Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Pop
Música Pop
La Casa de los Ingleses sacan brillo ao pop no seu primeiro LP
Xénero:
| 27 / 6 / 2018A banda pontevedresa La Casa de los Ingleses xa ten dispoñible á venda e en plataformas dixitais o que é o seu primeiro longa duración, La Tierra es plana (2018). O grupo autoedita o seu traballo que ven recoller a estela daquel primeiro EP de 2015 . Independentes na edición da súa música (apoiados por un crowfunding) e "indies" no son do seu pop, La casa de los Ingleses xa tivo ocasión estas pasada semana de presentar os seus novo temas en concertos "na casa". O festival Surfing the Lérez de Pontevedra e máis recentemente a festa de San Xoán no chiringuito Aguete en Marín, foron os lugares elixidos para amosar ao público os temas deste disco gravado nos Garate Studios en Andoain-Guipuzkoa e con produción de Juan Hernández. Oito temas de pop dinámico, guitarreiro, luminoso e vibrante, conforman este novo álbum do que se presenta como avance o tema Nunca lo veremos cun lucido vídeo clip de animación con ilustracións de Ana Seoane, realizado por ela mesma e Jose Aragunde. Cabe destacar na nosa perspectiva, o uso do galego para un dos temas: Nalgunha parte., unha peza de pop clásico moi ben desenvolvida con aires oitenteros. Tamén hai lugar no disco para as baladas como é o caso de Aguete 145 e Tan iguales. As principais bandas españolas de pop-rock indie aparecen entre as súas influenzas o que leva a considerar moi familiar o son que ofrece La casa de los Ingleses, pero é tanto nas súas narrativas letras como nas alternancias de protagonismo entre os instrumentos de Anxo, Carlos, Charly e Xavi onde os pontevedreses marcan as súas diferenzas propias así como no manexo vocal do propio Anxo.
Pauliña preséntase no panorama musical con De-Xeneración
Xénero:
| 18 / 6 / 2018Desde Cambados chega Paula Chave, Pauliña a engrosar a listaxe de músicas que traballan na nosa lingua. Os oito temas de De-Xeneración son a carta de presentación desta artista que mestura country, folk, blues, pop e soul en galego. Cancións que apostan pola enerxía e a reivindicación e que ven a luz da man de Xoinx Records. Gravado nos estudios desta firma en Bandeira, o tema de presentación, Non é ficción contou coas colaboracións de Heredeiros da Crus e Os Diplomáticos de Monte Alto, entre outros. Lolo Arinción, Francisco Montoto, Julián Gullón e Iago Jorge compoñen a banda que acompaña a Pauliña neste primeiro lanzamento.
Nicolás Pastoriza ofrece valor musical engadido co disco 'PyME'
Xénero:
| 14 / 6 / 2018O músico vigués Nicolás Pastoriza volve á carga con PyME, un novo traballo autoeditado que presenta este sábado en concerto no Museo do Mar e que sae á venda en formato de dobre vinilo con edición limitada. O novo disco, que aparece coa fasquía dunha declaración de I.V.E. como portada, ábrese co tema Ovnis entre Cíes y Nigrán no que o músico fai homenaxe á temática da ciencia ficción que xa ten explotado en outros traballos anteriores e mesmo na súa época á fronte do grupo Ectoplasma, na mesma liña tamén está no álbum o tema Poltergeist. Para Ovnis entre Cíes y Nigrán, primeira mostra escoitable do disco, Pastoriza conta coa colaboración nas voces de Iván Ferreiro, quen foi produtor do disco Poetas & Motocicletas (autoeditado) que Nicolás Pastoriza presentou en 2013. Os dezaseis temas de PyME son da autoría do músico vigués e graváronse no seu estudio doméstico, mentres que a mestura e masterización levouse a cabo nos Estereoarte estudios da cidade olívica. Ao longo deste traballo, o quinto da súa carreira en solitario, o vigués ofrece un pop elegante e traballado, tanto nas letras como nas melodías, que fuxe de simplismos sen rexeitar a sinxeleza necesaria do xénero pero presentando un resultado sofisticado e algo melancólico ás máis das veces. A presentación está prevista ás 20:30 horas e contará tamén coa colaboración de Brais Iriarte, Sergio Martínez Puga e Marcos Rivera no directo.
Basanta comparte rituais atávicos en 'Colorama'
Xénero:
| 2 / 5 / 2018Na tradición hindú o Basanta Panchami é un día de celebración que marca a fin do inverno e celebra o aniversario da deusa Saraswati, nai da sabedoría, a fala e a música. En feliz coincidencia tamén é o apelido do músico Roy Basanta, ex-vocalista dos desaparecidos The Blows, e foi a palabra elixida para dar nome a un novo e singular proxecto de banda que agora ven de sacar ao mercado o seu primeiro disco longo. Basanta, o grupo, xa ten dispoñible o seu álbum Colorama (C4Music, 2018). Once temas máis un conforman este traballo presentado recentemente en concerto no eido do festival vigués Super Bock Under Fest e que xa está dispoñible en vinilo e nas plataformas dixitais.
Los Árboles presentan hoxe o seu primeiro LP 'Ensayo y Error'
Xénero:
| 6 / 4 / 2018Desde hoxe mesmo se pode acceder en Spotify aEnsayo y error, o primeiro disco longo da banda Los Árboles, que xa está a distribuír tamén en formato físico entre aqueles mecenas que contribuíron para a súa edición,. Se nas pasadas semana íamos coñecendo en avance dous dos temas que conforman este novo disco , Elemento nuclear e A Marte agora podemos xa escoitar os dez temas que conforman Ensayo y error, un disco gravado no estudio propio no Courel do compositor e cantante Alexandro González. As composicións de González para este traballo encantarán á lexión de seguidores que a banda ten acadado nestes anos na escena galega cos seus directos e a través dos seus dous anteriores traballos curtos, primeiro con Catorce grados (Diérese Producciones, 2012) e posteriormente con coñecido Los días que quedan son nuestros (Diérese Producciones, 2014). Pop-rock fresco e case canónico con protagonismo nunhas guitarras eléctricas poderosas por momentos, letras intimistas e co ton nostálxico que xa é marca da casa nos dez temas deste traballo. Alexandro González (guitarra, piano e voz), Alberto Barreiro (baixo), Marcelo Pedredo (guitarra), Martín González (sintetizador) e Alberto Dopico (batería) conforman o grupo. No mes de maio comezarán xira para presentación en directo deste traballo.
A banda Oh Ayatollah presenta o seu primeiro disco longo
Xénero:
| 2 / 2 / 2018A Sala Capitol de Santiago acolle hoxe o concerto de presentación do primeiro disco longo da banda Oh! Ayatollah. O grupo compostelán presentarán Volve a canción protesta (Autoeditado) que sae en edición dixital e vinilo e para a ocasión estarán acompañados por outras bandas amigas (Familia Caamagno, Atrás tigre, Ataque Escampe e The Homens). Nove temas propios en galego enchen o disco Volve a canción protesta ofrecendo unha liña musical emparentada co pop-punk dos primeiros tempos máis contestatarios da movida dos oitenta, cunha actitude claramente sarcástica e irreverente. Mentres pezas como Animal poden levarnos a unha escoita "mod" moi británica hai outros como Case todo é o que parece conéctanos directamente cos ecos daqueles Aerolíneas Federales. Na lista de cancións tamén hai lugar para propostas máis guitarreiras como en Ei Ei. A frescura, variedade e coherencia da lista son promesa de bos directos. O álbum foi gravado e mesturado por Hevi no Laboratorio Soyuz en xullo do 2017 e masterizado por Cem Oral en Jammin' Masters (Berlín). O tema de lanzamento, que da nome ao disco, xa foi lanzado previamente en decembro cun videoclip. O concerto comeza ás 21:15 na Sala Capitol.
Arantxa Pérez debuta con Hay tanto camino por andar
Xénero:
| 26 / 9 / 2017Hay tanto camino por andar é o título do primeiro traballo en solitario da catoirense Arantxa Pérez. Logo dunha maqueta co mesmo título e de diferentes vídeos e temas publicados na rede, a cantante autoedita un álbum de dez temas no que contou coa produción de Jordi Cristau. O pop con letras románticas predomina no proxecto, cantado integramente en castelán. Madrid acollerá as primeiras presentacións do proxecto, con concertos nas salas Fulanita de Tal o 26 de novembro e en Clamores o 10 de decembro.
Esposa presenta o primeiro disco longo 'Xardín Interior'
Xénero:
| 30 / 3 / 2017A banda compostelá Esposa presenta e saca á venda mañá venres o seu primeiro disco longo, Xardín interior. O álbum sae baixo o selo independente Prenom e presentarase cunha festa ás 19 horas no local de A Reixa Tenda/ Matrioska de Santiago de Compostela (Rúa do Hórreo, 46), onde ofrecerán un concerto en acústico. Xardín interior ofrece doce temas de pop lixeiro e rápido no son e de letras melancólicas e lánguidas case existenciais. Segundo a presentación que deles fai o selo “a alegría da súa música e a naturalidade da súa actitude pode levar a pasar por alto as tensións que laten debaixo e que os fan ser un grupo atípico: as letras en galego retratan a personaxes con identidades en conflito e dúbidas xeracionais, as guitarras e as baterías nerviosas contrastan con dous sintetizadores máis atmosféricos, as voces femininas e as masculinas conflúen ás veces en temas eléctricos e velvetianos e ás veces nunha delicadeza que lembra aos Yo La Tengo máis sutís.” A banda está conformada por Xacobe González (voz e guitarra), María Villamarín (voz e sintetizador), Mar Catarina (sintetizador) e Cibrán Tenreiro (voz e batería). O pasado ano o grupo presentou un EP Señora de pero este é o seu primeiro traballo longo gravado Tras desta presentación actuarán no Melona Fest en Santiago o día 8 de abril.
Ataque Escampe entrega os seus Primeiros bicos
Xénero:
| 15 / 2 / 2017Tres anos despois do seu Disco vermello, os composteláns Ataque Escampe voltan cun álbum gris. Primeiros bicos está xa dispoñible para a escoita en liña e sairá á venda, tanto en formato LP como dixital o vindeiro 27 de febreiro. Segundo adianta o grupo, a capa gris do disco poderase rañar cunha moeda para descubrir os debuxos agochados debaixo, con catro variantes deseñadas por David Silva. Aínda que a marcha de Álex Charlón como cantante se deixa sentir no son, o quintento mantén o seu característico estilo, se caso máis cru e eléctrico, cunha especial pegada de tons funk que se mesturan sen complexos con salsa ou soul para animar unhas letras sempre intensas. O álbum, que ve a luz da man de Discos da Máquina, gravouse no estudio As Gonzalinhas de Lalín. A Sala Capitol da capital galega acollerá o concerto de presentación do novo traballo nun concerto no que o grupo compartirá escenario con Emilio José o vindeirio 24 de febreiro.
Villanueva abre o seu Zoo para dos
Xénero:
| 7 / 2 / 2017Desde o pasado 27 de xaneiro está á venda Zoo para dos, o segundo traballo do vigués Villanueva. Sony Music Spain presenta dez novos temas gravados nos madrileños Reno Estudios. Pop electrónico, melodías coidadas e un importante traballo vocal son as características dun álbum no que predomina un matiz hedonista. Na nómina de colaboradores, nomes como Ramiro Nieto (Zahara) Martí Perarnau (Mucho) Martiño Toro (Iván Ferreiro) Iago Reigosa, Maryan Frutos (Kuve) e Lola García Garrido (Xoel López). O artista volve así ao formato álbum logo dunha exitosa xira de dous anos co que fora o seu primeiro traballo, Viajes de Ida, de 2014. O Costello Club, en Madrid, acollerá o concerto de presentación do álbum.
REPORTAXE
Disco con etiqueta
Data.O vinte de maio o público e un xurado escollerán o Primeiro disco pop do ano de solistas galegos