Ir ao contido directamente.


Noticias

No bico un cantar levará a Betanzos os poetas populares

Xénero: Clásica/Lírica | 9 / 3 / 2018

imaxe non dispoñible

O Consello da Cultura Galega acollía esta mañá a presentación da sexta xeira de No bico un cantar. O concerto que anualmente organiza a entidade en colaboración coa Consellaría de Cultura desenvolverase o vindeiro 1 de xuño na Igrexa de San Francisco de Betanzos e reunirá como é habitual cincocentos estudantes, crianzas e adolescentes, de conservatorios de todo o país. A actividade, que pretende divulgar a literatura galega a partir da música, promoverá nesta volta o labor dos poetas poopulares cun repertorio conformado integramente por alalás aos que se suma a xa tradicional interpretación de Maio longo.

Xoel López é finalista do Premio IMPALA ao Álbum europeo do Ano

Xénero: Indie | 8 / 3 / 2018

imaxe non dispoñible

Apenas uns días despois de coñecer que Xoel López era o artista galego con máis candidaturas (4) aos Premios MIN da industria independente española, vimos de saber que os seus equivalentes europeos, os premios que concede a asociación europea de compañías musicais independentes IMPALA, tamén recoñecen a excelencia de Sueños y pan (2017, Esmerarte / Altafonte). O disco de López é o único en representación da industria española da produción de 2017. Vinte e dous finalistas de 19 países optan ao Premio ao Álbum Europeo do ano 2017, nunha lista na que o disco de Xoel terá que competir con artistas como os británicos The XX, a neocelandesa Aldous Harding ou o sueco Loney Dear. O gañador decidirase con votacións dos membros de IMPALA e será anunciado a finais de marzo pola asociación con sede en Bruselas.

Luz Casal refresca o seu rock en 'Que corra el aire'

Xénero: Rock | 6 / 3 / 2018

luz_quecorraelaire.jpg

Luz Casal publica un novo disco Que corra el aire(Warner Music) xa á venda e no que refresca o seu son respecto aos anteriores discos. A artista de Boimorto tirou da escena musical independente para rodearse de músicos e escolleu ao coñecido produtor Ricky Falkner que está detrás de moita da música máis coñecida do indie español (Iván Ferreiro, Love of Lesbian, Sidonie e Quique González entre outros) para darlle forma sonora a este traballo. O vigués Eladio Santos, de Eladio y los Seres Queridos, asina xunto a Casal La única verdad, un dos once temas do disco. Luz dedica outro dos temas do disco ao seu pai, que aínda cantado en castelán ten o título en galego: Meu pai. Segundo Luz Casal, o título do álbum e da canción que que se abre, Que corra el aire, remite a unha "sensación pracenteira" que ten ao volver a casa e que "entronca co que algúns consideran o meu pasado e que para min é o presente", di a artista nunha clara referencia á relación da súa traxectoria cun son máis achegado ao rock que neste traballo pode recoñecerse claramente. A xira de presentación do disco dará comezo este mesmo mes e o día 17 estará actuando no Auditorio Mar de Vigo e o 24 deste mes no Pazo da Ópera da Coruña.

Cuarta Xusta debuta con Un novo espertar

Xénero: Rock | 5 / 3 / 2018

un_novo_espertar_cuarta_xusta.jpg

Con orixe melidá e composición maioritariamente feminina, Cuarta Xusta presenta na casa o seu primeiro disco. O Pub Gatos acolle este 10 de marzo ás 23:59 horas o primeiro concerto da xira de Un novo espertar. O álbum achega oito temas propios de rock aderezado con violín e toques de ska coa intención de "berrar con música as inxustizas que nos rodean" da man de Aida López (cantante), Marta Sánchez (guitarra e violín), Lúa Aguete (batería), Alberto García (guitarra) e Alba Vilariño (baixo). Canda a eles, unha chea de colaboracións coma as de Vituco Neira e Miguel Duarte de Ruxe-Ruxe, Bocixa de Zënzar, Jasper de Nao ou Javi Maneiro de Herdeiros da Crus, algúns dos cales estarán presentes no concerto de inauguración.

Carlos Núñez abrirá o XIº Festival de Música Pórtico do Paraíso

Xénero: Antiga | 28 / 2 / 2018

imaxe non dispoñible

O gaiteiro Carlos Núñez inaugurará este venres día 2 o Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso. Nesta undécima edición, o evento conmemorará o oitavo centenario do conxunto escultórico da catedral ourensá do que toma o seu nome. O templo será o escenario do concerto de apertura a cargo de Carlos Núñez que xunto ao seu grupo e a outros músicos convidados, interpretará un repertorio medieval coas réplicas dos instrumentos do Pórtico do Paraíso que foron realizadas no Obradoiro-Escola de Instrumentos da Deputación Provincial de Ourense, dirixido por Manuel Brañas. O programa deste ano ofrecerá outros seis concertos de formacións orixinarias doutros tantos países.

Sae o primeiro disco da banda valguesa Músculo!

Xénero: Electrónica | 26 / 2 / 2018

musculo_cd.jpg

A banda de música indie electrónica Músculo! lanzan hoxe o seu primeiro disco longo, con título homónimo e de autoprodución.O novo traballo está conformado por seis cortes, gravado en Montreal Estudios de Subiza, Navarra, con produción de Hans Krugër. Os novos temas deixan ver unha fonda evolución do grupo cara a electrónica máis actual e ritmos progresivos bailables tras os EP presentados en anos anteriores Selección natural (2013) e Vivac (2014). O grupo naceu en xaneiro de 2012 en Valga (Pontevedra) coa intención de mesturar instrumentos analóxicos con elementos electrónicos buscando novas texturas e estilos y xa en marzo dese mesmo ano logran ser semifinalistas no certame Proyecto Demo do FIB e Radio 3. Músculo! Xa pasaron por algúns dos festivais máis importantes do Estado como o BBK Live, o BIME (Bilbao), Monkey Week (Puerto de Santa María), Low Festival (Benidorm), Atlantic Fest (Illa de Arousa), Lets Festival (Barcelona), Festival do Norte (Vilagarcía de Arousa), Sereas e Piratas (Carballo, A Coruña), Kutxa Kultur (Donosti) ou Wos Festival (Santiago de Compostela), entre outros. A banda está formada por Álvaro Blanco, Raúl Santiago, Javier Buela e Nicolás Nieto. O álbum pódese escoitar en Spotify e xa pode reservarse contactando coa banda a través das súas redes sociais ou no seu correo, musculomusica@gmail.com.

Dous e Uxía aparecen como favoritos nos XVII Premios Opinión

Xénero: Folk | 23 / 2 / 2018

imaxe non dispoñible

O xornal La Opinión publica hoxe os traballos que aspiran aos XVII Premios Opinión de Música de Raíz. Nesta xeira, destacan de xeito especial as candidaturas de Uxía e de Dous, presentes en todas as categorías dos galardóns. Así, as dúas propostas compiten polo galardón ao mellor disco, a primeira con Uxía-o e os segundos con A vaixe de Yoyo, nunha categoría na que tamén están presentes Samarúas con Prólogo e Pancho Álvarez co seu Celtis Australis.

aCentral Folque publica unha escolma das recollidas musicais de Gustav Henningsen

Xénero: Folk | 21 / 2 / 2018

gravacions6868_Henningsen.jpg

Gustav Henningsen. Gravacións musicais en Galiza 1964-1968 é último título da colección "A chave mestra" que publica aCentral Folque. O novo libro CD recolle unha escolma de 38 cortes das gravacións de carácter musical que este antropólogo dinamarqués realizou durante o seu traballo de campo no noso país, maiormente na comarca de Ordes. Os etnomusicólogos Xavier Groba e Sergio de la Ossa foron os responsables de escolmar o material dun estenso arquivo fonográfico que ata hoxe estaba inédito. Ademais do CD, a publicación inclúe un ensaio divulgativo, a transcrición das melodías e unha escolma de fotografías inéditas realizadas por Henningsen.

Juan Durán faise co Premio Reina Sofía de Composición Musical

Xénero: Clásica/Lírica | 19 / 2 / 2018

imaxe non dispoñible

O Premio Reina Sofía de Composición Musical 2018 que convoca a Fundación Ferrer-Salat, ten nome galego. O xurado deste prestixioso galardón seleccionou a obra Whispers in the Dark, do vigués Juan Durán, como traballo gañador da última xeira. Este premio, "destinado a estimular a creación musical para orquesta sinfónica nas súas diferentes modalidades e facilitar aos compositores a posibilidade de que a súa música poida ser interpretada, escoitada e difundida" está dotado con 35.000 euros en metálico. Ademais, a Orquestra Sinfónica de Radiotelevisión Española estreará o vindeiro mes de outubro a peza premiada no Teatro Monumental de Madrid. O xurado do premio estivo formado por Martín Matalón, David del Puerto, Antonio Lauzurika, Jesús Rueda e Michael Thomas.

Quinito Mourelle presenta hoxe en concerto o disco 'Suite de las ocho'

Xénero: Jazz/Blues | 14 / 2 / 2018

not_28366.jpg

O Teatro Colón da Coruña acolle hoxe ás 20:30 horas a estrea absoluta de Suite de las ocho, novo traballo de pezas propias do compositor, pianista e xornalista Quinito Mourelle, arranxadas para orquestra de cámara por Roberto Somoza. Este é os segundo disco de Quinito Mourelle. Os oito temas orixinais que se reúnen neste traballo percorren transversalmente a música jazz e a clásica xuntando a sonoridade e a narrativa da música clásica cos valores da improvisación jazzística. A Orquestra de Cámara Galega. Dirixida por Roberto Groba acompaña ao piano de Mourelle e o clarinete de Somoza na posta en escena da suite. O disco gravouse no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela con produción de Pablo Barreiro.

<< Inicio / Anterior . 1141 a 1150 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR