Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
A música Cristina Pato ocupará a cátedra de Cultura Española da Universidade de Nova York
Xénero:
| 5 / 6 / 2019A Cátedra Juan Carlos I de Cultura e Civilización Española na Universidade de Nova York (NYU) será ocupada ao longo do vindeiro curso pola música e gaiteira galega Cristina Pato. Así o anunciaba o Centro Rei Juan Carlos I de España, reponsable deste posto que naceu en 1983 e que ocuparon anteriormente diferentes persoeiros "especialistas na historia, política, economía ou cultura de España", segundo explica o centro, como Juan Goytisolo, Claudio Guillén, Francisco Ayala, Estrella de Diego ou Antonio Muñoz Molina.
O festival de Lorient será 'solar' grazas á calor dos 'celtas do sur' chegados de Galicia
Xénero:
| 4 / 6 / 2019"O outro Finisterre: ao final do camiño, a alegría e a calor dos celtas do sur", ese finalmente é o lema co que a 49ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, celebra a súa homenaxe á Galicia este vindeiro mes de agosto. Tal e como se anunciara xa o pasado ano este será un ano dedicado a Galicia. A nosa música, lingua e cultura, tamén a gastronómica, estarán presentes durante os dez días deste evento de referencia mundial na Bretaña francesa entre o 2 e o 10 de agosto. "A edición 2019 será solar, -asegura Lisardo Lombardia o director do festival- tanto dende o punto de vista da expresión artística como da convivencia e a festa." O desembarco de artistas e formacións galegas será un feito que salpica o programa do evento con presenza da nosa terra en diferentes formatos. Desde a cea de apertura, o mesmo día 2 de agosto na que participaran as pandereteiras de Xacarandaina e os pandereteiros Os do fondo da barra, a música do país estará moi presente neste evento que ten unha asistencia estimada de 750.000 persoas. Carlos Núñez, Mercedes Peón, Milladoiro e Xosé Lois Romero & Aliboria encabezan unha representación galega na que tamén estarán a Banda de Gaitas de Forcarei, José Manuel López Josele, Abraham Cupeiro, Suso Vaamonde, Pablo Seoane, Begoña Lorenzo, Bouba, Xirandela, Davide Salvado, etc.
O espectáculo Amantes da Terra lembra a Antonio Fraguas desde a tradición
Xénero:
| 26 / 4 / 2019A compañía escénica Queiman e Pousa presentaba onte no Museo do Pobo Galego, en Compostela, a proposta coa que queren sumarse ás homenaxes a Antonio Fraguas por mor do Día das Letras. Amantes da Terra é o título do espectáculo que estrearán o vindeiro 4 de maio en Vilalba e no que, canda ao Bruxo Queiman e a Andrea Pousa, participan a Banda de Unión de Lantaño, as do Val da Mahía e de Salvador de Camanzo e mais o grupo de gaitas e baile Foula a sumar un cento de persoas sobre o escenario.
Xacarandaina recupera gravacións inéditas polos seus corenta anos
Xénero:
| 4 / 4 / 2019Unha selección de músicas gravadas ao vivo, material descartado doutros álbums ou proxectos que non chegaron a ver a luz compoñen o disco 40 anos Xacarandaina. A formación de música tradicional coruñesa celebra o seu aniversario con este lanzamento, no que se poden escoitar desde a Danza de Bergantiños, gravada ao vivo en 1981 nun festival bretón, ata gravacións do pasado ano que permiten verificar a evolución do grupo de música e baile tradicional ao longo do tempo. Ademais, inclúense temas rexistrados en 1990 na que se considera a primeira gravación moderna dun grupo de pandeireteiras para un disco.
Pesar na cultura polo falecemento do acordeonista Pazos de Merexo
Xénero:
| 27 / 3 / 2019Manuel Pazos Redonda, coñecido como Pazos de Merexo, popular acordeonista da Costa da Morte, faleceu o pasado luns. A súa habilidade co instrumento, nomeadamente o "floreo" que incorporaba ás interpretacións, fixérono moi popular na súa contorna e valeulle o recoñecemento de pescudadores da música tradicional como Mercedes Peón, Ugia Pedreira, Kepa Junquera, os irmáns Castro Vicente ou Xurxo Souto. Con presenza en programas televisivos e actuacións en diferentes galas e teatro, protagonizou o volume Pazos de Merexo e o acordeón diatónico da Costa da Morte. Os seus restos foron soterrados onte na igrexa parroquial de San Martiño de Ozón.
Tanxugueiras gaña o Premio MIN de disco en galego do 2018
Xénero:
| 14 / 3 / 2019Finalmente Tanxugueiras levou o Premio MIN da Música Independente de España ao mellor disco en galego do 2018 polo seu álbum homónimo co que debutaban. Finalmente as pandereteiras impuxéronse ás outras catro finalistas: Chicharrón, Xoana, Mercedes Peón e Ezetaerre. Ras músicas recolleron o premio durante a gala celebrada este mércores no Teatro Circo Price de Madrid na gran festa da música independente española facendo un alegato ás diferentes linguas e a riqueza que iso supón, poñendo en pe ao público do teatro. Tanxugueiras preparan un novo lanzamento discográfico a finais deste ano, que se verá potenciado por este recoñecemento dos Premios MIN, premios no que tamén chegaron a ser semifinalistas como mellor artista emerxente. Non houbo sorte para os outros cinco artistas galegos que se mantiñan finalistas noutras categorías dos galardóns. O disco homónimo das Tanxugueiras permitiulles levar a súa música por todo o país cunha xira de máis de 50 concertos en 2018 e tamén internacionalmente por Cuba, La India, Suíza e no Festival Celtic Connections de Glasgow. Crecendo da man da banda escocesa Shooglenifty, veñen de publicar conxuntamente o single East West, chegando a colaborar nunha experiencia única coa banda escocesa e Dayam & Katif (Dhun Dhora) da India. O vindeiro 29 de marzo no Salón Teatro de Lalín comezarán a xira de 2019 na que non deixan de sumarse datas e que servirá de despedida deste traballo co que tantos éxitos están colleitando.
Gwendal e Shooglenifty no cartel da 41ª edición do Festival de Ortigueira
Xénero:
| 28 / 1 / 2019O festival do Mundo celta de Ortigueira aproveitou o salón internacional de turismo FITUR de Madrid para presentar alí o cartel e o programa da súa nova edición. Do 11 ao 14 de xullo se celebrará a 41ª edición desta veterana cita coa música folk na vila coruñesa. O cartel deste ano sae da man do artista Cristian F. Caruncho e busca representar os elementos de distinción que teñen as oito nacións celtas. Gwendal, Anxo Lorenzo Band, Shooglenifty, Flook e Beltaine son algúns dos nomes que conforman un cartel de luxo. Segundo a distribución presentada o xoves 11terá lugar o xa habitual concerto de finalista do concurso Runas e esa noite será Gwendal quen poña o broche. Na segunda xornada, o venres, estarán Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band, a Escola de Gaitas de Ortigueira, Moving Hearts, Anxo Lorenzo Band e Project Smok. A xornada do sábado, estará tomada polas bandas Bagad Kerlenn Pondi, Dominic Graham School of Irish Dance, Shooglenifty, Flook e Beltaine. O Fiadeiro, Tanxugueiras e Leilía porán a despedida este ano o domingo.
Sondeseu actuará na gala de apertura do Celtic Connections de Glasgow
Xénero:
| 15 / 1 / 2019A orquestra Sondeseu de música folk e tradicional subirá ao escenario principal do Glasgow Royal Concert Hall durante a gala de apertura do Celtic Connections este xoves 17. Como parte do cartel xeral do evento, tamén tocarán na cidade escocesa Anxo Lorenzo e Mercedes Peón os días 25 e 26, respectivamente. Ademais, Galicia terá un especial protagonismo como o territorio convidado de Showcase Scotland, con diferentes actuacións entre o 30 de xaneiro e 2 de febreiro a cargo de Raíces Aéreas (Mónica de Nut), Tanxugueiras, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, Anxo Lorenzo, Talabarte e Banda das Crechas. Esta será a delegación seleccionada pola Consellería de Cultura e Turismo, que organizou, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e baixo a marca GalicianTunes On Tour, unha delegación institucional, profesional e artística co obxectivo de apoiar a proxección exterior da nosa música e de promover Galicia como destino turístico-cultural. Dela forman parte estas oito formacións artísticas, así como unha ducia de empresas e operadores turísticos, que terán a oportunidade de entrar en contacto directo con promotoras e axentes internacionais dos seus respectivos sectores.
O Consello da Cultura homenaxea o labor das corais coa mostra Son de Galicia
Xénero:
| 10 / 12 / 2018A conmemorar o centenario da histórica coral De Ruada, o Consello da Cultura Galega inaugura mañá a exposición Son de Galicia, que percorre a traxectoria desta histórica formación canda a outras como Toxos e Froles, Cántigas da Terra e Cantigas e Agarimos. A sede de Afundación na Coruña acolle desde este 11 de decembro e ata o vindeiro 26 de xaneiro esta iniciativa que comisariou Miguel Anxo Seixas e que consta dunha serie de paneis acompañados de publicacións, manuscritos, fotografías, instrumentos, partituras, vestimenta, retallos de prensa e outros documentos, así como diversos vídeos de apoio. A mostra aborda cuestións como o traballo etnográfico de recollida da música e da vestimenta popular, o labor filantrópico e benéfico destas entidades, as súas xiras internacionais, a importancia das corais no comezo da actividade teatral galega ou o seu compromiso coa lingua. A inauguración celebrarase mañá ás 19 horas.
Tanxedoras homenaxean de Alan Lomax en 1952
Xénero:
| 27 / 9 / 20181952, ano no que o etnomusicólogo estadounidense Alan Lómax chegou a Galicia, serve de título para o novo traballo de Tanxedoras. O trío de música tradicional homenaxea o traballo deste investigador a reinterpretar 18 pezas recollidas por el "a tentar preservar a súa integridade". Así, as pandeireteiras tocan temas como Fun a feira de San Saturniño, E morreu a burra, O Tróupele ou Vente vindo, a contar coas colaboracións do acordeón de Carlos Comesaña e da voz Roberto do Viso. Leni Pérez, Margó Gayoso e María Silva continuarán a presentación do álbum cun concerto no V Poemagosto de Allariz o vindeiro 13 de outubro.
novidades discográficas
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
BâNZô
Os do Fondo da Barra
REPORTAXE

Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos