Ir ao contido directamente.


Noticias

A Coral De Ruada recibirá o Premio Trasalba

Xénero: Coral | 5 / 4 / 2018

imaxe non dispoñible

A Fundación Otero Pedrayo daba a coñecer onte o fallo do Premio Otero Pedrayo. Nesta xeira, e por segunda vez na historia do galardón, un colectivo, a ourensá Coral de Ruada, foi a recoñecida con esta homenaxe. Segundo explicou o presidente da Fundación, Xoán Luis Saco, a entidade supón un "exemplo do esforzo eficaz, xeneroso e desinteresado, mantido ao longo dun século, por centos de homes e mulleres que integraron a mesma, sempre impulsando a música, o canto, o baile desde unha óptica de transversalidade e compromiso, en circunstancias históricas tan diversas como as que van desde 1918 a 2018".

O Castelo Rock de Muros presenta o cartel da súa XVª edición

Xénero: Miscelánea | 4 / 4 / 2018

imaxe non dispoñible

Sen anuncios previos e nunhas poucas horas o festival Castelo Rock de Muros desvelou todos os nomes que completan o seu cartel para este ano. A XVª edición de este evento reunirá entre os días 3 e 4 de agosto doce diferentes propostas musicais cos eixos comúns do punk rock e da actitude combativa. A banda Riot Propaganda encabeza o cartel xunto a Non Servium, Lendakaris Muertos e Terbutalina. Na proposta deste festival organizado pola asociación cultura sen ánimo de lucro Praia do Castelo tamén están os Festicultores, Liviao de Marrao, El ültimo ke Zierre e outras bandas. O festival ofrece acampada de balde e xa ten á venda abonos anticipados por 19,90 euros (máis gastos).

O punchi must go on con A compañía do ruído

Xénero: Fusión | 3 / 4 / 2018

punchi_must_go_on_companhia_ruido.jpg

A Compañía do Ruído apostou por un curioso xeito de conmemorar os seus quince anos en activo. O grupo desenvolveu ao longo de 2017 o proxecto audiovisual 12 meses, 12 punchis no que foron presentando outros tantos vídeos musicales con novos temas. Agora, compilan todo este material no que é o seu sétimo traballo discográfico, O Punchi Must Go On, autoeditado. A temática social e o ritmo festivo continúa nesta nova entrega da súa carreira, un proxecto no que contaron con colaboracións como as de García Mc, Pulpiño Viascón, Trópico de Grelos, Emilio, Rubén, Lucas, Nico e Candi e Ismael da Fanfarria Taquikardia, e as Escolas de música de Bergara, Aramaio, e Erandio da man de Aritz Alustiza (Nomadak). A banda está agora en plena xira de presentación do álbum.

Trotaventos presenta o libro-disco 'A fiestra dos soños'

Xénero: Infantil | 28 / 3 / 2018

trotaventos_fiestra_sonos.jpg

A fiestra dos soños é o título do novo libro-disco publicado por Galaxia na súa colección Sonárbore. O álbum ilustrado ofrece as letras de 13 temas que son cancións e son soños tamén. O traballo a cargo da compañía Trotaventos conta coas ilustracións e textos de Manuel Boquete para presentar os diferentes “soños” musicados por Ramón Feáns. Diferentes ritmos salpican o disco, desde sons balcánicos a bossa nova, polka, fado, etc. Para este temas ou “fiestras de soños” que chaman á imaxinación, recúrrese ás descricions de animais e cousas propias do campo como O Moucho, Espantallo, A vaca pinta ou Vacaloura, con sitio tamén para unha Nana e outros temas. Na parte musical a voz de Nadia Fonseca é a maís presente nos temas ainmda que tamén conta coa colboración de Eladio Santos nun dos temas e Ramón Vermejo. O disco foi gravado e mesturado por Ramón campos nos estudios Cormorán e pódese escoitar xa en plataformas dixitais.

O festival urbano Super Bock Under Fest comeza hoxe a primeira edición

Xénero: Miscelánea | 23 / 3 / 2018

imaxe non dispoñible

A semana trouxo varias novidades e confirmacións de datas e nomes para os eventos musicais que están a mover masas de afeccionados cada ano. Entre as novas citas musicais deste ano temos unha que comeza hoxe mesmo, o festival urbano Super Bock Under Fest 2018. Celebra este venres e sábado a súa primeira edición. Dez espazos diferentes da cidade de Vigo acollerán os concertos de máis de 20 bandas. O peculiar artista británico Benjamin Clementine, Premio Mercury no 2015, é o cabeza de cartel e actuará o sábado 24 de marzo no Auditorio Mar de Vigo. Entre o extenso cartel están tamén os nomes, entre outros de Myles Sanko, Mounqup, Basanta, Capsula, Fuckaine, Australian Blonde, Presumido ou Sen Senra. Tamén hoxe mesmo coñecimos a incorporación ao Atlantic Festival da Illa de Arousa dos Kaiser Chiefs e La Casa Azul que se unene así aos anteriormente confirmados The Vaccines.

Primeiro disco de Pablo Sax Trío, 'Amorgana'

Xénero: Jazz/Blues | 20 / 3 / 2018

amorgana_pablosax.jpg

Pablo Sax Trío ven de sacar o seu primeiro disco, Amorgana (Autoedición), que inclúe once pezas musicais e unha paisaxe sonora froito do labor compositivo do líder desta formación, o saxofonista e compositor, Pablo “Sax” F. Sinde, nacido en Holanda e residente en Galicia que neste proxecto está acompañado por Pablo Pérez Sanmamed (contrabaixo, oud, arranxos) e Sergio González (batería). Pezas en formato solo, dúo, trío e cuarteto cunha visión moi persoal e estética do jazz contemporáneo. Pablo Sax fuxe das formas canónicas predominantes, sen perder a esencia deste tipo de música, e dando un peso fundamental á improvisación, dende unha perspectiva periférica e libre. Amorgana foi gravado no Laboratorio Soyuz (Trazo) por Hevi, a principios de setembro do 2017 coa colaboración de David Lojo (trompeta e fliscornio). Nesta obra Pablo Sax fai homenaxes a músicos (Anthony Braxton, Steve Lacy, David Bowie), escritores (Juan Goytisolo, Julio Cortázar), amigos (Morgana, Cecilia e Lokis ) e unha peza dedicada ao lugar onde mora (Noia).

Loro Facu e Free Riders, dupla ración de festivais en Miño

Xénero: Rock | 20 / 3 / 2018

imaxe non dispoñible

Este verán Miño será sen dúbida o concello festivaleiro por excelencia. Co mesmo emprazamento, nunha área triangular xunto á Praia Grande de Miño, a localidade coruñesa terá dous festivais, un a finais de xullo e outro en agosto. Seguindo unha dinámica de crecemento, o Festival Loro Facu anunciou un cartel para tres días seguidos, do 27 ao 29 de xullo, para o cal ademais pasa de celebrarse no porto a facerse xunta a praia nunha zona máis grande, cunha área de acampada integrada e cun programa de actividades moito máis amplo. O sitio é o mesmo no que xa o pasado ano o festival Free Riders, de motos e música, fixo a súa primeira edición e este ano repite entre o 23 e 26 de agosto. O cartel do Loro Facu preséntase xa completo con 19 actuacións entre os seus dous escenarios. O FIV de Vilalba tamén ven de pechar cartel o 17º Ribeira Sacra fixo novas confirmacións.

A Deputación de Pontevedra presenta un programa de apoio á música profesional en galego

Xénero: Miscelánea | 16 / 3 / 2018

imaxe non dispoñible

A área de Cultura e Lingua da Deputación Provincial de Pontevedra pon en marcha o programa Musigal, destinado especificamente a grupos musicais profesionais da provincia, e que conta cunha dotación orzamentaria de medio millón de euros. Segundo as bases da convocatoria, poderán inscribirse no Musigal unicamente artistas e grupos musicais profesionais con domicilio social en Pontevedra, que aborden de xeito específico contidos sociolingüísticos e de dinamización da lingua galega e que nos seus concertos fagan música en galego ou, no caso de ser instrumentais, que as súas pezas sexan de autoría galega. O Musigal inscríbese no marco das accións do Ano da Lingua e segundo explicou o deputado nacionalista responsable da área, Xosé Leal, no espírito do programa Musigal tamén está presente "o apoio que as administracións deben ofrecerlle ao sector profesional da música".

'Uxía-o' gaña o Premio da Música Independente

Xénero: Fusión | 15 / 3 / 2018

imaxe non dispoñible

O disco-libro Uxía-O, no que a cantante Uxía en colaboración co músico Sergio Tannus pon música e canto aos versos do poeta Uxío Novoneyra, alzouse onte á noite co Premio MIN ao mellor disco en galego da industria independente no ano 2017. A obra, editada por Damadriña Producións baixo o selo da propia Fundación Uxío Novoneyra, competía nesta categoría con Fainos saír, de Atrás Tigre; Xardín interior, de Esposa; Livres e loucas, de Habelas hainas e Quixera ser dos paxaros,de Os d´abaixo. O audiolibro competía ademais na categoría de deseño gráfico, que non conseguiu gañar. As catro candidaturas finalistas de Xoel López nesta Xª edición dos Premios MIN da Música Independiente ao final non se viron recompensadas con ningún galardón. En Uxía-O ademais de poemas musicados, tamén se presentan diferentes textos unidos nunha mesma canción, como é o caso de O aire ou A miña sombra correndo, transformados en alalá. O álbum recupera tamén a composición Cain as follas, de Emilio Cao, ou Alalás encadeados, poema inédito que xa se puidera escoitar no disco Meu Canto de Uxía. O disco conta co acordeón de Santi Cribeiro, as percusións de Isaac Palacín e con José Manuel Díaz ao contrabaixo, ademais de colaboracións de Ana Isabel Días na arpa clásica, Quim Farinha no violín ou Fred Martins.

aCentral Folque recupera o legado de Maruxa das Cortellas

Xénero: Folk | 14 / 3 / 2018

Capa_Maruxa_Cortellas_central_folque.jpg

"Foi a única muller da súa xeración que tivo interese en apender a tocar o pandeiro ao xeito das antigas da aldea. De non ser por ela, esta tradición non tería chegado ata nós". Así introduce aCentral Folque o seu último lanzamento Maruxa das Cortellas. Tocadora do pandeiro…. Xulia Feixóo foi a responsable do texto deste libro-CD que repasa en 130 páxinas a figura, a técnica e o repertorio desta música tradicional que se fixo coñecida pola súa presenza no programa Luar a finais dos anos 90 e mais pola súa participación en diferentes seráns urbanos. O álbum recolle un total de 30 pezas que amosan a súa capacidade e versatilidade con este instrumento de percusión na que é a primeira publicación sobre o adufe que se publica en galego. Xotas, ribeiranas, valses, pasodobres, chiqui-chiquis e rumba fan parte dos temas recollidos neste proxecto, que se presentou ao público o pasado 11 de marzo no Castelo de Soutomaior.

<< Inicio / Anterior . 1131 a 1140 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR