Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Jazz/Blues
Música Jazz/Blues
Cartel internacional para o festival Blues Museum de Lugo
Xénero:
| 4 / 7 / 2019Por terceiro ano Lugo acolle o Blues Museum, Festival Internacional de Blues. Unha cita musical de concertos ao aire libre e gratuítos entre o 19 e 0 21 de xullo. Un festival organizado pola Deputación de Lugo e o Concello de Lugo que achega a música ao museo provincial e á rúa. E Nesta edición cabe destacar o apoio á paridade na programación xa que o 50% do cartel é feminino. O Blues Museum aposta por artistas de nome internacional e estatal dos eidos do blues, gospel e o soul. O espazo dos concertos convive entre Patrimonios da Humanidade como a Muralla de Lugo, o Camiño Primitivo a Santiago de Compostela ao seu paso por Lugo e a Catedral de Santa María. A pianista e cantante británica Izo FitzRoy estará tanto na apertura como no peche do ciclo, polo que tamén pasarán Yolanda Brown, que dará dous concertos e un deles para público familiar, tamén pasarán por Lugo Ben Poole, Chris O´Leary Band, Watermelon Slim e a formación Aretha Soul Divas and The Silverbacks.
O Festival +QueJazz da Coruña crece e amplía espazos co Teatro Colón
Xénero:
| 11 / 6 / 2019Chega á súa sexta edición o Festival +QueJazz da Coruña coa intención de facerse un oco no circuítos de prestixio do xénero. Con ese obxectivo este ano suma o espazo do Teatro Colón aos clubs Garufa Club e Jazz Filloa, tradicionais e inescusables abandeirados do jazz na cidade herculina. Alén diso o evento presenta na súa programación doce propostas entre o 3 e o 20 de xullo encabezadas no cartel por unha figura internacional do talle de Bill Evans, que en compañía de The Spy Killers abrirá o festival o día 3 no Teatro Colón. O festival conta por vez primeira co apoio do Concello e a esta cabeza de cartel engádense figuras como o pianista cubano afincado en Nova York Dayramir González, talento emerxente do jazz latino, que estará no Garufa o 12 de xullo. Polo mesmo escenario pasará a banda madrileña Mighty Vamp (6 de xullo). Nas actuacións previstas no Jazz Filloa, destacan Ton&Teira, unha de vibráfono e guitarra para dar vida a temas que van desde o clásico jazz a músicas suramericanas, flamenco ou temas de composición propia. Pecharán o ciclo o día 20 no Garufa Club o galego Valentín Caamaño coa súa proposta en cuarteto The Blind Wrestler, xunto a Lar Legido, Xosé Miguélez e Alfonso Calvo e máis o trío Puerta Sur.
Desaparece o mítico Dado-Dadá Jazz Club
Xénero:
| 6 / 5 / 2019A piques de cumprir os corenta anos como un dos clubs de jazz de referencia de Galicia, o Dado-Dadá Jazz Club de Santiago ven de pechar a súas portas, segundo informa o xornal compostelán El Correo Gallego. O local pechou por un traspaso no que vai incluída a perda do nome e unha profunda reforma para transformalo nunha sala que seguira mantendo como actividade a música en vivo e os espectáculos baixo o nome de eMe Music Club e aberta a xéneros musicais de estilos variados. Aberto desde 1980 por Carlos Asorey (finado en 2007) e logo rexentado pola súa dona Carmen Eixo, o Dado-Dadá Jazz Club formou parte dun escaso listado de salas que desde finais dos anos setenta apostaron pola música de jazz no país e das que poucas seguen manténdose, unha menos agora. Ademais de músicos de jazz galegos, estatais e internacionais, polo seu escenario pasaron cantautores, músicos folk, humoristas e magos, dentro destes últimos o club santiagués era unha parada obrigada nas súas xiras.
Santiago inaugura o primeiro ciclo Primavera Jazz
Xénero:
| 6 / 5 / 2019Finalmente Santiago parece terlle achado un oco para o jazz na súa axenda de eventos. Entre os días 8 e 12 de maio un total de 15 artistas encherán de jazz dous espazos públicos da capital galega e varios locais hostaleiros no que será o primeiro evento dedicado a este xénero musical nunha cidade na que sempre estivo presente a través da súa programación de concertos en salas ou das súas festas . A cabalo entre os formatos de ciclo e festival a primeira edición do Primavera Jazz aparece como unha oferta que ademais serve para enlazar culturalmente os espazos da zona nova de Santiago e do casco monumental. A programación, centrada neste estilo musical ven convenientemente impulsada dende o Concello, o que fai posibles os concertos nos locais de hostalaría en virtude da Lei de Espectáculos Públicos de Galicia, e conta coa colaboración da Asociación Veciñal Raigame, do Ensanche, e da Asociación Cultural Cidade Vella.
Xacobe Martínez Antelo presenta 'Capturas'
Xénero:
| 23 / 4 / 2019O contrabaixista compostelán Xacobe Martínez Antelo presenta o seu novo traballo discográfico como líder de formación. Capturas (autoeditado, 2019) é o segundo disco gravado en formación de trio, existindo outros dous gravados en formación de cuarteto e quinteto. O batería Max Gómez repite nesta formación con Martínez Antelo e complétase o trío co saxo tenor de Xosé Miguelez. Capturas presenta oito temas de composición propia de Xacobe Martínez. Un traballo profundo, maduro e que está ancorado no rpesente como o demostran os títulos das pezas, desde A política lingüística de Alberte co que abre o disco a Conciliade malditos, Non alimenten ó Troll ou O precariado. Composicións todas elas orixinais e inspirada en feito cotiáns e realidades agresivas que forman parte do actual contexto vital. O disco, presentado en formato digi-pack, foi gravado, mesturado e masterizado este pasado mes de marzo nos estudos Savik Sound de José Trincado, "Triqui", un sitio habitual de músicos de jazz e onde Martínez Antelo xa ten gravado outros traballos. O disco está en plataformas dixitais e pode adquirirse no web de Martínez Antelo.
Valentín Caamaño presenta o seu terceiro disco 'The blind wrestler'
Xénero:
| 31 / 1 / 2019O guitarrista e vocalista Valentín Caamaño presenta hoxe en Compostela The Blind Wrestler (TinyMoon Records), o terceiro disco da súa traxectoria profesional tras Green with envy (Free Records, 2017). Malia que o disco xa leva case un ano no mercado ata agora Caamaño non o presentara na súa cidade e o fará cunha formación en cuarteto, ampliada respecto ao disco no que se presenta en trío, con Alfonso Calvo ao contrabaixo e LAR Legido á batería. O saxo tenor de Xosé Miguélez, xa presente en dous dos sete temas de The Blind Wrestler engadirase agora na interpretación da totalidade do repertorio. O disco presenta cinco temas autoría do propio Caamaño, un de Alfonso Calvo e a versión do tema de Irving Berlin How Deep Is The Ocean. Jazz, swing e outros sons cos que Caamaño adoita cociñar as súas composicións están presentes no álbum. O disco gravouse nos estudios Bruar, con Xabier Ferreiro como enxeñeiro de son. A Sala Riquela acolle hoxe ás 21:00 horas este concerto en entrada libre.
Abe Rábade Trío presenta hoxe o novo disco 'Doravante'
Xénero:
| 18 / 1 / 2019Abe Rábade Trío presentan cun concerto hoxe no Circulo de Bellas Artes de Madrid o seu novo traballo discográfico Doravante (Nuba + Karonte Records, 2018). No disco Abe Rábade (piano), Pablo Martín Caminero (contrabaixo) e Bruno Pedroso (batería) ofrecen once temas entre os que abundan as composición do pianista pero onde tamén ahí sitio para a interpretación de pezas tradicionais galegas como Alalá das Mariñas e O paxaro cando chove. Ademais o trío tamén fai seus temas de outros como é o caso Just one of those things de Cole Porter, In love in vain de Jerome Kern ou o tema de pehe do álbum, Hasta siempre comandante, no que o trío de jazz interpretan o tema de carlos Puebla y sus Tradicionales. O disco ábrese coa singular peza Revolutionary, na que Rábade pon música a unha entrevista realizada á activista norteamericana antirracista e feminista Angela Davis en 1970. Doravante xa está dispoñible desde hoxe nas plataformas dixitais e á venda en tendas físicas e dixitais. O concerto de presentación enmárcase no ciclo Jazz Círculo e comezará ás 21:30 horas.
Los Hermanos Zapruder publican na rede o seu terceiro álbum
Xénero:
| 7 / 1 / 2019Logo de catro anos de silencio discográfico, Los Hermanos Zapruder voltan á palestra cun novo álbum que, como os anteriores, está dispoñible no seu Bandcamp. Os dez novos temas de Long Way Zaphome manteñen a orientación de jazz, soul e R&B da banda, con algunhas experimentacións como os toques disco de Cheater Man ou achegamentos ao funkhy. A voz de Li'l Eba continúa á fronte da formación de Gondomar, con Germán Prieto á guitarra, Simón López ao baixo, Iván Trigo na batería e Diego Sampedro a se ocupar dos teclados.
Gabriel Peso presenta un proceso de percorrido vital en 'Travesía'
Xénero:
| 4 / 12 / 2018Cinco anos transcorreron desde o primeiro disco de Gabriel Peso (Sinapsis, Estudios Mans 2013) e o pianista pontevedrés aproveitou ese tempo para traballar acompañando a outros artistas nas súas xiras, en obras de teatro e musicais, para a televisión e viaxar. Desa viaxe de cinco anos xurde agora este novo traballo Travesía (Xingra, 2018) para o que elixe un formato de trío acompañado por Miguel Asensio á batería e David Ruíz ao contrabaixo. Dez temas de jazz e fusión nos que, segundo Peso, se deixa ver claramente a influencia da súa orixe galega “na esencia e no aroma” así como nunha rítmica característica das nosas músicas, incluíndo especificamente no disco unha xota ( Jota de Peso)creada como homenaxe aos seus avó e pai e na que participa este último colaborando á gaita. O disco foi obxecto de mestura e masterización en Nova York da man do enxeñeiro Dave Arlington, que ten traballado con grandes nomes da música mundial. O músico comeza hoxe unha mini xira galega con este traballo no club Dado Dada Jazz, de Santiago, ás 22 horas. Mañá mércores o trío estará no Vitruvia Café de Vigo e o xoves estarán no Café Latino de Ourense. Outor local indispensable do circuíto do jazz den Galicia, o Jazz Filloa da Coruña pechará esta xira o sábado ás 22 horas.
O festival de Jazz de Lugo ofrecerá 25 concertos
Xénero:
| 5 / 11 / 2018O jazz galego, estará presente nesta 28ª edición con artistas como Nani García, Pablo Castanho, Marcos Pin, Natasia Zürcher, David Regueiro ou Juyma Estévez. O Club Clavicémbalo é un dos cinco espazos que acollerá as actividades deste ano xunto á Casa do Saber, o pub Ho! Gruf, o Centro Cultural Vello Cárcere e o Círculo das Artes, escenario este último que volverá recibir a visita de recoñecidos grupos e artistas do panorama jazzístico internacional. Entre eles, o David Murray Infinity Quartet; o Charles McPherson Quartet co pianista Bruce Barth; Sara McKenzie; o trío Zuperoctave que integran Gilad Hekselman, Aaron Parks e Kendrick Scott; Yellowjackets; Antonio Lizana Group, e Fabrizio Bosso & Special Quintet co saxofonista Max Ionata.
REPORTAXE
Unha escola de improvisación
Data.O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical