Ir ao contido directamente.


Noticias

O ciclo Galicia Importa revive catro anos despois da sexta edición

Xénero: Miscelánea | 18 / 4 / 2018

imaxe non dispoñible

O ciclo de música Galicia Importa regresa aos escenarios galegos despois de varios anos, de novo baixo a organización da produtora Sweet Nocturna. O primeiro concerto desta nova etapa será o que o músico israelí Asaf Avidan ofrecerá este xoves 19 na Sala Capitol de Santiago de Compostela. Mantense nesta edición o obxectivo co que Galicia Importa se puxera en marcha en 2008 para achegarlle ao público galego os directos de destacados nomes da escena musical internacional nun formato especial e máis próximo aos espectadores. A Axencia Galega de Industrias Musicais (AGADIC) colabora con esta programación, que se estenderá durante todo o ano, continuará coas actuacións da lendaria Ronnie Spector (21 de xuño) e da banda estadounidense Mercury Rev (18 de setembro), para as que proximamente se anunciarán as localizacións xunto con novas citas do ciclo. Con seis edicións entre 2008 e 2014 e máis de 40 concertos celebrados, o ciclo reactívase en 2018 coa actuación de Asaf Avidan, ao que The New York Times definiu como "o prodixioso músico que compón como Leonard Cohen, canta como Robert Plant e ten o carisma dos artistas de cabaré máis grandes".

Treixadura volta con Inda canto!

Xénero: Folk | 18 / 4 / 2018

imaxe non dispoñible

Cun concerto en Vigo presentaba Treixadura o pasado 13 de abril o seu sétimo álbum. Inda canto! achega doce novos temas nos que o grupo se reinvnta sempre a partir da súa base de instrumentos e canto tradicional. Entre as cancións o grupo achega unha versión da coñecida O Carro e outra dedicada da Mingos Lorenzo, compoñente do Orfeón recentemente falecido. Como novidade, o grupo incorpora a voz de Anxo Xesteira. A xira de presentación do álbum continuará cun novo concerto en Noia o 22 de abril.

A Bakin'Blues Band celebra aniversario con 'Ten long years, 2008-2018'

Xénero: Jazz/Blues | 17 / 4 / 2018

bakinbluesb_tenlongyears.jpg

A Bakin'Blues Band está a piques de cumprir dez anos de traxectoria e vaino celebrar por todo o alto. Será este venres 20 de abril cando presente o seu novo disco, Ten long years, nun concerto no Teatro Principal de Santiago de Compostela no que farán un repaso polos temas que levan interpretando nos escenarios desde 2008. No mesmo día estará á venda no propio concerto o disco, terceiro da banda, que inclúe unha escolla de gravacións en directo en Noia, na Sala Capitol e no recente Fisterra Blues Experience. Ten long years é tamén o título do espectáculo co que a banda compostelá de blues pretende recrear este percorrido dunha década. Será un concerto de 2 horas no que intervirá unha banda de 10 músicos, entre membros da Bakin, metais e coros. E a isto haberá que engadirlle convidados que teñen un vínculo especial coa banda. E a festa continuará despois do concerto nunha jam session no Dado Dadá, local fundamental na historia desta banda. Desde a banda efinen este concerto como "un capricho que pretende presentar toda esa experiencia, todos eses encontros, toda esa alegría do blues". A Bakin'Blues Band está formada por Javier Turnes ( voz e guitarra), David Vázquez (guitarra solista), David Prieto (baixo), Alejandro Casquero (teclado), e David Failde (batería).

A Real Filharmonía de Galicia estrea dúas composicións de autores galegos

Xénero: Clásica/Lírica | 17 / 4 / 2018

imaxe non dispoñible

Un universo en expansión, o lema da Real Filharmonía de Galicia para esta temporada, será o eixe do concerto que esta formación dará o vindeiro venres baixo a batuta de Paul Daniel. O evento, que se desenvolverá no Auditorio de Galicia a partir das 20:30 horas, integra pezas do celebérrimo John Williams, autor da banda sonora de Star Wars e de Holst con dúas estreas de compositores galegos encargadas pola propia orquestra. Deste xeito, no recital soará Vía Láctea. Haiku espiral, coa que Jacobo Gaspar propón unha viaxe ao centro da Vía Láctea, “delineado por un trazo en forma de espiral que reflicte tanto as zonas luminosas como as que se nos presentan escuras ou ocultas desde a nosa posición no espazo".

Rodrigo Romaní preséntase en Trío co disco 'Fíos de ouro no ar'

Xénero: Folk | 16 / 4 / 2018

RRTrio_fiosdeouro.jpg

Rodrigo Romaní presenta o seu cuarto traballo discográfico Fíos de ouro no ar (Altafonte Music), e faino anovando esta vez no formato, presentándose como Rodrígo Romaní Trío na compaña de Bea Martínez (arpa) e Xulia Feixoo (percusión), dúas intérpretes do panorama do novo folk galego. O arpista fundador de Milladoiro non deixa de achegar renovación ao panorama tradicional, neste caso cun álbum concibido para recrear un xogo sónico de luces e sombras, de penumbras estilísticas, con alusións a músicas de diversas orixes nas que a tradición oral da musica popular vertebra un produto inconfundiblemente galego. As dez pezas deste Fíos de ouro no ar revelan un abano de sonoridades delicadas ao mesmo tempo que definidamente rítmicas, evocadas pola complexidade de dúas arpas combinadas con elementos electrónicos e percusións acústicas unidas ao canto e a ocarina. Para este traballo Romaní contou con valiosas colaboracións que se deixan sentir no álbum como o acompañamento elegante do cuarteto clásico de corda Cuarteto Novecento. A eles xúntanse as voces invitadas de Inés Lorenzo (As Arpas de Breogán) e Guillerme Ignacio (Quempallou). O disco presentarase en concerto o vindeiro 27 de abril no Teatro Rosalía de castro da Coruña, as entradas xa están á venda. Fíos de ouro no ar está dispoñible en todas plataformas dixitais e tamén en formato CD DIGIPACK nas tendas de discos.

Brais Morán achega o seu rock á tradición en No mato do desespero

Xénero: Fusión | 13 / 4 / 2018

brais_moran_foto.jpg

As colaboracións de Tanxugueiras, Uxía Pedreira ou Patri Gamallo, de Adufeiras de Salitre, dan unha idea por onde vai No mato do desespero, segundo disco en solitario de Brais Morán. O músico da Coruña, antigo membro de Loretta Martin, achégase á tradición galega nun novo álbum no que rende homenaxe ao poeta moçambicano José Craveirinha e ao desaparecido Fran Pérez Narf. Morán non abandona no entanto a base rock do seu traballo e contou con Fran Sanz no baixo, Manu Seoane nas guitarras e Marcos Pazo na batería para a gravación que se realizou nos estudios Abrigueiro de Arturo Vaquero en Friol. A Sala Capitol de Compostela acollerá o vindeiro 29 de abril o concerto de presentación do álbum.

O festival Elas son Artistas achegará 15 espectáculos feitos por mulleres

Xénero: Miscelánea | 11 / 4 / 2018

imaxe non dispoñible

Como un dos proxectos premiados do Concurso de Ideas pola Igualdade Luísa Villalta que promove a Deputación da Coruña nace o I Festival Metropolitano pola igualdade Elas son Artistas. Este programa levará aos concellos de A Coruña, Betanzos, Cambre, Culleredo, Oleiros, Sada e Arteixo entre o 31 de maio e o 6 de xuño un total de quince espectáculos de diferentes xéneros protagonizados por mulleres. Nastasia Zürcher, Ana Li, Silvia Penide, Marian Ledesma, Las Antonias, Carla López, a compañía teatral A Panadaría, Aldaolado, Blues do País, Ele, Femino Plural, Berta Bittersweet ou Rebeca Lane son algúns dos nomes que fan parte desta primeira xeira.

Disco Las Palmeras! cambia e segue con 'Cálida'

Xénero: Indie | 10 / 4 / 2018

calida_discolaspalmeras.jpg

Xa está dispoñible á venda en vinilo, CD e en plataformas dixitais Cálida (Sonido Muchacho, 2018), o cuarto traballo de Disco Las Palmeras!. A banda nacida no 2009 e formada por Diego Castro (voz e guitarra), Julián L. Goicoa (guitarra) e Martiño Salgado (batería) publica por segunda vez co selo Sonido Muchacho tras Asfixia (2015) e dous primeiros discos baixo o selo de Matapadre. Doce temas conforman Cálida, grabado en Austin (Texas) e que supón unha diferencia en canto á proposta sonora co que a banda viña facendo ata agora. Aínda que o grupo mantén os seus toques máis "shoegaze" a instrumentación faise con máis claridade pop que ruído, deixando cancións como un dos seus primeiros temas distribuídos, Bestia, que no seus máis de catro minutos dá para reconciliar os sons dos anteriores traballos con esta nova etapa de máis brillo. Aínda así o resultado da escoita de todo o álbum dá unha boa sensación de variedade grazas á panoplia de sons cos que se atreven a xogar como en nana de sangre ou La última gran bronca. Nas letras os Disco las Palmeras! manteñen toda a súa forza, de intimidade e frescura que os emparenta coa psicodelia sixtie máis poética e co post punk. Inevitable na escoita deste Cálida non ter presentes referentes como Los Planetas, que tamén tiveron unha evolución do seu son nos últimos tempos e cos que a banda galega non nega a conexión, xa que mesmo rexistraron unha versión dos granadinos para o libro-disco de homenaxe De viaje por Los Planetas. O grupo estará tocando xa en directo estes novos temas de Cálida o vindeiro sábado en Lugo na presentación do festival FaCeLa Fest.

Los Árboles presentan hoxe o seu primeiro LP 'Ensayo y Error'

Xénero: Pop | 6 / 4 / 2018

ensayoyerror_arboles.jpg

Desde hoxe mesmo se pode acceder en Spotify aEnsayo y error, o primeiro disco longo da banda Los Árboles, que xa está a distribuír tamén en formato físico entre aqueles mecenas que contribuíron para a súa edición,. Se nas pasadas semana íamos coñecendo en avance dous dos temas que conforman este novo disco , Elemento nuclear e A Marte agora podemos xa escoitar os dez temas que conforman Ensayo y error, un disco gravado no estudio propio no Courel do compositor e cantante Alexandro González. As composicións de González para este traballo encantarán á lexión de seguidores que a banda ten acadado nestes anos na escena galega cos seus directos e a través dos seus dous anteriores traballos curtos, primeiro con Catorce grados (Diérese Producciones, 2012) e posteriormente con coñecido Los días que quedan son nuestros (Diérese Producciones, 2014). Pop-rock fresco e case canónico con protagonismo nunhas guitarras eléctricas poderosas por momentos, letras intimistas e co ton nostálxico que xa é marca da casa nos dez temas deste traballo. Alexandro González (guitarra, piano e voz), Alberto Barreiro (baixo), Marcelo Pedredo (guitarra), Martín González (sintetizador) e Alberto Dopico (batería) conforman o grupo. No mes de maio comezarán xira para presentación en directo deste traballo.

O festival Primavera de Jazz trae a Ourense once concertos

Xénero: Miscelánea | 6 / 4 / 2018

imaxe non dispoñible

O Café Latino de Ourense en colaboración coa Fundación Florencio Álvarez organizan un ano máis e xa van vinte e dous o Festival Primavera de Jazz. O evento, que dará comezo este domingo coa actuación de Joe Sanders, ofrecerá unha actuación por semana ata o 14 de xuño, o que será un total de once concertos. Todos eles representan a escena internacional do jazz e achegan diferentes aproximación sao xénero, algunas delas desde os son caribeños e outras desde o flamenco como Josemi Carmona, ademáis de outras proposta máis canónicas. Case todas as sesións terán lugar no Café Latino pero o festival, grazas ao apoio do Concello ourensán, pode ofrecer tamén un cocnerto de balde na Praza de Santa Eufemia a cargo de Bill Evans e a súa banda.

<< Inicio / Anterior . 1121 a 1130 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR