Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Coñécense os proxectos seleccionados para as Residencias Artísticas Mariñán
Coñécense os proxectos seleccionados para as Residencias Artísticas Mariñán
marzo 27, 2024
A Deputación da Coruña daba a coñecer este 26 de marzo a resolución da segunda xeira das Residencias Artísticas Mariñán de Literatura e Pensamento. Carmen Marina Vidal Valiña protagonizará a residencia de pensamento mentres Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila e Laura Martínez Mateo foron escolleitos para as literarias.
As creadoras e creadores seleccionados residirán entre os días 15 e 26 de abril no Pazo de Mariñán, propiedade da Deputación, onde convivirán cos artistas das Residencias Mariñán de Música, que se deron a coñecer o pasado venres 22. Su Garrido Pombo, Antía Muíño, Chumba, e aTorna foron os nomes que participarán do programa nesta categoría.
De xeito máis concreto, os proxectos literarios escolleitos son Do outro lado, unha obra teatral de Francisco Rodríguez Casal sobre ecoloxismo e a descomposición das comunidades rurais abordadas mediante testemuñas corais. O proxecto de Esperanza Mariño, o ensaio Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras afonda na faceta literaria desta figura, mentres Laura Martínez Mateo desenvolverá o poemario A identidade agochada a explorar diferentes vías de acceso á idea de identidade.
Na residencia de pensamento Carmen Marina Vidal Valiña traballará na súa investigación Recuperando a memoria das "tolas" galegas: o manicomio de Conxo a través das pegadas das súas internas, que desenvolve a partir do estudo das historias clínicas de mulleres no manicomio de Conxo. As persoas que participan destas residencias contarán con visitas de Chus Pato e de Ismael Ramos.
Pola súa banda, as residencias musicais permitiranlle a Su Garrido Pomdo desenvolver a súa proposta Traspielas, na que celebra a memoria colectiva dunha aldea en forma musical, textual, escénica e visual, a combinar diferentes disciplinas artísticas e estilos musicais. Antía Muíño, polas súa banda, ten previsto desenvolver o seu novo traballo discográfico, mentres aTorna quere traballará un proxecto de diálogo e cuestionamento das tradicións sonoras galega e catalá. Finalmente Chumba abordará neste programa o proxecto Marearte, no que mestura creación sonora, musical e visual para representar a unha sociedade "mal conectada" coa súa contorna.
O xurado das residencias literarias e de pensamento estivo composto por Yolanda Castaño, Iván García Campos e María López Sández, coa deputada de cultura Natividade González como presidenta e a xefa de sección de cultura Manuela Muñiz como secretaria, nunha xuntanza na que tamén estivo presente o comisario desta categoría, Roberto Abuín. Pola súa banda o comité de selección de propostas musicais contou con Carlos Crespo, Patricia Hermida e Carles Sala, coa deputada de cultura Natividade González como presidenta e a xefa de sección de cultura Manuela Muñiz como secretaria.