Noticias
Baiuca, Caamaño & Ameixeiras, Ailá e Trilitrate seleccionados para os escenarios internacionais do WOMEX
Xénero:
| 4 / 9 / 2023Ven de presentarse a programación da vindeira edición do mercado das músicas Womex (Worldwide Music Expo), o máis importante encontro mundial de música folk e de raíz, que terá lugar na Coruña do 25 ao 29 de outubro. A música galega terá unha importante presenza nos escenarios deste encontro internacional que volve a Galicia tras os encontros de 2014 e 2016 en Santiago de Compostela. O proxecto Baiuca forma parte da selección oficial que cada ano elixe un xurado internacional, mentres que Ailá e Trilitrate actuarán no escenario Atlantic Connections, instalado no Teatro Rosalía Castro e a través do que se celebrarán os fondos vínculos culturais e históricos entre Galicia e América Latina. Ademais, a organización acaba de anunciar que Caamaño & Ameixeiras actuará xunto con Karmeto (Castela-A Mancha), Niño Josele (Andalucía) e Tarta Relena (Cataluña) no espectáculo inaugural 'Resounding Picasso: Celebrating de Master’s Journey'. Nesta Noite Inaugural, Womex súmase á conmemoración dos 50 anos do pasamento do pintor Pablo Picasso, ofrecendo unha viaxe musical pola súa vida e obra da man de catro bandas que representan os lugares que marcaron a súa infancia e xuventude.
Tanxugueiras prometen unha apoteose de fin de xira en decembro na Coruña
Xénero:
| 31 / 8 / 2023O concerto de fin de xira das Tanxugueiras preséntase como a apoteose final dunha etapa moi especial, a que comezou cun éxito cargado de polémica e seguiu co recoñecemento e achegamento masivos dentro e fóra de Galicia á música de raíz representada nestas tres mulleres. O trío, que neste período de dous intensos anos sacou o seu disco "Diluvio"e ofreceu máis de 110 actuacións por toda a Península despídese por todo o alto del e pecha a denominada Xira Midas con O DERRADEIRO DILUVIO, un concerto especial que terá lugar o sábado 16 de decembro no recinto Coliseum da Coruña. As entradas estarán á venda ao público xeral o venres 1 de setembro ás 11:00h a través da web oficial de Tanxugueiras.
O festival WOS anuncia o seu cartel con dúas estreas mundiais
Xénero:
| 25 / 8 / 2023Dúas estreas mundiais e dezasete a nivel estatal destacan na presentación do programa do VII WOS Festival x SON Estrella Galicia, que celebra a súa nova edición en Compostela entre os vindeiros 14 e 17 de setembro. Unha trintena de espectáculos de arte sonora a cargo de formacións dunha quincena de países compoñen un programa no que se entrecruza "a música de vangarda máis evocadora cos sons de baile do presente-futuro".
O festival Agrocuir da Ulloa decrece na súa VIII edición
Xénero:
| 23 / 8 / 2023"Unha festa máis pequena, máis sinxela e con máis lugar para atoparse". Así presenta a organización do Festival Agrocuir da Ulloa a oitava edición deste evento, que se desenvolve entre os días 25 e 26 de agosto na vila de Monterroso. A sede da Deputación de Lugo acollía estes 22 de agosto a presentación da iniciativa, que conta co apoio económico desta entidade provincial.
Falece Eladio Quevedo, histórico director da Coral de Ruada
Xénero:
| 23 / 8 / 2023Eladio Quevedo, que foi presidente da Coral de Ruada de Ourense entre 2002 e 2015, falecía este 22 de agosto aos 82 anos idade. Quevedo estivo implicado desde a súa infancia nesta histórica formación a tocar diferentes instrumentos e desempeñar distintos postos na súa directiva ata ocupar a presidencia.
Un escenario para músicos galegos emerxentes no Festival de la Luz
Xénero:
| 9 / 8 / 2023O Festival de la Luz inclúe este ano un novo espazo que se dedicará ao talento musical emerxente de Galicia. Deste xeito entran no seu cartel deste ano os 10 artistas e grupos saídos da aceleradora de proxectos musicais que a Xunta de Galicia está a desenvolver en colaboración coa Fundación Paideia Galiza. O evento de Boimorto contará cun escenario Sonemerxente, que toma o seu nome do da devandita iniciativa, polo que o sábado 26 pasarán Paraíso Canto, Samudra Trío, Zeltia Irevire, De Ninghures, Adrian Timms e Hydn, mentres que o domingo 27 será a quenda de Ani Baires, Helena Egea, Law e Mondra. Todos eles incorpóranse así á programación do encontro que na última fin de semana de agosto reunirá máis dunha trintena de coñecidos nomes do panorama estatal e galego, con Reincidentes, Viva Suecia e Rayden como cabezas de cartel.
Espazos Sonoros volve en setembro para unir música e patrimonio
Xénero:
| 9 / 8 / 2023Fisterra, Ares, Brión, A Laracha, e a cidade da Coruña acollerán este ano os concertos de Espazos Sonoros, que se desenvolverán entre o 2 e o 24 de setembro en espazos singulares da arquitectura relixiosa da provincia da Coruña. A Deputación provincial ven de presentar o programa desta edición que permitirá gozar da música en lugares coma a igrexa de Santa María dos Ánxeles (Brión), San Martiño de Xuvia (Narón), San Pedro de Soandres (A Laracha), ou civil coma o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (Muncyt) da Coruña ou a lonxa de Fisterra. Xustamente neste último enclave será onde teña lugar o concerto inaugura, o día 2 ás 19 horas, a cargo de Ugía Pedreira.
O festival de Jazz de Pontevedra comeza hoxe a súa 29ª edición
Xénero:
| 7 / 8 / 2023A Praza da Ferraría de Pontevedra acollerá hoxe co concerto de Gisele Jackson and The Shu Shu’s o comezo da 29ª edición do Festival Internacional de Jazz e Blues de Pontevedra que terá lugar ata o 11 de agosto. A edición deste ano, que se moveu das súas datas tradicionais de xullo a agosto, porá o foco no blues e no soul, sen esquecer o jazz que quedará nas mans dos músicos galegos presentes nesta edición. Estas músicas terán representación a través das artistas internacionais Gisele Jackson, Acantha Lang e Vanessa Collier, namentres a parte máis "jazzera" do cartel recaerá nos pontevedreses Pablo Patiño e Mr. River. Todos os concertos serán de balde e tamén a Street Band Chivinjazz percorrerá as rúas da cidade todos os días que dure o festival ás 12.30 e ás 20 horas. O concerto de hoxe supón un cambio de última hora ao caer do cartel a artista Carolyn Wonderland por razóns de saúde. A organización, nun movemento áxil e a contrarreloxo, logrou confiar este día a Gisele Jackson and The Shu Shu’s.
Un documental para conmemorar 30 anos da Mostra de Instrumentos de Pardiñas
Xénero:
| 4 / 8 / 2023Este sábado e domingo terá lugar en Pardiñas (Guitiriz), Lugo a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas e o festival a ela asociado. Será a 30ª edición deste evento que supón una das máis importantes citas co artesanado musical da península. En conmemoración polo aniversario ven de estrearse o documental "Labrando Músicas", un traballo audiovisual de 25 minutos presentado pola Asociación de Gaiteiros/as Galegos/as, producido polos cineastas Olaia Tubío e Alejandro Gándara ("Dorothè na vila") que, ademais, é o director artístico do mesmo. O documental xa está dispoñible na canle YouTube da AGG.
O festival de rúa Feito a Man celebra o seu 20 aniversario
Xénero:
| 2 / 8 / 2023Este xoves, 3 de agosto dará comezo unha nova edición, a vixésima, do festival Feito á Man de Santiago de Compostela, que encherá de música ao vivo as rúas e prazas da cidade vella ata o 24 de agosto e contará con máis de corenta propostas artísticas de diferentes estilos musicais. O festival está organizado pola Asociación Cultural Cidade Vella que, desde 1987, reúne establecementos de hostalaría da zona vella compostelá cun claro compromiso coa cultura e coa cidade. O Feito á man dará comezo hoxe, día 3 de agosto na rúa Xelmírez co grupo Maricarme e rematará o día 24 de agosto na praza de San Martiño Pinario co grupo Grampoder.