Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Pop
Música Pop
Iván Ferreiro convídanos á súa Casa
Xénero:
| 28 / 10 / 2016O sexto álbum en solitario de Iván Ferreiro aparece como resultado do ano sabático que colleu o músico vigués en 2015. Casa achega doce temas nos que o abandono e a exaltación da amizade teñen unha especial pegada. O músico explora novos ámbitos sonoros nun disco que conta con colaboracións de Amaro Ferreiro, Leiva, Pablo Novoa ou Nico Pastoriza a complementar o seu universo poético. Gravado a medias entre Gondomar e Barcelona, Ferreiro contou con Ricky Falkner para a produción do novo proxecto, que edita Warner Music. O álbum preséntase en edición especial, en dixipack e en formato LP, co extra do CD Todo lo demás.
Luís Emilio Batallán rodéase de voces en 70 y 29
Xénero:
| 26 / 5 / 2016Bachatas, boleros, baladas, toques electrónicos e mesmo algún toque de reggaeton. Luís Emilio Batallán amosa a súa vertente máis latina en 70 y 29, o traballo que acaba de publicar con Universal Music. O cantante galego acompáñase nesta nova aventura de colaboracións de altura como as de Joaquín Sabina, Pablo Milanés ou Joan Manuel Serrat entre outras e traballa co produtor cubano Dagoberto González JR. O álbum, á venda desde o pasado 13 de maio, está dedicado á desaparecida nai do artista.
Amaro Ferreiro preséntase en solitario con Biólogo
Xénero:
| 28 / 4 / 2016Malia a ter unha longa carreira musical en diferentes proxectos como Los Piratas e a acompañar o seu irmán Iván, Amaro Ferreiro presenta aínda agora o seu primeiro proxecto en solitario. Biólogo achega doce temas na liña de pop habitual neste compositor. Aínda que o disco, editado por Warner Music sairá á venda o venres 29 de abril, Ferreiro preséntao ao público a noite anterior cun concerto no pub compostelán Sónar no marco do ciclo SantiAutor. Ata entón, o álbum pódese escoitar en exclusiva no web MondoSonoro.
Novedades Carminha decláranse Campeones del mundo
Xénero:
| 4 / 4 / 2016Da man de Ernie Récords, Novedades Carminha daba a coñecer o pasado 1 de abril o seu cuarto disco. Campeones del mundo amosa un xiro na carreira do grupo, cunha aposta polos ritmos máis bailables que non deixan fóra as letras irónicas e os tons punks dos seus comezos. Mesturas de rock e de electrónica coinciden en temas como Que Dios reparta fuerte, Lento ou Chispas relax que se poden escoitar tanto en formato CD como en plataformas dixitais. O álbum gravouse nos estudios sevillanos de La Mina con Hevi, de Malandrómeda como produtor.
Sinestesia pregunta ¿Quien va a poder con esto? no seu novo álbum
Xénero:
| 15 / 2 / 2016O segundo álbum de Sinestesia preséntase cunha cuestión clara: ¿Quien va a poder con esto?. O grupo Compostelano chega con nove temas do trinque nos que continúa a súa aposta por un blues-rock no que incorpora toques pop, especialmente nas voces. Guitarras suaves e letras coidadas intégranse no álbum, autoproducido e gravado nos estudios A Ponte de Tomás Ageitos. O pub Sónar en Compostela acollerá o vindeiro venres 26 de febreiro o concerto de presentación do novo traballo da banda, que continuará xira, por Betanzos (19 de Marzo), Madrid e Vigo (9 de abril).
Migallas busca o público mozo con Zaragallada
Xénero:
| 18 / 1 / 2016O grupo Migallas, transmutado en banda, muda de terzo no seu novo traballo e aposta por un público mozo e adulto. Logo de dous discos centrados nas crianzas, Zaragallada achega unha selección de temas nos que se mesturan pop, rock, ska, pasodobre, tango, rumba ou vals cun acompañamento que inclúe guitarras, acordeón, saxo, trombón, teclados ou baixo. Ademais da banda, participan no álbum nomes como Leandro Deltell (batería), Paulo Nogueira e Magoia Bodega (percusión tradicional), Maurizzio Polsinelli (piano) e Carmen Gallego (violín). O proxecto, que inclúe temas reivindicativos como O que hai que facer canda a cancións máis líricas, está editado por Inquedanzas Sonoras, e gravouse no estudio Casa de Tolos de Segundo Grandío.
Os da Ría voltan co seu Disco Póstumo
Xénero:
| 28 / 12 / 2015Da man do crowdfunding e baixo o selo Pistacatro producións, o dúo músico-humorístico Os da Ría acaban de dar á luz o seu Disco Póstumo. Carlos Meixide e Tomás Lijó, tamén coñecidos como Arturito e Fabián presentan no seu segundo álbum sete nove temas nos que reinterpretan a música popular, do rock ás rancheiras, con títulos como Parrillada de amor, Unha nova Galicia ou Toma Cachondexo nos que a ironía é omnipresente. O álbum presentouse ao vivo no último Culturgal, e o dúo non aclarou se se trata realmente o seu traballo de despedida.
Aerolíneas Federales voltan con @AAFF#715
Xénero:
| 26 / 11 / 2015Logo de o lanzar exclusivamente nas redes, este 27 de novembro comeza a venda do novo álbum de Aerolíneas Federales. @AAFF#715 sae á venda nunha edición en vinilo de alta calidade, con libreto de vinte páxinas e un CD incluído. O disco achega un total de nove temas novos, nos que Rosa Costas, Coral Alonso, Silvino Díaz, Luis Santamarina e Miguel Costas, formación orixinal do conxunto vigués, retornan con novas cancións logo de 25 anos. No álbum, o grupo mantén as esencias do seu pop con tintes punk en títulos como Telephone Zombie, Alta Tensión ou El Color del Amor. @AAFF#715 está editado por Lemuria Récords.
O galego Antonio Rivas triunfa en iTunes con Por ahí
Xénero:
| 9 / 11 / 2015Cun número 1 na tenda virtual de iTunes á semana do seu lanzamento preséntase o primeiro álbum de Antonio Rivas. Por ahí achega dez cancións de pop nas que se deixa sentir o peso das guitarras con letras e músicas compostas integramente polo compostelán. A compañía Bmitic Producciones, con sede en Ames, é a responsable do lanzamento do álbum, integramente gravado, interpretado e producido polo propio Rivas. O músico, afincado en Madrid, comeza o vindeiro 19 de novembro nesta cidade a xira de presentación, e non ten polo momento concerto previsto en Galicia ata o vindeiro 26 de febreiro, cando actuará na Sala Capitol.
Roberto Sobrado presenta Atlas de Anatomía
Xénero:
| 9 / 6 / 2015Un concerto por todo o alto, para a que mesmo chegou a convocar un crowdfunding. Esta é a proposta coa que Roberto Sobrado quere presentar, o vindeiro 11 de xuño, o seu novo traballo no Salón Teatro de Compostela. A conmemorar vinte anos no mundo da música, o músico publica o Atlas de Anatomía, quinto disco coa súa banda. Dez temas autoeditados de pop-rock-blues en galego nos que sobrado conta co acompañamento de Rafa Campoy (guitarra eléctrica), Gustavo Fernández (baixo), Germán Daponte (saxo)e Paulo Silva (batería).
REPORTAXE

Disco con etiqueta
Data.O vinte de maio o público e un xurado escollerán o Primeiro disco pop do ano de solistas galegos