Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
Trilitrate presentan 'Esta de grelo', o seu terceiro disco
Xénero:
| 20 / 5 / 2021O trío formado por Rubén Abad, Marcos Padrón e Elena Vázquez veñen de presentar o seu terceiro álbum Está de grelo, case cinco anos despois daquel Frutal Death, no que consolidaban os seu sentido experimentador folclorista de perspectivas universais. Neste novo traballo xurdido baixo o apoio do selo norteamericano Ropeadope e o selo barcelonés Gandula os Trilitrate ofrecen trece novos temas, maiormente instrumentais agás tres deles, nos que se manteñen nese espazo propio dando voltas arredor do folk, da música clásica e da contemporánea, no que experimentan sen limitacións de xéneros musicais. O disco ademais inclúe no formato físico un libro de receitas cos grelos, da man de Montse Piñeiro, responsable do deseño gráfico e das artes visuais. Está de grelo, xa está nas principais plataformas dixitais. Foi gravado e mesturado por Javier Ortiz en Estudio Brazil (Madrid) e por Ibán Pérez en Estudio Terraforma (Galicia).
Ailá debuta a investigar a tradición musical
Xénero:
| 26 / 4 / 2021"Unha visión moderna e lúdica da creación colectiva" a partir da tradición oral. Esta é a proposta que fai Ailá, o cuarteto formado por Ángela Carou, Abel Gañete, Manuele Pardo e Xan Pampín que acaba e lanzar o seu primeiro álbum, co mesmo nome que o grupo. Logo de representar a Galicia no Celtic Connection 2020 e de seren premiados no Festival Interritmos dese mesmo ano, Ailá preséntase este 26 de abril como un neoloxismo feito a partir dunha "redución semántica dos retrousos que evocan os Ailalelo ailalá".
Dous libros recuperan os patrimonios musicais de Mondariz e de Ortigueira
Xénero:
| 23 / 4 / 2021Un estudo sobre as bandas de música de Ortigueira, con particular atención á Banda Garrote e á saga que lle dá nome. Esta é a proposta de A banda Garrote: música e músicos en Ortigueira, volume que está a chegar ás librarías da man da editora Dos Acordes. Xabier Garrote Cobelo recolle nesta obra un importante traballo de clasificación e estudo historiográfico dos materiais documentais conservados no Arquivo Musical da formación, a atender ao peso dos seus familiares José María, Manuel e Andrés Garrote na configuración da mesma e do panorama musical galego. O ensaio inclúe tamén referencias a outros músicos responsables de trazar a historia das bandas de música en Ortigueira, a incluír achegas de Xosé Carlos Breixo e de Alejo Amoedo sobre a cuestión.
Caamaño & Ameixeiras botan 'Aire!'
Xénero:
| 20 / 4 / 2021Aire! é o nome do primeiro disco de Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras, dúo que baixo o nome Caamaño & Ameixeiras veñen mantendo actividade musical desde 2018. O traballo conta con produción do músico burgalés Diego Galaz, e con colaboracións tan destacadas como Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel•les Carod ou El Pana. O disco xa está dispoñible para adquirilo a través da súa web e veñen de lanzar o seu primeiro tema en videoclip, Florencio. O título fai referencia á figura imprescindible de O cego dos Vilares, creador e transmisor de músicas e historias populares que facía nacer do seu violín e da súa gorxa, e que espallaba despois polas aldeas e montañas da Fonsagrada. O vídeo é "unha homenaxe á tradición, ao popular, ás raíces. Ao poder e á verdade do simple e do auténtico".
Xurxo Fernandes une as tradicións orais de Galicia e o Mediterraneo en 'Levaino!'
Xénero:
| 5 / 4 / 2021O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acollerá este vindeiro venres, 9 de abril, a presentación do disco Levaino! de Xurxo Fernandes con todos os asentos dispoñibles xa ocupados. O artista coruñés, coñecido coma etnógrafo e investigador da tradición popular musical oral por formar parte de Radio Cos xunto a Quique Peón, reúne neste traballo discográfico música de raíz tanto galega coma mediterránea oriental con base sefardí que xa trataba desde o seu alter-ego Jako el Muzikante. Por vez primeira na súa traxectoria reúne ambas liñas de recollida tradicional e interpretación. O álbum presenta doce temas recollidos polo propio artista en lugares tan dispares coma Coristanco, Samakov, A Mezquita, Pakistán, Tordoia, Larache, Tel Aviv, Marrocos, Bulgaria, Turquía ou Thesalónika. Con eles, Levaino! percorre unha ducia de paisaxes sonoras pouco coñecidas que explicitan e manifiestan os vencellos entre ambas culturas e tradicións orais. Fernández acompáñase na grabación pola dulzaina e ventos de Pedro Lamas, as percusións de Rubén Montes, Rafa Morales no baixo e Roberto Comesaña nos teclados, aos que se engaden as voces e pandeiretas do grupo Pandeireteiras sen Fronteiros (PanSenFron).
As xornadas O que non se escribe reflexionan sobre creación e os arquivos sonoros
Xénero:
| 22 / 3 / 2021O Concello de Santiago acollía na mañá deste 22 de marzo a presentación das xornadas O que non se escribe. O vindeiro día 24 bota a andar este encontro centrado na reflexión sobre a creación musical contemporánea a partir de arquivos sonoros. Organizado por Luneda Producións, o programa inclúe unha escoita comentada dos discos de lousa conservados no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura ou unha mesa redonda con Tanxugueiras, Mercedes Peón, Faia Díaz e Xosé Miguélez sobre a creación con este tipo de material.
Zumaque preséntase por todo o alto Silván
Xénero:
| 2 / 3 / 2021Ter situado o seu primeiro traballo, Silván, como candidato en todas as categorías dos Premios Opinión de Música Folk amosa o potencial da banda compostelá Zumaque. O trío formado pola arpista bretoa Bleuenn Le Friec, o contrabaixista Alfonso Calvo e o clarinetista Pablo Pascual, explora novas sonoridades para os ritmos tradicionais no seu álbum de debut. Instrumentos pouco convencionais como son a harpa, o clarinete baixo e o contrabaixo, achegan toques de jazz ás catorce pezas do disco, que lanzaron no final de 2020 e que están a presentar por todo o país.
Zumaque e mais Xosé Lois Romero e Aliboria acaparan candidaturas nos XX Premios Opinión
Xénero:
| 1 / 3 / 2021O xornal La Opinión daba a coñecer este 28 de febreiro a listaxe de finalistas á XX edición dos Premios Opinión de Música de Raíz. As bandas Zumaque e mais o proxecto Xosé Lois Romero e Aliboria encabezan as candidaturas, ao estar presentes nas catro candidaturas de que constan os galardóns, as de tema orixinal,mellor adaptación dun tema tradicional, mellor disco e mellor artista, no que compiten respectivamente Pablo Pascual e Xosé Lois Romero. Séguenos Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, que optan a tres galardóns ao non ter no seu último traballo temas orixinais.
Timparrantela preséntase con Se te quixen foi polos grelos
Xénero:
| 11 / 2 / 2021Desde Ourense chega Timparrantela, unha formación que aposta pola fusión desde a música tradicional cunha perspectiva poética e reivindicativa. Lorena Sotelo (voz), María Blanco (violino), Olalla Rodríguez López (clarinete), Olalla López Rodríguez (saxo), Olga Brañas (piano), Raquel Huete (tuba) e Marta Figueiredo (percusión) presentan o seu primeiro traballo logo de tres anos de actividade.
O dúo Acordeireta comeza a súa andaina con Loitar cantando
Xénero:
| 11 / 1 / 2021Co final de decembro de 2020 comezaron as presentacións de Loitar cantando o álbum de debut do dúo Acordeireta. Cos dous instrumentos que lles dan o nome como base, Patricia González Iglesias e Alejandro Balbuena Ojea achegan no seu primeiro traballo quince cortes que parten de formas tradicionais e inclúen unha versión do Deitado frente ao mar, de Celso Emilio Ferreiro, outra do poema Aperta de Carvalho Calero, e un tema dedicado a Rosalía de Castro. Segundo sinala o grupo na súa presentaicón "Decidimos emprender esta viaxe para amosar o noso agradecemento e facer homenaxe a moitas persoas que queremos e admiramos, e que a través da súa amizade, vivencias, ensinanzas, músicas e poemas, chegaron ás nosas vidas". Ritmos de festa e de loita que ven a luz da man de Inquedanzas Sonoras.
novidades discográficas
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
BâNZô
Os do Fondo da Barra
REPORTAXE

Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos