Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Aerolíneas Federales recupera as súas gravacións “perdidas”
Xénero: | 21 / 2 / 2012
Hasta El Final Y Más Allá... [Demos 1983-1993] é o título do disco co que o grupo vigués Aerolíneas Federales volve tras 21 anos aos catálogos de novidades discográficas da man do selo Elefant Records.
Machina lanza Ensaio sobre o silencio
Xénero: | 20 / 2 / 2012
A finais de 2011 entraban no estudio, e o pasado venres presentaban en Compostela a primeira audición pública. Machina lanza o seu segundo LP, Ensaio sobre o silencio, no que achegan trece temas cheos de forza no que mesturan os ritmos do rock e o metal alternativos, co hardcore. O volume, gravado nas instalacións de Javier Abreu coa produción de Pablo Iglesias, conta coas colaboracións de O Leo i Arremecaghona, Juan Prego, Diego Carreira, César Ríos e Nacho Goris. A estrea oficial do disco será o vindeiro 17 de marzo nun concerto en Cerceda.
Isi Vaamonde Band lanza o seu primeiro disco
Xénero: | 7 / 2 / 2012
Engadindo un Band ao seu nome, o músico cambadés afincado en Madrid Isi Vaamonde presenta o seu primeiro disco, Live in heartland. A obra gravouse nos estudios Abrigueiro de Guimarei coa banda a tocar ao vivo e foi autoproducido polo galego. Na liña dos seus anteriores EPs, Vaamonde mantén a súa aposta polo folk-rock americano con letras en inglés, e achega 12 temas habituais do seu repertorio, mesturando composicións orixinais con dúas versións de David Bowie (Heroes) e mais Inmaculate Fools (Wish you were here). Canda a Vaamonde, participan no proxecto Jesús Parra, Edu Pulpillo, Gonzalo Peñalosa, Jaime Caro e Volker Ledwig. A obra, autoeditada, está á venda por dez euros.
Volven os Heredeiros da Crus
Xénero: | 19 / 1 / 2012
O grupo de rock Heredeiros da Crus anunciou o seu regreso á escena musical, despois da súa retirada dos escenarios en 2005. Será o día 3 de marzo na discoteca LP45, en Ordes, e conmemorará os 20 anos de nacemento da banda en Castiñeiras (Ribeira). Os Heredeiros foron un importante grupo de rock dos anos 90 famoso pola súa participación no Xabarín Club e polo seu estilo: temas provocadores cantados na variante dialectal das Rías Baixas. O concerto será o principio dunha xira, durará máis de dúas horas e "con sección de metais, coros e piano incluído".
Skacha anuncia un parón indefinido
Xénero: | 20 / 12 / 2011
Logo de vinte anos de traballo no punk-rock galego, o grupo Skacha disólvese. O seu web recollía o pasado día 17 o anuncio da banda dun "parón indefinido" que os membros achacan "ás circunstancias da vida". Malia a que non desbotan a posibilidade de se reunir de xeito puntual o grupo como tal non continuará a súa actividade, logo "dunha decisión moi meditada e nada doada". Os compoñentes de Skacha animan os seus seguidores a continuar apoiando outros proxectos nos que participan.
O concerto dos vinte anos
Xénero: | 19 / 12 / 2011
O local A Taberna, de Cerceda acollía o pasado sábado 16 a presentación do DVD Zënzar ao vivo. O grupo presenta nesta produción o concerto que dera nesta mesma localidade en 2009, a coincidir co seu vinte aniversario e contando con numerosas colaboracións. Ademais da actuación en Cerceda, que contou coa presenza de Xurxo Souto, María Xosé Silvar “Ses” ou Javier Pardeiro “O reverendo”, entre moitos outros, a banda ofrece outro recital con convidados no Badulake de Ordes o vindeiro 23 de decembro. Nestas presentacións está a venda unha edición limitada do DVD autoeditado, que chega ás tendas o vindeiro mes de xaneiro.
Kathaarsys saca o seu novo traballo gravado en directo na Sala Capitol
Xénero: | 19 / 10 / 2011 + VIDEO
O grupo compostelán de metal escuro progresivo Kathaarsys ven de sacar á rúa un novo traballo The Concept baseado na gravación do seu concerto na Sala Capitol de Santiago o 9 de outubro de 2010 dentro da xira “Intuition Tour”. The Concept preséntase nun formato de libro con CD e DVD da actuación en directo e está editado pola súa propia discográfica e produtora Silent Tree.
Históricos produtores de rock darán un curso para profesionais en San Simón
Xénero: | 6 / 10 / 2011
A illa de San Simón acollerá do 19 ao 21 de outubro un curso de produción musical que baixo o título ”Históricos do rock” reunirá a tres relevantes produtores de nivel internacional como mestres que teñen traballado -entre outros- con grupos como AC/DC, Bob Marley, The Who, Steve Winwood, Jimi Hendrix, Joe Cocker, Leonard Cohen, The Pixies ou Foo Fighters. Así, Tony Platt explicará, por exemplo, o proceso de gravación e produción de discos tan emblemáticos como Highway to hell, de AC/DC; Phill Brown falará das súas experiencias de traballo con Led Zeppelin; e Gil Norton da dinámica emprendida no mesmo ámbito con Foo Fighters. Ata trinta profesionais da produción musical de Galicia poderán asistir como alumnos a este curso organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais e a empresa viguesa Dotbeat, a pre-inscrición está aberta ata o vindeiro luns 10 de outubro.
Moon Cresta gaña o segundo concurso Querostar
Xénero: | 3 / 10 / 2011
O premio do segundo certame de música en vivo Querostar, que organiza a sala The Star de Carral foi para os vigueses Moon Cresta. O grupo de funk-rock levou os 1.000 euros de premio, seguido por Neverside, tamén de Vigo, que se fixeron con 500 euros. Moondog Blues Party quedou terceiro e levou 300 euros mentres que os coruñeses NOC levaron o cuarto premio, unha hora de gravación nos estudios da Radio Galega. Os concertos comezaron a partir das once da noite do pasado sábado e puideron seguirse de xeito simultáneo na rede. O certame contou coa participación dun total de 135 grupos, dos que se elixiron os finalistas mediante os votos de internautas e mais do público da sala.
Terbutalina lanza Broncodilatador, o seu segundo disco
Xénero: | 8 / 9 / 2011 + AUDIO
Unha dose de vinte minutos de gastropunk, esta é a proposta que fai o grupo Terbutalina co seu novo LP Broncodilatador. Con temas como Helipuerto, Cartos, R.A.J.O.Y. ou Cheiras ao bravo, o grupo afonda na liña que abriran con Live en Catoira, o seu primeiro disco. O álbum está dispoñible de balde nas plataformas Bandcamp, O Toxo rabudo e Komunikando, e presentarase publicamente cun concerto na Sala Moon de Compostela o vindeiro 15 de setembro. Na cita estarán tamén presentes Desequilibrio Mental e Familia Caamagno.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música


