Ir ao contido directamente.


Noticias

O festival Noroeste da Coruña xa ten datas e primeiras confirmacións

Xénero: Miscelánea | 4 / 5 / 2018

imaxe non dispoñible

A Coruña xa ten previsión de datas e primeiras confirmacións para unha nova edición do Festival Noroeste Estrella Galicia. Este 2018, o gran festival urbano promovido desde o Concello celebrarase do 7 ao 12 de agosto e contará con máis de 100 bandas e artistas de todos os estilos -pop, rock, indie, heavy, vangarda, fado, hip hop, fusión, folk, punk, noise, canción de autor, etc.- que de novo se distribuirán por espazos e escenarios de toda a cidade herculina. Os primeiros nomes do cartel fan unha aposta en feminino representada por catro xeracións de mulleres: Ana Curra, Christina Rosenvinge, Group A e Mordem. Ana Curra (Madrid, 1958) foi unha das artistas de referencia da Movida madrileña. Formou parte de Pegamoides, Parálisis Permanente e Los Seres Vacíos. No outro extremo de idade Mordem é o nome escollido pola coruñesa Elba Fernández para bautizar o seu novo proxecto que agora presentará na súa cidade. Agárdanse moitas máis confirmación ata acadar esas cen previstas dentro do programa dun festival de concertos gratuítos ao aire libre e que cada ano reúne unha media de 60.000 persoas.

Música para María Victoria Moreno

Xénero: Folk | 4 / 5 / 2018

imaxe non dispoñible

A Illa de Arousa acolle este 5 de maio a estrea de Ao latexo das letras, a homenaxe poético-musical a María Victoria Moreno que parte de Óscar Ibáñez. O gaiteira e mais a súa banda Tribo colaboran coa poeta Tamara Andrés nun espectáculo no que os sons tradicionais se mesturan co recitado de textos da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas. A xira continuará o vindeiro día 13 por Melide, o 16 na Estrada, o día 18 poderá verse en Lisboa e o 19 en Ponte da Lima. A xira conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Basanta comparte rituais atávicos en 'Colorama'

Xénero: Pop | 2 / 5 / 2018

basanta_colorama.jpg

Na tradición hindú o Basanta Panchami é un día de celebración que marca a fin do inverno e celebra o aniversario da deusa Saraswati, nai da sabedoría, a fala e a música. En feliz coincidencia tamén é o apelido do músico Roy Basanta, ex-vocalista dos desaparecidos The Blows, e foi a palabra elixida para dar nome a un novo e singular proxecto de banda que agora ven de sacar ao mercado o seu primeiro disco longo. Basanta, o grupo, xa ten dispoñible o seu álbum Colorama (C4Music, 2018). Once temas máis un conforman este traballo presentado recentemente en concerto no eido do festival vigués Super Bock Under Fest e que xa está dispoñible en vinilo e nas plataformas dixitais.

Anxo Moure e Servando Barreiro cantan a cultura fluvial en 'A música da Auga'

Xénero: Infantil | 30 / 4 / 2018

A_musica_da_auga.jpg

A través da editorial de Contos Solidarios 2Teixos, o contacontos Anxo Moure, xunto con Servando Barreiro, presentan o libro-cd A Música da auga. Un volume que serve para a recuperación da cultura tradicional xurdidas das beiras fluviais e dos cauces e fontes. Contos que se cantan e cantares que se contan arredor do propio ciclo natural da auga e das súas mitoloxías nestes 11 cortes do disco-libro de Barreiro e Moure para o que contaron coa colaboración de músicos como Rubén Pastoriza ou Marce Villaverde. O libro disco está ilustrado con acuarelas do propio Servando Barreiro e como proxecto comezou a xestarse fai quince anos nunha actividade da asociación Barcas do Minho chamada Embarcaescola coa que se foi visitando todos os centros escolares dos concellos galegos da beira do Miño divulgando o patrimonio cultural e ambiental do río. O libro-disco comeza cunha cantiga do espertar da auga no pedregal de Irimia e a través dos seus temas coñeceremos as figuras das xacias (mulleres peixe), barqueiros, cesteiros, etc. Contos da chuvia e das fontes que divulgan a riqueza dos ecosistemas fluviais e marítimos e propoñen hábitos para o seu coidado. A Música da Auga se está a presentar nestes dias en centros educativos e festivais de música como o "Plis plas" que se celebrará o 12 e 13 de maio na cidade de Vigo.

Pontevedra acolle o festival de música en galego Galegote Rock

Xénero: Miscelánea | 27 / 4 / 2018

imaxe non dispoñible

Xa está en marcha en Pontevedra unha nova edición do Galegote Rock, o festival de bandas en lingua galega. A Sala Karma acollía onte as primeiras actuacións do programa que terá o seu punto álxido estre sábado nunha carpa situada na Praza da Pedreira con entrada libre. Oito banda e dúas sesións de Dj encherán o sábado de música en galego desde as 12:30 do mediodía. Hoxe será a formación Monoulious DOP a que actuará no Pub El Pequeño da Sala Karma, para mañá o programa o abrirá SonDaRúa e inclúe os concertos de Cinta Adhesiva; Espiño; Esposa; Ataque Escampe; Os Amigos dos Músicos; Dakidarría; The Lelly Kelly’s e as sesións de Sr. Fiuza e Manuele Tremendo Caamagno.

Unha macrofoliada celebrará no Gaiás o BIC da danza tradicional

Xénero: Folk | 27 / 4 / 2018

imaxe non dispoñible

A celebrar a incoación onte do expediente para declarar ben de interese cultural de carácter inmaterial o baile tradicional galego, a Consellaría de Cultura acaba de anunciar un grande evento dedicado á cultura popular. Serán_01. I Encontro Galego de Cultura Popular reunirá na Cidade da Cultura máis de corenta espectáculos de folclore galego entre os días 8 e 10 de xuño vindeiros. Segundo anuncia o departamento da Xunta, o Gaiás acollerá un programa cun milleiro de artistas coordinado por Quique Peón no que participarán nomes como Davide Salvado, Uxía, Budiño, Leilía ou Susana Seivane entre moitos outros.

Mercedes Peón presenta o seu novo disco 'Deixaas'

Xénero: Fusión | 24 / 4 / 2018

Deixaas_MPeon.jpg

Oito anos pasaron do anterior disco propio de Mercedes Peón, o multipremiado SOS (Fol Música, 2010), e 18 xa do seu disco de debut Isué (Resistencia, 2000). Con eles, coma cos seus outros dous traballos intermedios, a artista sempre engadiu algo novo na súa constante exploración da vangarda sonora desde a base da música tradicional. Agora Peón presenta o seu quinto traballo de estudio Deixaas (Fol Music) tras unha intensa etapa de investigación sobre as posibilidades da arte sonora traída ao eido no que é un referente internacional. Usando de novo as bases electrónicas Peón propón un sonido industrial e duro sen abandonar as raíces da tradición, inspirada en espazos sonoros de nova natureza obtidos a partires dun traballo de campo minucioso con sons reais de máquinas pesadas en gravacións feitas en estaleiros navais, xa que Deixaas é unha metáfora ancorada na industria naval de Ferrol, unha conceptualización de realidades que visibiliza o tecido social e cultural nun mapeo sonoro subxectivo. Dende as minúsculas faíscas que saen dunha rebarbadora ata unha crítica á construcción social dos xéneros. Para este traballo tan especial presentase no escenario nun formato diferente como DEIXAAS-banda xunto a Ana Fernández e Mónica de Nut. O disco sairá o vindeiro 27 de abril e xa están disponibles os dous adiantos coas cancións Plataforma e o video da que dá nome ao disco Deixaas. O Auditorio de Ferrol acollerá a presentación do espectáculo o vindeiro 13 de maio.

A instantánea da música de 2018

Xénero: Miscelánea | 23 / 4 / 2018

imaxe non dispoñible

A quinta xeira dos Premios Martín Códax da Música volve presentar unha instantánea da situación creativa da música galega. Con novos axustes de categorías, os galardóns manteñen as súas cifras de participación e semellan consolidarse como un medio de promoción para novos proxectos. Un crecemento destacado do Hip-Hop e o maior peso dos xéneros de raíz aparecen como as novidades máis destacadas nas candidaturas deste ano.

Mega Purple Sex Toy Kit volve a primeira liña con disco longo

Xénero: Rock | 19 / 4 / 2018

megapurpleSTK_good_vibrations.jpg

Mega Purple Sex Toy Kit é unha banda que precisa presentación a pesares dos seus anos de traxectoria e máis se temos en conta que o disco que este ano presentan Good Vibrators (Roctopus Tea Party records, 2018) é o seu primeiro longa duración cando pasaron máis de catorce anos desde a súa formación. Á hora de denominar a Mega Purple Sex Toy kit as definicións basculan entre "grupo maldito" e "superbanda" o cal xa nos dá unha referencia de que estamos ante un proxecto moi especial desde o minuto un. Pero é que ademais é unha das bandas imprescindibles no que a psicodelia se refire no panorama musical galego.

Os V Premios Martín Códax xa teñen finalistas

Xénero: Miscelánea | 19 / 4 / 2018

imaxe non dispoñible

A sede das adegas Martín Códax en Cambados acolleu onte a festa de presentación dos nomeados aos V Premios da Música de Galicia. O encontro deu a coñecer os proxectos que recibiron máis votos dos membros da Asociación Músicos ao Vivo e entre os que un xurado profesional seleccionará agora os gañadores. Na listaxe que se deu a coñecer conviven proxectos recoñecidos con novas propostas.

<< Inicio / Anterior . 1111 a 1120 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR