

Noitarega presenta o seu novo disco XXI

Xénero: Folk | 17 / 9 / 2010

not_17489.jpg

Para conmemorar os seus 21 anos de existencia desde o 1989 até o presente a agrupación Noitarega ven de sacar o seu terceiro disco XXI (Autoedición). O disco propón vinte temas e foi gravado nos Estudios Muu de Vigo baixo a produción de Pedro Feijoó e do mesmo grupo que, fiel ao seu estilo, nos amosa a clara evolución da banda e que conta coas colaboracións de Anxo Pintos (Berrogüetto), Ernesto Campos, Xaime Estévez (Os Terribles de Donas) ou Luís “O Caruncho”, entre outros.

A Filharmonía presenta unha nova temporada chea de grandes directores

Xénero: Clásica/Lírica | 16 / 9 / 2010

imaxe non dispoñible

Empezando por Frank Peter Zimmermann e rematando por Juanjo Mena, no medio hai media ducia de directores recoñecidos que están no cartel da próxima temporada da Real Filhamornía de Galicia. A programación comezará o vindeiro día 24 coa Misa de Coroación de Mozart dirixida por Jonathan Webb e coas soprano Marta Matheu e a mezzosoprano Cristina Faus (Auditorio de Galicia, 21:00 horas). En total, haberá trinta concertos no que haberá espazo para a produción dunha nova ópera (A voz humana de Poulenc con Ana Vallés como directora escénica), así como a interpretación de obras de compositores galegos (Octavio Vázquez, Juan Durán, Fernando Buide e Pepito Arriola). Ademais, mantense o ciclo de piano Ángel Brage con recitais de Aice Sara Ott, Arcadi Volodos e Aldo Ciccolini.

A Escola de Altos Estudos Musicais pasa a depender do Consorcio de Santiago

Xénero: Clásica/Lírica | 16 / 9 / 2010

imaxe non dispoñible

Non era un asunto novo, senón que xa se viña falando desde a existencia do Instituto Galego de Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) e acelerado desde a conversión en Axencia (Agadic). A Escola de Altos Estudos Musicais non encadraba moito nunha entidade de promoción das industrias culturais. Por iso, non sorprendeu o anuncio do xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, que avanzaou que a xestión desta escola pasa a depender desta entidade. O xerente apuntou que ese cambio terá lugar no curso 2011-2012 e contará cun novo enfoque docente e unha maior vinculación coa Real Filharmonía.

A banda coruñesa NOC xa ten á venda o seu primeiro disco

Xénero: Rock | 16 / 9 / 2010

not_17478.jpg

Tras cinco anos de actividade musical a banda de rock NOC presenta o seu primeiro disco de longa duración, negroscurocasiclaro (autoeditado), dous anos despois dun anterior EP. Foron dous anos de intenso traballo e evolución musical na que o trío formado por Aléxis López, Oscar fernández e Julián Rodríguez amosa un cambio respecto ao son “duro” dos seus inicios en 2005, con voces guturais, distorsións profundas e graves vibrantes máis achegados ao heavy. Sen deixar de lado o rock guitarrero negroscurocasiclaro dá paso a un son máis orgánico, dando cabida a un maior peso das melodías e aos retrousos. Gravado entre xullo e setembro de 2009 en Son do Tagalem, nun man a man co produtor Alber castro, negroscurocasiclaro contén 11 cortes. O disco xa está a venda na tenda Rockbox da Coruña e na plataforma Toupa.net. Proximamente estará tamén en FNAC, El Corte Ingles, Itunes, Spotify.

<< Inicio / Anterior . 2611 a 2620 de 3580 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR