Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Pop
Música Pop
Los Árboles presentan hoxe o seu primeiro LP 'Ensayo y Error'
Xénero:
| 6 / 4 / 2018Desde hoxe mesmo se pode acceder en Spotify aEnsayo y error, o primeiro disco longo da banda Los Árboles, que xa está a distribuír tamén en formato físico entre aqueles mecenas que contribuíron para a súa edición,. Se nas pasadas semana íamos coñecendo en avance dous dos temas que conforman este novo disco , Elemento nuclear e A Marte agora podemos xa escoitar os dez temas que conforman Ensayo y error, un disco gravado no estudio propio no Courel do compositor e cantante Alexandro González. As composicións de González para este traballo encantarán á lexión de seguidores que a banda ten acadado nestes anos na escena galega cos seus directos e a través dos seus dous anteriores traballos curtos, primeiro con Catorce grados (Diérese Producciones, 2012) e posteriormente con coñecido Los días que quedan son nuestros (Diérese Producciones, 2014). Pop-rock fresco e case canónico con protagonismo nunhas guitarras eléctricas poderosas por momentos, letras intimistas e co ton nostálxico que xa é marca da casa nos dez temas deste traballo. Alexandro González (guitarra, piano e voz), Alberto Barreiro (baixo), Marcelo Pedredo (guitarra), Martín González (sintetizador) e Alberto Dopico (batería) conforman o grupo. No mes de maio comezarán xira para presentación en directo deste traballo.
A banda Oh Ayatollah presenta o seu primeiro disco longo
Xénero:
| 2 / 2 / 2018A Sala Capitol de Santiago acolle hoxe o concerto de presentación do primeiro disco longo da banda Oh! Ayatollah. O grupo compostelán presentarán Volve a canción protesta (Autoeditado) que sae en edición dixital e vinilo e para a ocasión estarán acompañados por outras bandas amigas (Familia Caamagno, Atrás tigre, Ataque Escampe e The Homens). Nove temas propios en galego enchen o disco Volve a canción protesta ofrecendo unha liña musical emparentada co pop-punk dos primeiros tempos máis contestatarios da movida dos oitenta, cunha actitude claramente sarcástica e irreverente. Mentres pezas como Animal poden levarnos a unha escoita "mod" moi británica hai outros como Case todo é o que parece conéctanos directamente cos ecos daqueles Aerolíneas Federales. Na lista de cancións tamén hai lugar para propostas máis guitarreiras como en Ei Ei. A frescura, variedade e coherencia da lista son promesa de bos directos. O álbum foi gravado e mesturado por Hevi no Laboratorio Soyuz en xullo do 2017 e masterizado por Cem Oral en Jammin' Masters (Berlín). O tema de lanzamento, que da nome ao disco, xa foi lanzado previamente en decembro cun videoclip. O concerto comeza ás 21:15 na Sala Capitol.
Arantxa Pérez debuta con Hay tanto camino por andar
Xénero:
| 26 / 9 / 2017Hay tanto camino por andar é o título do primeiro traballo en solitario da catoirense Arantxa Pérez. Logo dunha maqueta co mesmo título e de diferentes vídeos e temas publicados na rede, a cantante autoedita un álbum de dez temas no que contou coa produción de Jordi Cristau. O pop con letras románticas predomina no proxecto, cantado integramente en castelán. Madrid acollerá as primeiras presentacións do proxecto, con concertos nas salas Fulanita de Tal o 26 de novembro e en Clamores o 10 de decembro.
Esposa presenta o primeiro disco longo 'Xardín Interior'
Xénero:
| 30 / 3 / 2017A banda compostelá Esposa presenta e saca á venda mañá venres o seu primeiro disco longo, Xardín interior. O álbum sae baixo o selo independente Prenom e presentarase cunha festa ás 19 horas no local de A Reixa Tenda/ Matrioska de Santiago de Compostela (Rúa do Hórreo, 46), onde ofrecerán un concerto en acústico. Xardín interior ofrece doce temas de pop lixeiro e rápido no son e de letras melancólicas e lánguidas case existenciais. Segundo a presentación que deles fai o selo “a alegría da súa música e a naturalidade da súa actitude pode levar a pasar por alto as tensións que laten debaixo e que os fan ser un grupo atípico: as letras en galego retratan a personaxes con identidades en conflito e dúbidas xeracionais, as guitarras e as baterías nerviosas contrastan con dous sintetizadores máis atmosféricos, as voces femininas e as masculinas conflúen ás veces en temas eléctricos e velvetianos e ás veces nunha delicadeza que lembra aos Yo La Tengo máis sutís.” A banda está conformada por Xacobe González (voz e guitarra), María Villamarín (voz e sintetizador), Mar Catarina (sintetizador) e Cibrán Tenreiro (voz e batería). O pasado ano o grupo presentou un EP Señora de pero este é o seu primeiro traballo longo gravado Tras desta presentación actuarán no Melona Fest en Santiago o día 8 de abril.
Ataque Escampe entrega os seus Primeiros bicos
Xénero:
| 15 / 2 / 2017Tres anos despois do seu Disco vermello, os composteláns Ataque Escampe voltan cun álbum gris. Primeiros bicos está xa dispoñible para a escoita en liña e sairá á venda, tanto en formato LP como dixital o vindeiro 27 de febreiro. Segundo adianta o grupo, a capa gris do disco poderase rañar cunha moeda para descubrir os debuxos agochados debaixo, con catro variantes deseñadas por David Silva. Aínda que a marcha de Álex Charlón como cantante se deixa sentir no son, o quintento mantén o seu característico estilo, se caso máis cru e eléctrico, cunha especial pegada de tons funk que se mesturan sen complexos con salsa ou soul para animar unhas letras sempre intensas. O álbum, que ve a luz da man de Discos da Máquina, gravouse no estudio As Gonzalinhas de Lalín. A Sala Capitol da capital galega acollerá o concerto de presentación do novo traballo nun concerto no que o grupo compartirá escenario con Emilio José o vindeirio 24 de febreiro.
Villanueva abre o seu Zoo para dos
Xénero:
| 7 / 2 / 2017Desde o pasado 27 de xaneiro está á venda Zoo para dos, o segundo traballo do vigués Villanueva. Sony Music Spain presenta dez novos temas gravados nos madrileños Reno Estudios. Pop electrónico, melodías coidadas e un importante traballo vocal son as características dun álbum no que predomina un matiz hedonista. Na nómina de colaboradores, nomes como Ramiro Nieto (Zahara) Martí Perarnau (Mucho) Martiño Toro (Iván Ferreiro) Iago Reigosa, Maryan Frutos (Kuve) e Lola García Garrido (Xoel López). O artista volve así ao formato álbum logo dunha exitosa xira de dous anos co que fora o seu primeiro traballo, Viajes de Ida, de 2014. O Costello Club, en Madrid, acollerá o concerto de presentación do álbum.
Chega Está bien, o primeiro LP de Dois
Xénero:
| 16 / 1 / 2017Cunha edición exclusiva de só 50 copias en vinilo con bono para a descarga dixital, Discos de Kirlian e Orphan Records acaban de lanzar Está bien. O trío vigués Dois debuta na longa duración con este traballo, no que achegan doce temas en galego e castelán. As claves pop low-fi e a psicodelia artellan un volume no que Óscar Raña, guitarra e voz, Guillermo Portas ao baixo e José Fran Novoa á batería lle tiran partido a unha formación mínima para crear melodías consistentes e letras alucinadas. O grupo gravou o traballo no estudios Terraforma e fixo a primeira presentación pública en La Iguana Club, de Vigo.
Eladio y Los Seres Queridos homenaxean á musica tradicional en Cantares
Xénero:
| 2 / 12 / 2016Como unha particular homenaxe á música tradicional que escoitaban os seus pais e eles mesmos de cativos, Eladio y Los Seres Queridos presentan un disco novo Cantares (Esmerarte). O álbum confórmano dez temas seleccionados einterpretados desde os sons pop que van desde o Fonte do araño, de Emilio Cao ao Teño saudade de Andrés do Barro pasando por Marín por ti, Flor da murta, unha versión de A Bruxa de Milladorio, dúas versións das cancións de Fuxan os Ventos Cantiga de amigo e Meu amor é mariñeiro, Camariñas, Havemos de ir a Viana e Quen puidera namorala de Luis Emilio Batallán. Deste particular canto a Galicia a banda explica que facer este disco era unha “débeda” que tiñan "coas cancións da nosa infancia, un cariño para os nosos pais pero tamén para os nosos fillos, para que non as esquezan", din desde o grupo. Pero Cantares tamén é segundo Eladio y Los Seres Queridos “un disco para que os que non son galegos descubran parte do noso cancionero.”
Chega o Dream of winter de Kozmic Blues
Xénero:
| 15 / 11 / 2016Apenas un ano despois da súa presentación con Premonition, Kozmic Blues continúa a súa carreira discográfica e lanza Dream for winter. O dúo ferrolán, formado por Elisa Sánchez e Andrés Toimil achega once novos temas, entre eles unha versión, nos que continúa a predominar o acústico e o xogo de voces. Tons suaves para cancións con aires de rock e pegadas dos anos setenta manteñen o estilo do anterior traballo. O álbum, autoeditado con apoio dunha campaña de crowdfunding, foi gravado no estudios Abrigueiro de Friol.
Guadi Galego continúa a súa aposta pop con O mundo está parado
Xénero:
| 4 / 11 / 2016A abandonar definitivamente os aires folk, Guadi Galego afonda na súa vertente máis pop con O mundo está parado. A intérprete achega no seu terceiro traballo seis temas propios, tres compostos por Carlos Abal e un de Pachi García, que repite com produtor. O resultado, un álbum cheo de sentimentos no que sobrancea a voz da artista, con rexistros que van do íntimo ao pop clásico e que apostan por un son máis sofisticado que en anteriores traballos. O álbum preséntase nunha tiraxe limitada de mil exemplares en formato LP cun CD incluído. Os cartafoles do disco inclúen cadansúa fotografía de Carlos Abal cunha colección de dez diferentes. Ademais, o álbum estará dispoñible en plataformas dixitais. Trisquel Artesanía acolle esta tarde, a partir das 20 horas, unha sesión de sinaturas deste proxecto.
REPORTAXE

Disco con etiqueta
Data.O vinte de maio o público e un xurado escollerán o Primeiro disco pop do ano de solistas galegos