Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
The Shoubiñas Experience debuta con A home called Metrópolis
Xénero: | 16 / 7 / 2015
Espertar o interese do coñecido produtor e cofundador de Virgin Philip R. Newell foi o paso que animou aos vigueses The Shoubiñas Experience a se meter no estudio de gravación. Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding, o grupo completou, coa colaboración de Newell, A home called Metrópolis. Un total de oito temas de rock con aires sureños que se rexistraron ao vivo nos Estudios Metropolis. Ernest De Gregorio, á guitarra, Piter De Gregorio cos teclados, Dani "Ouzo" de Castro na batería, Roi "Humble" Rodriguez co baixo e Mario Richards a pór voz e guitarras compoñen este combo.
Tu mujer nos engaña presenta o macroproxecto Malas linguas
Xénero: | 29 / 6 / 2015
Nada menos que catro CDs, cun total de corenta temas cantados en galego, castelán e inglés, compoñen Malas linguas. Desde Silleda, o grupo Tu Mujer nos Engaña presenta o seu segundo traballo de estudio, un ambicioso traballo de estudio no que a súa proposta de rock-fusión conta con colaboracións de luxo como son as de Alberto Cereijo (Los Suaves), Oscar Avendaño (Siniestro Total), Fernando Madina (Reincidentes), La Pegatina, Vituco Neira (Ruxe-Ruxe), Bocixa (Zënzar), Xose A. Touriñán e Marcos Pereiro (Mucha e Nucha), Apenino ou Piti Sanz entre moitos outros. Logo de dous anos sen tocar ao vivo, o Derrame Rock marcou o comezo da xira de presentación do proxecto, que levará o grupo polas principais cidades de Galicia ao longo dos vindeiros meses.
Músicos e ouvintes mobilízanse por Planeta Furancho
Xénero: | 26 / 5 / 2015
A desaparición do programa Planeta Furancho da grella da Radio Galega está a promover unha intensa mobilización social. O anuncio de que o vindeiro dia 29 de maio se emitirá a derradeira entrega do espazo, que leva máis de 1.400 emisións, provocou xa o pasado sábado 23 unha concentración diante das portas das instalación da CRTVG en San Marcos. Esta mañá, nunha rolda de prensa Ada Seoane, Josito Porto e Alex Sevilla en representación de ouvintes, músicos e "xente do sector" preocupada polo feche do programa, anunciaban a intención de continuar as mobilizacións por este motivo. Así, para este xoves 28 de maio convocouse unha concentración de protesta ás 20:30 horas na Compostelá Praza do Toral á que se anima a acudir armados de instrumentos para manifestar o descontento ante a decisión da cadea.
Ith lanza Forte, o seu primeiro traballo de estudo
Xénero: | 26 / 5 / 2015
Temas con guitarras potentes e potentes voces femininas con ecos de rock duro marcan o novo traballo de Ith. A banda de Mesía presenta Forte, o seu primeiro traballo de estudo logo de varias maquetas e un álbum ao vivo. A continuar a súa aposta polo pop-rock, o grupo achega trece novos temas en galego nos que destaca o traballo vocal de Lucía da Fonte. Canda a ela Gonzalo Suárez, Toxo, Miguel Iglesias e Miguel Folgueira completan o proxecto, que está a desenvolver diferentes concertos de presentación por todo o país. A vindeira cita será o seis de xuño no I Festival Folck Rock de Grixalba.
MadMartin Trio publica o seu primeiro LP Time To Go Mad
Xénero: | 20 / 5 / 2015
A banda de rock MadMartin Trio presenta o seu primeiro LP Time To Go Mad, editado pola discográfica sueca Vintjärn Records, que inclúe 11 temas de autoría propia e 3 versións de clásicos. Aínda que o grupo é de recente creación, os seus compoñentes son veteranos músicos xa que o batería Manuel Brey e o guitarrista e voz Martín Esturao formaron parte da banda Doutor Gringo, un dos principais referentes do rock and roll clásico feito en Galicia.
Foxy Freire, o rock dos jazzistas
Xénero: | 8 / 5 / 2015
Virxilio da Silva, Fernando Sánchez, Paco Charlín e Max Gómez son músicos de jazz. No entanto, o seu último proxecto conxunto non ten moito que ver con este estilo. Foxy Freire é unha aposta clara polo rock con influencias dos anos sesenta e setenta. Guitarras potentes e un directo contundente, con pegadas de Jimi Hendrix, MC5, Led Zeppelin ou Black Sabbath son os ingredientes deste proxecto, que acaba e presentar o seu primeiro LP logo de tres anos de traballo.
Zënzar vai polo dez con Camiñando entre serpes
Xénero: | 5 / 5 / 2015
Once novos temas de rock reivindicativo e poesía urbana. A banda decana do rock en galego, Zënzar, chega ao seu décimo álbum con Camiñando entre serpes. No novo traballo, gravado nos estudios de Javier Abreu, a banda achega un son máis directo que se gravou ao vivo. Temas como Cortina a versionar un poema de Díaz Castro, Nada que perder ou A xente fala adiantan un traballo que está xa dispoñible na rede e que conta coas colaboracións de José M. Ares á gaita e de Xenderal á voz e ao beatbox.
Esquíos dá no centro co seu novo traballo
Xénero: | 4 / 5 / 2015
O vindeiro 16 de maio a Sala Puticlú da Coruña acollerá a estrea do novo traballo de Esquíos. A diana somos tod@s achega once novos temas nos que o grupo aborda "o noso momento vital actual e que reflicten a nosa carraxe co que está a pasar a nivel político e social, que amosan o noso lado máis combativo tanto a nivel lírico coma musical". O Bonham estudios da Coruña foron o escenario no que o grupo se fechou durante dous días para darlle forma a un traballo marcado polas guitarras e as letras de denuncia marcan. A Praza da Feira (A Estrada), o día 17 e o Cachán de Compostela o 29 serán a vindeiras citas na xira de presentación da banda.
O disco de N.H.U, "obra clave" do rock galego, reedítase en vinilo
Xénero: | 29 / 4 / 2015
N.H.U., banda pioneira do folk-rock progresivo en Galicia, editaba en 1978 o seu único disco converténdose nunha peza de coleccionismo. O novo selo Polyrock acaba de presentar a reedición deste traballo en vinilo de 180 gramos e só 300 exemplares do único traballo do grupo onde o seu rock en galego segue sendo obxecto de culto.
Ruxe-Ruxe traenos Un mundo perfecto
Xénero: | 18 / 3 / 2015
A Sala Capitol de Compostela acollerá o vindeiro 14 de abril o concerto de presentación de Un mundo perfecto. O novo disco de Ruxe-Ruxe, que sae hoxe á venda, estrearase nun concerto no que a veterana banda compostelá estará acompañada de Biribirlocke. Catorce novos temas que manteñen a personalidade da banda. Cancións ancoradas no rock, letras reivindicativas e temas urbanos complétanse con acompañamentos de metal e aires ska e mestúranse con propostas máis líricas en temas como Refachos ou Nada máis. Editado por Lobicán Records, o novo proxecto está a venda en formato físico e dixital.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música


