Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
Dakidarría celebra 13 anos con De cuncas e de mar
Xénero: | 19 / 1 / 2016
Logo de catro LPs e un recompilatorio, Dakidarría presenta un novo proxecto discográfico que conmemora os seus 13 anos de traballo. De cuncas e de mar é un CD-DVD que recolle un concerto íntegro do grupo e que inclúe, no seu apartado audiovisual, unha serie de reportaxes sobre o día a día dos músicos. A banda achega quince temas nos que mantén a súa aposta pola fusión de ska, reggae e punk-rock sen concesións e cun son potente e conta con colaboracións de Boikot, Obrint pas, La Raíz, ZOO, García MC, Itaca band, SKA-P ou SOAK. Gravado por Santa Cruz Recording, o novo traballo sae á venda o vindeiro 29 de xaneiro nunha edición limitada da man de Maldito Récords. Dentro da xira de presentación, a primeira data confirmada no noso país é un recital o vindeiro 9 de abril na sala Super 8 de Ferrol.
Óscar Avendaño presenta Burro
Xénero: | 18 / 12 / 2015
Co nome de Óscar Avendaño & Reposado, o músico vigués volta e presenta o seu terceiro traballo. Burro é un álbum autoeditado que sae á venda dunha dupla edición en digipack e en vinilo e alta gramaxe. Avendaño acompáñase nesta ocasión de Mauro Comesaña, de The Soul Jacket, a se encargar de percusión e coros, e Andrés Cunha de Los High Sierras a ocuparse do baixo. O álbum, na liña de Avendaño, aposta por un rock nidiamente americano, con tintes de blues e de folk e foi gravado en GuitarTown Recordings.
A incorporación de Iron Maiden marca o vindeiro Resurrection Fest
Xénero: | 10 / 12 / 2015
A XI edición do Resurrection Fest, que se celebrará en Viveiro entre o 7 e o 9 de xullo de 2016 promete bater marcas. A organización do evento acaba de confirmar a presenza de Iron Maiden como cabeza de cartel da vindeira xeira, nun dos tres únicos concertos que a banda vai realizar no Estado. Esta será a primeira vez que o celebérrimo grupo británico visita Galicia en máis de 13 anos. Canda a eles, están tamén confirmados nomes como The Offspring, Volbeat, Hatebreed, Bullets for my valentine ou Abbath entre as preto de 80 bandas de metal, punk e hardcore que estarán presentes no evento. Os bonos para os tres días do festival están xa a venda por 85 euros.
Terbutalina lanza Al otomano se le va la mano
Xénero: | 17 / 11 / 2015
A Sala Capitol de Compostela acolle o vindeiro 28 de novembro a presentación do novo disco de Terbutalina. Al otomano se le va la mano é o sétimo traballo da banda e mantén a aposta por un punk rock sen concesións, con temas breves e acelerados, no que cobran protagonismo os teclados de apoio. O disco é o primeiro do grupo con edición física, un vinilo que chega ás tendas da man de Folc Records e Grabaciones de Impacto. A grabación realizouse nos estudios A Ponte e a masterización realizouse por Jim Diamond en Ghetto Records (Detroit).
Dreams Of Dolly Sheep continúa carreira co seu cuarto traballo
Xénero: | 13 / 11 / 2015
O Iguana Club de Vigo acolle esta noite a presentación de Amok, cariño y saliva. O grupo Dreams of Dolly Sheep dá a coñecer na súa cidade natal os temas do seu cuarto traballo, un álbum no que manteñen as súas influencias de rock dos noventa, grunge e toques de psicodelia. A xira de presentación continuará por Compostela (Sala Moon, 28 de novembro), A Coruña (Mardi Gras, 4 de decembro) e Lugo (Clavicémbalo, 5 de decembro).
Brais Morán explora a súa transición persoal en Cruzando o eclipse
Xénero: | 6 / 11 / 2015
Logo da súa experiencia en Loretta Martin, Brais Morán asenta a súa carreira e lanza seu primeiro disco como solista. Cruzando o eclipse achega trece temas nos que o músico coruñés mantén o seu vencello cun rock de guitarras con aromas dos setenta e toques funk. Segundo explica Morán, o proxecto reflicte un momento vital "onde cae a miña mocidade transformándose noutra idade chea de enerxía que continúa a crecer". Gravado integramente en galego nos estudios Abrigueiro logo dunha campaña de crowdfunding, o álbum conta con Manu Seoane na guitarra eléctrica, Miguel Queixas á batería e Denís Morán no baixo, así como cunha colaboración de Fran Pérez Narf.
Liviao de Marrao presenta Que cada cão lamba a sua caralha
Xénero: | 26 / 10 / 2015
Dous anos despois do seu Matança Eta Filhoak!, Liviao de Marrao presentan o seu segundo álbum de estudio. Que cada cão lamba a sua caralha dábase a coñecer o pasado venres cun concerto na compostelá Sala Capitol. O grupo achega doce novos temas "nos que prima a mistura de punk, ska e rock com um sentimento de arroutada e de rebeldia que é a herança do bravú em galego" no que os habituais instrumentos de metal, guitarras e percusión súmanse outros menos comúns neste estilo como o violín e a gaita. O álbum, autoeditado e gravado nos estudios Pousada Son, inclúe curiosidades como a versión dunha cantiga de amigo de Johám de Requeixo, xograr do século XIII.
Furious Monkey House racha tópicos con Run
Xénero: | 21 / 10 / 2015
É un grupo compostor por cinco rapaces e rapazas de entre 9 e 12 anos, acompañados ao baixo por un único adulto. Furious Monkey House levan xa varios anos a rachar os tópicos sobre a música feita polos máis novos, e presentan agora o seu primeiro traballo, Run. Gravado nos estudios londinenses de Abbey Road, a banda mantén no álbum os seus sons de rock con toques grunge e sorprenden cunha versión acústica de Heavy boy que gravaron ao vivo. Aínda que o volume sairá á venda o vindeiro 13 de novembro da man de Esmerarte, a xira de presentacións comeza xa o 25 de outubro cun concerto no Pazo da cultura.
Bala inicia a xira de presentación de Human flesh
Xénero: | 22 / 9 / 2015
Santander, o vindeiro 24 de setembro, marca o comezo da xira de presentación de Human flesh. O dúo Bala, composto por Anxela Baltar e Violeta Mosquera achegarán os sete temas do seu traballo de debut tamén a locais de Madrid, Euskadi e Salamanca ademais de programar concertos en Galicia. A banda compostelá presenta, da man de matapadre, un rock escuro con resonancias grunge en temas como Tripas + Chained, Hell's Waiting ou Joan Vollmer. Matapadre edita o traballo, que se gravou nos estudios Montealto da Coruña.
O V Live for Madness chega con novidades
Xénero: | 2 / 9 / 2015
Co Campo da Feira como nova ubicación, a quinta edición do festival Live for Madness retorna a Ourense o vindeiro 19 de setembro. A nova xeira do encontro dedicado ao metal vén chea de novidades, a ampliar o número de bandas participantes ata seis. Childrain, Vermis Antecessor, Evil Impulse, Agónica, Wisdom e Raze foron as seleccionadas entre máis de 240 propostas. A continuar a colaboración que o evento mantén co seu homólogo Resurrection Fest, os elexidos repetirán na vindeira edición do festival de Viveiro.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música


