Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Indie
Música Indie
Triángulo de Amor Bizarro trunfan nos premios da música independente
Xénero: | 29 / 3 / 2017
Os grandes triunfadores da noite dos IX Premios MIN da música independente foron os barbanzáns Triángulo de Amor Bizarro. O grupo estaba en todas as previsións despois do éxito de recoñecemento acadado co su disco Salve discordia e acabou a noite levantando catro galardóns. TAB, presentes na gala, recolleron o premio Flooxer ao mellor álbum do ano, o premio Gibson ao mellor disco de rock o premio Radio 3 ao mellor artista e o premio outorgado á mellor produción para Carlos Hernández polo seu traballo feito en Salve discordia. TAB era finalista en sete dos premios deste ano. Na categoría de Mellor álbum en galego, foi a banda viguesa Eladio y los Seres Queridos a que levou o premio por Cantares, o disco no que revisita cancións populares desde o seu son pop. Novedades Carminha era finalista en catro categorías pero non conseguiu acadar ningún dos galardóns. A gala, organizada desde a Unión de Fonográficas Independentes retransmitiuse en directo a través da canle virtual Flooxer.
O festival El Loro Facu presenta o cartel completo da súa nova edición en xullo
Xénero: | 28 / 3 / 2017
O Festival El Loro Facu da localidade coruñesa de Miño ven de presentar xa o seu cartel completo para a edición deste ano. Os días 28 e 29 de xullo catorce bandas, a maioría delas galegas, encherán de música independente e ritmos variados este festival que celebra a súa segunda edición no Porto de Miño. O cartel está encabezado polos veteranos Siniestro Total pero tamén están o rapeiro sevillano ToteKing , Guerrera, Igloo, Terbutalina, Familia Caamagno, Ataque Escampe, The Parrots, Thee Blind Crows, Ricky Hombre Libre, White Bats, os locais The Artificieiros, os asturianos The Attack of the brain eaters e Superoito. Os abonos a prezo superreducido xa se esgotaron e agora están a venda as entradas anticipadas por 25 euros o abono dos dous días.
Escuchando Elefantes presenta o seu terceiro disco 'Hope'
Xénero: | 21 / 3 / 2017
O dúo Escuchando Elefantes presentará este venres en concerto no Playa Club da súa cidade, Coruña, o seu novo disco Hope, o terceiro do seu currículo. O disco xa está en formato dixital en todas plataformas desde o pasado venres e algúns dos seus temas foron adiantándose en vídeos desde hai meses, como Anyway. A base de percusión e guitarras Silvia Rábade e Carlos Tajes defenderan os seus temas nos escenarios na xira que agora comezan e que en parte farán como teloneiros do irlandés Glen Hansard na súa xira española. Os dez temas de Hope están cantados en inglés e preséntanse cun aire máis eléctrico que os anteriores traballos do dúo coruñés, algo máis achegado ao rock que ao folk americano como nos anteriores. Tras este concerto Escuchando Elefantes irán aGranada e non será ata o primeiro de abril cando poidamos escoitalos de novo en terras galegas en Ferrol. O disco en formato CD pode adquirirse a través da súa páxina web.
Emilio José publica na rede os 64 temas de Nativos digitais
Xénero: | 17 / 3 / 2017
O Bandcamp de Emilio José está que ferve estes días. O mércores 15 de marzo o músico de Quins publicaba neste espazo Nativos digitais, un proxecto que comprende nada menos que 64 cancións. O traballo preséntase como un mixtape, é dicir, unha gravación na que se recombinan fragmentos de audio, efectos e bases rítmicas sobre as que o compositor introduce os seus persoais recitados de hip-hop. Moita experimentación, crítica social, poesía electrónica e o intenso mundo persoal de Emilio José danse cita neste proxecto con pistas como Referentes culturais, 15-M, Hail Errejón!, Second Life ou eucalyptus. Todos os temas foron compostos entre xullo de 2016 e pasado mes de febreiro, segundo asegura o artista no seu Bandcamp. Emilio José está ao vivo na Casa do Pobo de Cangas mañá, 18 de marzo.
Sensacional volve Desde el limbo
Xénero: | 27 / 2 / 2017
Logo do éxito do seu primeiro traballo, que os levou a tocar en festivais como Portamérica, Gijón Sound, Contempopránea ou Noroeste, a banda coruñesa Sensacional apostou polo crowdfunding para lanzar o seu segundo traballo. O pasado 21 de febreiro vía a luz Desde el limbo, dez novos temas nos que o pop guitarreiro do grupo acada novas cotas de calidade. Sons intensos e arreglos moi coidados crean atmósferas complexas para acompañar letras cunha importante carga poética. Os estudios Bonham da Coruña acolleron a gravación do traballo, que conta con produción de Sensacional e José Martínez. A xira de presentación comezará o vindeiro 7 de abril na Sala Mardi Gras da Coruña no marco do ciclo Son Estrella Galicia.
'Salve discordia' suma e segue como Disco do 2016 de Disco Grande
Xénero: | 18 / 1 / 2017
Cando estamos apiques de facer un ano do lanzamento do, ata o momento, ultimo disco de Triángulo de Amor Bizarro, segue recollendo este mes galardóns. Salve discordia ven de ser elixido como Disco nacional do 2016 a través dunha votación dos oíntes do programa Disco Grande, de Radio 3 de RNE. O programa dirixido por Julio Ruíz é unha referencia da música independente desde hai corenta anos. Os oíntes, a través dun sistema de referendo votaron os seus preferidos e TAB acadou de novo o primeiro posto. A canción que máis soou deles no programa da emisora musical foi "Qué hizo por ella cuando la encontró". O disco de TAB xa foi escollido como disco do ano pola revista Mondosonoro e a semana pasada recibiu o Premio Ruído outorgado polo colectivo Periodistas Asociados de Música. Ante a recente convocatoria dos Premios MIN da música independente o álbum da banda segue postulándose como un dos favoritos.
Linda Guilala presenta en Lugo Psiconáutica
Xénero: | 13 / 1 / 2017
O Clavicémbalo de Lugo acolle esta noite o concerto de presentación de Psiconáutica, o segundo álbum da banda viguesa Linda Guilala. Logo de sete anos sen lanzar un LP, o novo traballo achega nada menos de vinte novos temas, máis da metade dos cales duran menos dun minuto. As guitarras e os muros de son manteñen o estilo do grupo na liña do shoegazing con que se deron a coñecer. Logo de que Elefant Records publicase o disco o pasado mes de outubro, o grupo aínda tivo tempo de lanzar o single e vídeo Accidente, no que inclúen unha versión do Sé Girasol de Silvania. O álbum gravouse no Kaiju Estudio de Vigo.
Triángulo de Amor Bizarro faise co Premio Ruído
Xénero: | 11 / 1 / 2017
A sala El Sol de Madrid acollía na noite de onte a entrega do Premio Ruído ao Disco do Ano. O colectivo Periodistas Asociados de Música outorgoulle o seu galardón a Salve Discordia, cuarto traballo de Triángulo de Amor Bizarro. Os galegos impuxéronse entre a quincena de traballos finalistas nesta segunda edición dos premios, que á súa vez foron seleccionados a partir de dúas roldas de votacións dun cento de profesionais da comunicación musical. Nos finalistas non faltaban outros nomes do país como Iván Ferreiro e Novidades Carminha. Na gala, ademais dos propios galardoados, actuaron Kokoshca e Aries. O grupo está en plena xira de presentación do seu traballo, con actuacions noso país previstas en Ferrol (18 de febreiro), Vigo (25 de febreiro) e Sarria (11 de marzo, no Esmorga Fest).
Pablo Seijas continúa a súa carreira en solitario Debajo del aire
Xénero: | 9 / 1 / 2017
Co final de 2016 viu a luz o segundo traballo en solitario de Pablo Seijas. O cantante de Misterioso Viaje Holanda aposta de novo pola autoedición para presentar Debajo del aire, dez temas nos que os sons indie folk do autor acusas influencias da música de autor hispana, cun peso importante das letras. O predominio de sons acústicos en temas comos o que dá título ao traballo alternan con apostas máis eléctricas e un continuo coidado ao detalle. Seijas conta para esta aventura co seu irmán Adrián e a colaboración de Adri MT e Javier Vaamonde. O álbum gravouse nos estudios Bruar da Coruña entre 2015 e 2016
Chicharrón envía unha Postal no seu segundo traballo
Xénero: | 28 / 6 / 2016
Con formación ampliada, a pasar de trío a quinteto, presenta Chicharrón Postal, o seu segundo álbum. Alberto Vecino, Diego Gende e Rubén Domínguez incorporan nesta ocasión a Mar Catarina aos teclados, que acadan un importante protagonismo, e a Xurxo Meis á batería. Deste xeito, a banda de Carballo mantén o seu carácter indie aínda que aposta por sons máis eléctricos nos doce temas que edita da man Prenom. Os estudios A Ponte de Tomás Ageitos acolleron a gravación deste proxecto. O álbum está dispoñible nunha edición limitada de 250 copias que sae nun cartafol de 7" con insert, postal da portada e funda protectora de plástico groso.O grupo está en plena xira de presentación do traballo.
REPORTAXE
Conectad@s coa música
Data.O selo discográfico galego Falcatruada avanza cara á súa internacionalización grazas ás novas posibilidades de internet


