Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / As xornadas O que non se escribe reflexionan sobre creación e os arquivos sonoros

FAIA PRESENTA O SEU NOVO ESPECTáCULO NO MARCO DO ENCONTRO, QUE COMEZAN O 24 DE MARZO

As xornadas O que non se escribe reflexionan sobre creación e os arquivos sonoros

FOLK | marzo 22, 2021

imaxe non dispoñible

O Concello de Santiago acollía na mañá deste 22 de marzo a presentación das xornadas O que non se escribe. O vindeiro día 24 bota a andar este encontro centrado na reflexión sobre a creación musical contemporánea a partir de arquivos sonoros. Organizado por Luneda Producións, o programa inclúe unha escoita comentada dos discos de lousa conservados no Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura ou unha mesa redonda con Tanxugueiras, Mercedes Peón, Faia Díaz e Xosé Miguélez sobre a creación con este tipo de material.

A presentación do novo espectáculo de Faia, que explora a fondo o material que achegan estes arquivos, un obradoiro sobre recollida de tradición a cargo de Xulia Feixoo e unha charla de Carlos Martorell arredor da integración de intelixencia artificial e música tradicional son outros dos contidos do proxecto.

Dentro das propostas das xornadas está un paseo sonoro que convida a percorrer a cidade a través do seu patrimonio sonoro. A través de códigos QR calquera persoa pode escoitar en 24 lugares de Compostela fragmentos de audio de recollidas de música tradicional seleccionados por persoas vinculadas a este sector. O paseo estará dispoñible ata o vindeiro 4 de abril.