Noticias
O compás de Xabier Díaz & Adufeiras do Salitre sinala o futuro do norte
Xénero:
| 6 / 2 / 2018O novo álbum de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre leva por nome Noró (algunhas músicas do Norte) (Músicas de Salitre, 2018) e chega hoxe a todas as tendas e plataformas marcando coa súa saída unha das datas relevantes do ano no que á musica galega se refire. Noró ofrécenos 13 temas de carácter tradicional pero de composición propia que sitúan o combo formado por Díaz e as Adufeiras de novo na punta da contemporaneidade con raíz.
A banda Oh Ayatollah presenta o seu primeiro disco longo
Xénero:
| 2 / 2 / 2018A Sala Capitol de Santiago acolle hoxe o concerto de presentación do primeiro disco longo da banda Oh! Ayatollah. O grupo compostelán presentarán Volve a canción protesta (Autoeditado) que sae en edición dixital e vinilo e para a ocasión estarán acompañados por outras bandas amigas (Familia Caamagno, Atrás tigre, Ataque Escampe e The Homens). Nove temas propios en galego enchen o disco Volve a canción protesta ofrecendo unha liña musical emparentada co pop-punk dos primeiros tempos máis contestatarios da movida dos oitenta, cunha actitude claramente sarcástica e irreverente. Mentres pezas como Animal poden levarnos a unha escoita "mod" moi británica hai outros como Case todo é o que parece conéctanos directamente cos ecos daqueles Aerolíneas Federales. Na lista de cancións tamén hai lugar para propostas máis guitarreiras como en Ei Ei. A frescura, variedade e coherencia da lista son promesa de bos directos. O álbum foi gravado e mesturado por Hevi no Laboratorio Soyuz en xullo do 2017 e masterizado por Cem Oral en Jammin' Masters (Berlín). O tema de lanzamento, que da nome ao disco, xa foi lanzado previamente en decembro cun videoclip. O concerto comeza ás 21:15 na Sala Capitol.
Ith presentan o seu segundo disco 'O mínimo que o contén todo'
Xénero:
| 1 / 2 / 2018Tres anos despois do seu primeiro álbum Forte (2015), a banda de rock de Mesía, Ith, ven de sacar un novo traballo que xa está á venda na Fnac e no Corte Inglés, e tamén pode conseguirse contactando directamente con Ith. Co título O mínimo que o contén todo, os Ith ofrecen seis temas de composición propia, así como un poema musicado do poeta samanense Fiz Vergara Vilariño nun disco gravado, producido e mesturado en Abrigueiro Estudios (Friol - Lugo) por Arturo Vaquero. En O mínimo que o contén todo a banda -Lucía, Miguel, Toxo, Gonzalo e Folgueira- segue a manter o espírito de facer rock galego e en galego, aínda que con novas ideas e sons que a banda quixo deixar plasmados nel. A temática das cancións vai dende a reivindicación social ata o máis puro sentimento e emoción. A primeira data coñecida da xira de presentación deste novo disco será o 17 Marzo, no Pub Óxido de Lalín, e a banda xa ten máis citas para os seguintes meses en outros locais.
Variacións sobre Martín Códax inicia as propostas musicais sobre o Pergamiño Vindel
Xénero:
| 31 / 1 / 2018Unha reinterpretación das cantigas de Martín Códax a empregar vídeo, son e danza. Esta é a proposta que achegará o trío Ulobit ao Museo do Mar de Galicia este 2 de febreiro. O grupo contará con Ánxela Blanco, a cantante Alba María, a percusionista Lucía Martínez e o clarinetista Fernando Abreu como convidados e iniciará con este proxecto o ciclo Homenaxe ás trobadoras e trobadores do século XXI, co que fechará a exposición sobre o Pergamiño Vindel deste centro. A grande aposta do programa é o concerto O primeiro elepé vigués, que se celebrará o 3 de marzo no Teatro Afundación. Pablo Novoa, Nicolás Pastoriza, Amaro Ferreiro, Rosa Cedrón, Susana Seivane, Wöyza, Iván Ferreiro, Patricia Moon, Eladio Santos, Víctor Coyote e Lucía Fernández participan no espectáculo que presentará Lydia Botana.
Outro que tal baila é o terceiro álbum de Tiruleque
Xénero:
| 30 / 1 / 2018O vindeiro 17 de febreiro chega ás tendas e preséntase ao vivo na Sala Capitol de Compostela Outro que tal baila, terceiro álbum de Tiruleque. Cinco anos depois de Mu!, o grupo lanza dez temas novos nos que continúa a explorar as posibilidades da música de raíz para a festa e o baile. O álbum autoeditado recolle tres temas propios, "nos que se xoga cos límites dos xéneros", segundo explica a presentación do proxecto, canda a "seis versións de temas tradicionais recollidos por investigadores como Pablo Carpintero ou o americano Alan Lomax. Os temas propios son Ribazo de Razo, definida como unha muiñeira contemporánea de corte tradicional; Mazo té, mazo, xota para dúas gaitas e resto de instrumentos, ou Rumbanera, composición a medio camiño entre a rumba e a habanera. Nas versións, destacan temas tradicionais como a Muiñeira dos dous golpes, o Romance dos paragüeiros ou Asubíame de lonxe.
O Esmorga Fest e o Melona avanzan os seus carteis
Xénero:
| 29 / 1 / 2018Van saíndo novidades sobres os festivais sonoros máis temperáns do ano. Para alén do Festival A Candeloria de Lugo, con cartel fechado e só 500 prazas para acampada interior por vender a pasada semana, as seguintes citas na axenda adiantan os seus carteis. Deste xeito, o Esmorga Fest de Sarria suma a Nudozurdo e Disco Las Palmeras! e fecha un elenco no que conta tamén con WAS (We Are Standard),La Plata, Jardín de la Croix, Mujeres, Cala Vento, Rayotaser, BULTO, Amparito, FAVX, Presumido, KADETTGSI, Pálida, The Handicaps ou Don Gonzalo. Será entre o 2 e o 3 de marzo, e hai aínda entradas dispoñibles.
Cristian Silva presenta Manual ególatra básico
Xénero:
| 29 / 1 / 2018A editorial Ton e Son está a presentar o terceiro volume da súa colección 20 pezas para gaita galega. Depois dos libros-CD de Carlos Estévez e de Xurxo Jachía, Cristián Silva continúa a serie con Manual ególatra básico. O volume recolle as transcricións dunha vintena de pezas para dúo, trío de gaitas e solista, moitas delsta a incluír tamén cifrados para facilitar o acompañamento con outros instrumentos. A nivel sonoro, o CD recolle cinco dos temas do volume interpretados polo propio Silva. O álbum gravouse nos Estudos atárxicos e ChisPún! Estudio.
Eduardo Estévez integra música, poesía e banda deseñada en De baleas
Xénero:
| 29 / 1 / 2018De baleas, o último poemario de Eduardo Estévez, transcende a literatura e preséntase como un produto transmedia no que colaboran diferentes creadores. O volume, editado por Caldeirón, integra canda aos textos do poeta unha banda deseñada de Tokio sobre dous poemas da obra. Ademais, un CD mestura cantos de baleas con once temas creados por músicos como Macarena Montesinos, o dúo Tiberevi, Benxamín Otero, Estevo Creus, Daniel Quaranta, Ariel Ninas, Pablo Seoane e Gabriela Acosta, Mónica de Nut, Mig Seoane, Madamme Cell e Belén Bermejo, acompañada por Andrés Díaz. O autor atópase en plena xira de presentación deste traballo, e visitará Lugo este día 31. Ferrol, Sarria, Outes e Padrón son outras das paradas previstas neste itinerario.
Nani García fai parte dunha candidatura aos Óscar
Xénero:
| 24 / 1 / 2018O filme chileno Una mujer fantástica que acaba de obter a candidatura a mellor fita en lingua estranxeira dos Óscar de Hollywood, conta con presenza galega entre os seus creadores. O músico Nani García asina varias pezas da banda sonora desta produción, na que Matthew Herbert levou o peso principal. García elaborou as súas composicións de xeito libre e sen interactuar coa música de Herbert, segundo explica hoxe en La Voz de Galicia. O músico coruñés actuará o vindeiro 3 de febreiro na coruñesa Sala Garufa nun concerto co seu trío acompañado polo Quinteto Cimarrón para presentar o seu último disco, Cinematojazzía.
Samarúas bota a andar con Prólogo
Xénero:
| 22 / 1 / 2018Tardaron case seis anos, e moitos concertos, en entrar no estudio de gravación. Samarúas acaba de presentar este mes de xaneiro Prólogo, o seu primeiro álbum autoeditado. Sete temas compoñen este lanzamento que aposta polo instrumental, con só tres temas cantados que adaptan poemas de Celso Emilio Ferreiro, Xosé Iglesias e unha letra propia. A formación achega un son complexo que combina "temas propios cos tradicionais nun folk fresco con personalidade propia" mercé ao traballo dos seus sete membros. Miguel Vázquez (Gaita e saxo), Antonio Prado (Percusión), Tania Caamaño (Voz e percusión), Fran Barcia (Acordeón), María Blanco (Violín), Carlos Barcia (Guitarra) e Isaac Pérez (Batería). O álbum ten como capa unha obra de Manfred Gnädinger Man.