Noticias
O Son dos Arrieiros volve á Estrada
Xénero:
| 21 / 9 / 2023Comeza a conta atrás para que o festival O Son dos Arrieiros inunde de música en directo as rúas do Concello da Estrada esta fin de semana. A terceira edición deste festival de carácter gratuíto presenta ata unha decena de propostas artísticas de diferentes tendencias musicais, todas galegas, coa intención de amosar que é posible formular propostas de éxito en clave territorial. O cartel conta con nomes como Boyanka Kostova, Malendrómeda, BabyKatze, hydn ou Guezos, entre outros. Este evento trata de ser un escaparate para recoñecer a valía de bandas e artistas noveis seleccionando as propostas da nosa terra e integrándoas en espazos urbanos para poñer en valor a creación musical a plena luz do día. Con vontade continuísta, a organización aposta novamente por un evento paritario tanto enriba como debaixo do escenario organizado pola produtora musical dotbeat! co patrocinio da Xunta de Galicia e a colaboración do Concello da Estrada.
Mondra publica o seu LP de debut ARDĒN
Xénero:
| 20 / 9 / 2023Hoxe é o día que o primeiro disco longo de Mondra, ARDĒN (Altafonte Music Spain, 2023) sae á luz. Tras presentar varias das cancións que forman parte deste disco ao longo dos pasados meses o artista de Teo publica hoxe nas plataformas dixitais este disco composto por dez temas, producido por Berto e editado por Altafonte que tamén se distribuirá en formato CD de edición limitada na que cada copia será única. A deseñadora Zeltia Iglesias, xunto a Mondra, interveu persoalmente cada unha das portadas dos discos. As copias físicas poderanse adquirir nos directos e nas tendas físicas, onde o público pode facer xa a pre-reserva do seu disco en espazos seleccionados como Fnac, El Corte Inglés e Amazon.
Sen Senra nomeado ao Grammy Latino polo videoclip "No Quiero Ser Un Cantante"
Xénero:
| 20 / 9 / 2023"No Quiero Ser Un Cantante" é canción coa que o vigués Christian Senra abría o seu máis recente traballo discográfico "PO2054AZ (Vol.1)" (Universal Music Spain, 2023). Co video clip da súa presentación dirixo por Torso, o músico reivindicaba as súas raíces galegas ao nivel máis local, rodando en Forcarei, ao mesmo tempo de deixar claras que as súas expectativas son como creador, non como figura valeira da industria musical ou outras etiquetas. O vídeo ven de entrar na lista de nomeados para o Grammy latino deste ano na categoría 55, de videoclips de sinxelos. O do vigués é un dos cinco traballos que compiten este ano na categoría, entre os que está tamén un vídeo da coñecida Nathy Peluso e outros artistas como Kayode, Luthuly Featuring Nave e Wos. A Academia latina de Grabación entregará os premios desta 24ª edición o vindeiro 16 de novembro en Sevilla.
O proxecto Sensoxenoma amosa os efectos da música sobre doenzas dexenerativas
Xénero:
| 20 / 9 / 2023O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acollía este 19 de setembro a presentación dos resultados da primeira fase de Sensoxenoma. Esta investigación do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) amosou que a música ten efectos positivos na expresión de xenes que afectan a doenzas dexenerativas como o alzhéimer.
Amancio Prada abrirá o MARÉ musicando a Lorca coa Filharmonía
Xénero:
| 19 / 9 / 2023O festival MARÉ, que terá lugar en Santiago de Compostela entre o 20 e o 24 de Setembro, abrirá a súa programación mañá mércores no Auditorio de Galicia, cunha estrea especial que se leva xestando desde hai varios meses. Por vez primeira, o histórico cantautor Amancio Prada presentará coa Real Filharmonía de Galicia a versión sinfónica dos 'Seis Poemas galegos' de Federico García Lorca, coa orquestración e dirección de David Fiuza e a colaboración especial do Coro Cantigas e Agarimos. Este concerto inaugural será a primeira vez que se poidan escoitar os poemas galegos de Lorca en versión sinfónica, sendo a segunda vez na historia que colaboren Amancio Prada e a Real Filharmonía de Galicia. Ademais esta suporá a primeira das actuacións da xira "Celebrando 50 anos desde Vida e Morte", na que Amancio Prada lembrará este disco fundacional. Outro dos puntos emocionantes este ano do evento será a homenaxe ao artista vasco Kepa Junquera, que estará presente o domingo 24 para a presentación do documental "Berpiztu, Renacer", dirixido por Fermín Aio. Tamén se fará unha homenaxe musical de tributo a kepa, "Éromeríak", que contará coa Banda das Crechas e varias persoas invitadas.
Grande Amore presenta o seu segundo disco
Xénero:
| 14 / 9 / 2023Desde hoxe xa está dispoñible nas plataformas o segundo disco de Grande Amore, o proxecto de Nuno Pico xunto a Clara Redondo e mariagrep. Baixo o título de "II" e o selo de Ernie Records este traballo ofrece dez temas orixinais dos que catro deles xa foron previamente adiantados: 'Do meu corpo van nacer outros corpos', 'Pelea', 'Onde ela me quer levar' e 'Ben Sabe Dios Que O Intentei'. A proposta de "II" mantén as liñas narrativas do seu disco de debut "Grande Amore" (Ernie Records, 2021), cun existencialismo escuro que retrata a vida contemporánea cotián cunha certa rabia e desesperación. Nuno amósase máis seguro tras do seu paso polos escenarios e festivais e pola acollida que tivo por parte do público nel e iso nótase nesa reafirmación de estilo que é este "II". A nivel sonoro os temas adquiren máis forza e potencia, máis velocidade en xeral.
O documental Dorothé na vila xa se pode ver íntegro na rede
Xénero:
| 13 / 9 / 2023Coa mensaxe "Dorothé sempre dixo que o seu traballo nos pertence a todas. Desde hoxe, podedes ver o documental en aberto", Alejandro Gándara e Olaia Tubío, responsables do documental Dorothé na vila publicaban este 12 de setembro esta peza audiovisual na plataforma Vimeo.
A Arca da Noe pon á venda o seu primeiro libro-CD
Xénero:
| 11 / 9 / 2023Cando parou a realización de concertos no medio da pandemia pola Covid-19, Noemi Vázquez, responsable da sala A Arca da Noe, en Vilar de Santos, decidiu armar o primeiro libro-CD deste proxecto. A iniciativa, que viu a luz finalmente este verán e está a chegar ás tendas de todo o país, cristalizou no libro-CD Oceanoe. Travessia polo mar das antelas. O volume achega colaboracións inéditas na música galega e lusófona artelladas pola propia Noe que interpretan dezanove temas dos cales a maioría son pezas inéditas, con dúas versións e outras dúas cancións tradicionais.
Adeus á señora das cantigas: Falece Dorothé Schubarth
Xénero:
| 8 / 9 / 2023O seu nome leva anos a se reivindicar como a peza clave que permitiu o coñecemento sistemático do noso patrimonio sonoro. Dorothé Schubarth, a etnomusicóloga suíza que asinou o monumental Cancioneiro popular galego coa axuda do filólogo Antón Santamarina, falecía este 6 setembro nun hospital de Basilea (Suíza), aos 80 anos de idade, ao parecer por complicacións dun accidente bascular que sufrira hai un tempo.
Eduardo Soutullo recibe o Premio Nacional de Música
Xénero:
| 5 / 9 / 2023A cultura galega recibe un novo recoñecmento estatal tras o Premio Nacional de Literatura dramática a Paula Carballeira. O compositor vigués Eduardo Soutullo (Vigo, 1968) recollerá un dos Premios Nacionais de Música 2023 outorgados polo Ministerio de Cultura e Deportes. Está a primeira vez que un destes galardóns da área de música recae nun artista galego. O xurado concedeu ao músico o galardón desta arte na modalidade de composición motivando a súa decisión polo "unánime recoñecemento internacional da súa música, especialmente a súa produción orquestral, destacando a estrea en 2022 en San Petersburgo da súa cantata 'O lamento dos xirasois'". O premio está dotado co 30.000 euros. O compositor iniciou a súa formación musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Ten un mestrado da Universidad Complutense de Madrid en 'La música en España e Hispanoamérica: métodos y técnicas actuales de investigación'; é doutor pola Universidade de Vigo cunha tese sobre música española contemporánea, ademais de profesor superior polo Conservatorio Superior de Música de Santiago de Compostela. Eduardo Soutullo está emparentado co tamén compositor Reveriano Soutullo (Ponteareas, 1880-1932), que era irmán do seu bisavó.