A Coral De Ruada recibirá o Premio Trasalba
abril 5, 2018
A Fundación Otero Pedrayo daba a coñecer onte o fallo do Premio Otero Pedrayo. Nesta xeira, e por segunda vez na historia do galardón, un colectivo, a ourensá Coral de Ruada, foi a recoñecida con esta homenaxe. Segundo explicou o presidente da Fundación, Xoán Luis Saco, a entidade supón un "exemplo do esforzo eficaz, xeneroso e desinteresado, mantido ao longo dun século, por centos de homes e mulleres que integraron a mesma, sempre impulsando a música, o canto, o baile desde unha óptica de transversalidade e compromiso, en circunstancias históricas tan diversas como as que van desde 1918 a 2018".
No fallo, os responsables da fundación destacan que a coral "contribuíu decisivamente á creación dunha identidade musical culta de raíz fondamente popular, e proxectou un sentimento de orgullo polo propio e unha positiva identificación colectiva, nas súas actuacións por Galicia adiante como nas terras da emigración, nas innúmeras representacións e tamén na súa ampla discografía con gravacións continuadas desde os anos vinte do século pasado". O premio entregarase o vindeiro mes de xuño.