Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Miro Casabella percorre Galicia afondando no coñecemento da zanfona
Xénero:
| 18 / 11 / 2022O Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 da Xunta de Galicia ofrece en aberto na rede o documental de 60 minutos "Arredor da roda. De Cántigas da Terra a Miro Casabella", producido pola AC Cantigas da Terra e dirixido por Federico A. Rioboo. A Aula de zanfonas de Cántigas da Terra liderada por Miro Casabella (1946), inicia neste documental unha investigación sobre este máxico instrumento e a súa relación co Camiño de Santiago. Acompañado por dous alumnos avantaxados, Manuel Rioboo e Erea Estévez, Miro viaxa por toda Galicia na procura do organistrum, devanceiro da zanfona e presencia de honor no Pórtico da Gloria. Inclúe unha visita ao obradoiro do Xaneco, músico e mestre luthier que está a rematar unha zanfona encargada por Miro; ao Pórtico da Gloria, onde se ven os instrumentos esculpidos polos artesáns do Mestre Mateo e a interpretación de diversas pezas. Mesturando amizades con paisaxes, música de cego con clases maxistrais, os protagonistas completan un mosaico sobre a importancia deste instrumento, considerado por algúns intelectuais como a alma de Galicia.
Nova edición do encontro 'Tradición en Feminino'
Xénero:
| 15 / 11 / 2022Dar visibilidade e recoñecemento ao papel da muller no eido da música e o baile tradicional é o obxectivo do encontro " Tradición En Feminino que este ano chega a súa cuarta edición. A Asociación de Gaiteir@s Galeg@s (AGG) en colaboración coa Deputación da Coruña. organiza este evento que o vindeiro domingo 20 de novembro terá lugar na Casa de Rosalía en Padrón. O programa ofrece relatorios e debates que incidirán en aspectos como os estereotipos de xénero na música e o baile tradicional e as vías da súa erradicación. Ademais tamén se presentarán publicacións e proxectos. O encontro poderá seguirse tamén en liña a través do perfil de Facebook da AGG.
Morre Eduardo Coma ex-violinista de Luar na Lubre
Xénero:
| 10 / 11 / 2022O violinista Eduardo Coma Vega (Camagüey, Cuba, 1967) faleceu este mércores na Coruña polas complicacións derivadas dunha parada cardiorrespiratoria. O músico, que tendía pontes entre a música da súa Cuba de orixe e a música de Galicia, onde residía desde 1996, formou parte da formación folk Luar na Lubre desde 1998 e durante case 20 anos. Con eles gravou 6 discos e obtivo 6 Premios da Música. Actualmente era profesor do Conservatorio Profesional de Música de Carballo. Tanto o Concello de Carballo como Luar na Lubre tiveron palabras de pesar polo falecemento do músico. Desde o consistorio carballés decidiron dedicar a Coma a programación do Novembro Musical que están a desenvolver. Mentres, a través das redes sociais, o grupo folk declarou a súa "fonda tristura" polo pasamento, un desenlace que eles crían evitable pero non puido ser. " Sempre tivemos a esperanza de que saíras desta e te recuperaras axiña. Non puido ser e quedamos desolados coa triste nova de hoxe", dio desde Luar na Lubree engaden :"Compartimos moitas vivencias, concertos e momentos maravillosos que quedarán gravados na nosa memoria.¡Qué inxusto e doloroso!".
A música tradicional chora o pasamento de Antón Cabaleiro
Xénero:
| 31 / 10 / 2022A música tradicional galega magóase estes días pola perda de Antón Cabaleiro Millares, actualmente membro da emblemática formación Treixadura. Cabaleiro, natural de Vigo, falecía o pasado sábado aos 71 anos de idade e desde as redes sociais de Treixadura despedían con fondo sentimento ao seu barítono: "Seguimos o noso camiño longo e ti seguirás nel por sempre, coa túa pandeireta, co teu canto amable, coa túa tenrura e gratitude e sorrindo para todos nós." Ademais de en Treixadura, Antón cabaleiro expresou o seu amor pola cultura tradicional galega tamén como profesor de danza e percusión tradicionais, foi un dos membros fundadores do grupo A Roda a finais dos anos 70 e estivo noutras formación similares como Petapouco e Castaña antes de entrar na que sería a súa "familia musical" dos pasados anos, o grupo Treixadura. A formación, que está a celebrar o seu trinta aniversario, ten na súa axenda unha próxima actuación na Coruña, no marco das Festas do barrio de Monte Alto o vindeiro 12 de novembro. Na súa despedida a Cabaleiro Treixadura avanzan xa a que será a súa homenaxe en forma de música: "Con 'Vento das Cíes' e 'Froles Mareliñas' choramos a túa ausencia e honraremos a túa memoria coa nosa música".
A Coruña acollerá unha nova edición de WOMEX en 2023
Xénero:
| 18 / 10 / 2022A 29ª edición de Womex (World Music Expo), o encontro de música folk e de raíz máis importante do circuíto internacional, terá lugar do 25 ao 29 de outubro de 2023 na cidade da Coruña. Así se anunciou onte no Concello herculino, nun acto no que participou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, para deixar testemuño do apoio económico da Xunta a unha nova celebración do evento na nosa Comunidade. Será a terceira ocasión na que este encontro -que inclúe unha ampla zona feiral e de networking, concertos en formato showcase, conferencias e proxeccións audiovisuais- teña lugar en Galicia, despois de que Santiago de Compostela o acollera en 2014 e 2016.
Unha webserie explora o folclore no Camiño de Inverno
Xénero:
| 11 / 10 / 2022Ao abeiro do Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021-2022 Javier Blanco Carballal acaba de presentar a webserie A paso de muiñeira polo Camiño de Inverno. O proxecto, que se pode ver no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística repasa en oito capítulos a saúde da cultura e do folclore nas diferentes etapas desta ruta xacobea.
As Xornadas arredor da Música Tradicional celebran dez anos
Xénero:
| 27 / 9 / 2022As Xornadas arredor da Música Tradicional, organizadas pola Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) chega á súa décima edición. O encontro anual para afondar nas raíces musicais do país terá lugar nesta ocasión na Casa da Gaita, de Viascón (Pontevedra), durante toda a xornada do vindeiro sábado 1 de outubro. O programa, aberto a calquera persoa interesada, inclúe a posta en común de catro traballos de investigación vencellados á música tradicional e cinco presentacións de novas publicacións.
Fuxan os Ventos recibirán o Premio Martín Códax de honra
Xénero:
| 23 / 9 / 2022A histórica formación musical Fuxan os Ventos celebra o seu 50 aniversario na música neste ano 2022 e os Premios Martín Códax da Música súmanse á conmemoración entregándolle ao grupo o galardón honorífico da súa novena edición. Desde Músicas ao Vivo, entidade organizadora dos premios, consideran que este recoñecemento pon de relevo o significado que a música de Fuxan os Ventos tivo para a sociedade galega cun repertorio que foi camiñando do folk á música popular coa prevalencia dunhas letras "ben propias ou de poetas, que abrangueron temáticas moi amplas, en ocasións reivindicativas con temas como a emigración, a autonomía, a ecoloxía e a pobreza, ou recolledoras dunha tradición oral coa que tivo intenso contacto o grupo". O galardón entregarase na gala dos 9º Premios Martín Códax da Música o vindeiro 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, onde tamén se proxectará un vídeo con entrevista e homenaxe á banda.
O Cancioneiro de Buño recupera 84 cantigas de comezos do século XX
Xénero:
| 10 / 8 / 2022Edicións Embora publica, co apoio do Concello de Malpica e da Real Academia Galega o Cancioneiro de Buño. Este volume recupera 84 coplas de tradición oral, recollidas en 1910 a Dolores Cancela Pérez, daquela de 17 anos. Este material supón a máis antiga recollida de música popular no concello de Malpica e saíron orixinalmente publicadas orixinalmente no Boletín da Academia Galega.
O 'Diluvio' de Tanxugueiras triunfa
Xénero:
| 10 / 8 / 2022Tanxugueiras segue a colleitar fitos para a historia da música galega. Co seu recente terceiro álbum, 'DILUVIO' (Calaverita Records), publicado o pasado venres 29 de xullo, veñen de situarse como o disco máis vendido en tendas físicas na semana do seu lanzamento, quedando por riba de nomes como Beyoncé ou Harry Styles. O dato, facilitado por GFK e Promusicae (Productores de Música de España), dá conta da boa acollida que recibiu, entre o público, o novo traballo das cantareiras, que este mesmo fin de semana recolleron durante a súa actuación no festival SonRías Baixas o disco de ouro polo sinxelo 'Terra', co que competiron no Benidorm Fest e que hoxe en día supera os 30 millóns de reproducións na suma das plataformas. No cómputo global de vendas físicas e dixitais, 'DILUVIO' ocupa a cuarta posición entre un cento de discos, só por atrás dos novos traballos discográficos de Bad Bunny, Rosalía e Beyoncé, e por riba de figuras de tirón internacional como C. Tangana, Sebastian Yatra ou Rauw Alejandro. O disco de ouro por 'Terra' , outorgado tamén pola auditoría GFK e Promusicae ven motivado ao superar máis de 30.000 copias vendidas, o que se traduce, aproximadamente, en máis de 12 millóns e medio de reproducións en plataformas dixitais. 'Terra', publicado o 21 de decembro de 2021, suma xa máis de 30 millóns de reproducións.
novidades discográficas
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
BâNZô
Os do Fondo da Barra
REPORTAXE

Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos