Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Rock
Música Rock
The Hellbuckers preséntanos os seus Demons
Xénero:
| 20 / 10 / 2016Logo de participar no Outono Códax Festival, The Hellbuckers están a continuar a xira de presentación de Demons, o seu primeiro traballo de longa duración. Soul, rock, blues e garage atópanse en 12 temas cheos de sentimento, dos que once son composicións propias e unha versión de Sam Cooke. A voz de Carla de Figueredo encarna as letras persoais do grupo e conta coa guitarra de Chewis, o baixo de Cudi e a batería Marcos para encarnar o que o grupo chama como Soul&Garage. H-Records e Tualmonteyoalmar coeditan este traballo, que chega só dous anos despois do nacemento do grupo.
O festival Resurrection finalista en tres candidaturas dos Premios Fest
Xénero:
| 13 / 10 / 2016A pesares do gran número de candidaturas de festivais galegos, dezanove en once categorías, só dúas propostas da nosa terra pasan á fase finalista dos Premios Fest, na que tres festivais compiten en cada categoría. Das votacións do público a través do sitio web e das do xurado profesional só as edicións de 2016 do Resurrection Fest e o Portamérica pasaran a ser finalistas dalgún premio. O festival metaleiro de Viveiro encabeza a clasificación con tres candidaturas nas que é finalista: Mellor Festival de Gran Formato; Mellor Campaña de Comunicación; Mellor Zona de Acampada. Pola súa banda o PortAmérica de Nigrán opta a recibir o Premio á mellor Zona de restauración, galardón que xa obtivo na anterior convocatoria dos Premios Fest. Só os festivais de Benicassim, FIB eo Rototom Sunsplah acadan o mesmo número de candidaturas que o Resurrection. Os gañadores coñeceranse o vindeiro 26 de outubro durante a celebración do Congreso Bime Pro en Bilbao. Os Premios Fest, únicos no seu xénero, recoñecen a estes eventos musicais en diferentes categorías.
Enki continúa o seu camiño no metal con Red Oak
Xénero:
| 28 / 9 / 2016Apenas un ano e medio despois do seu debut discográfico, os pontevedreses Enki atacan de novo. O cuarteto mantén nos dez temas de Red Oak a súa aposta por un son contundente con ritmos acelerados en coordenadas que transitan entre o groove metal e o death metal melódico. O álbum, autoeditado, gravouse no estudio vigués Planta Sónica e saiu á venda o pasado 15 de setembro. A sala Transylvania de Vigo acollerá o vindeiro oito de outubro un concerto da xira de presentación do traballo, co grupo acompañado por Salavelatoria.
Canedo Rock lanza o II Rockopilatorio Ourensán
Xénero:
| 27 / 9 / 2016Seis anos despois do primeiro volume, a organización do Canedo Rock lanzaba este verán o II Rockopilatorio Ourensán. Este álbum recolle cadanseu tema de vinte bandas da provincia na súa edición física e de vinte e unha na dixital, e está dispoñible para libre descarga. Segundo explican os responsables do proxecto, a intención é dar a coñecer o traballo que fan os conxuntos en activo no panorama rockeiro ourensán. No álbum pódese escoitar desde o "rock de Cabo da Vila ao Death Metal de Upcoming Devastation a pasar polo Punk de Bergallazo, o Heavy Metal de Pacho Brea ou o Southern Rock de Fresno" segundo explican na presentación. Logo de o lanzar nas redes, o álbum terá a súa presentación ao vivo o vindeiro 1 de outubro cun concerto no Café Cultural Auriense a cargo de Cabo da Vila, Mitocondrias e Poseídos a partir das oito e media da tarde.
Agoraphobia anuncia unha intensa xira para este outono
Xénero:
| 8 / 9 / 2016Un total de 17 concertos por todo o estado durante tres meses. Esta é a proposta que fai Agoraphobia no seu Brave Faneca Tour, unha intensa xira que arrincará o seis de outubro en Tenerife e rematará en Córdoba o 10 de decembro. Entremedias, a viaxe inclúe paradas en terras galegas, con recitais en Ferrol (21 de outubro), Culleredo (28 de outubro), A Coruña (5 de novembre) e Compostela (26 de novembro). Logo de rematar esta intensa rolda de concertos, Susana, Paula, Lu, Aislinn e Sabela fecharanse no estudio para gravar o que será o seu primeiro LP, logo do éxito acadado cos seus dous EPs Dirty litlle things e Ready to play, publicado o pasado ano. A xira conta co apoio do programa Artistas en Ruta de AIE, da Agadic e da axencia de management Dotbeat, que representa o grupo.
Heredeiros da Crus reeditan os seus catro primeiros discos
Xénero:
| 28 / 6 / 2016A banda de rock nacida no Barbanza en 1992 vive a súa segunda xuventude e exhibe músculo reeditando catro dos seus primeiros discos, todos do século pasado, que estaban esgotados e descatalogados ata agora. Un digipack reúne estas catro gravacións baixo a denominación 1992-1999 (Fol Música). Xunto cun póster da banda poderemos encontrar neste paquete o seu primeiro disco A cuadrilla de Pepa a Loba (1994) ; ¡¡Está que te cajas!! (1995); Des Minutos (1997) e Erecsiones munisipales (1999).
O sol dos Resentidos volve saír
Xénero:
| 20 / 6 / 2016A banda comandada por Antón Reixa comezou a súa volta de honra aos escenarios en 2012 para conmemorar os trinta anos da súa creación, froito daquilo foi o disco e posterior xira A tribo toda baila. A cousa non quedou aí e cando este ano se cumprían trinta anos da saída do seu disco máis celebrado “Fai un sol de carallo” a banda volveu xuntarse nun concerto o 2 de marzo no Teatro Principal de Ourense. Acompañados por A Lira Big Band de Ribadavia, Antón Reixa e os seus reinventaron o seu disco creando “Fai un sol de carallo-Suite”. Warner Music saca agora o disco gravado nesa ocasión en formato CD + DVD con todo o espectáculo. A través dos 26 temas deste disco redescóbrese a vixencia musical d’Os Resentidos no seu disco máis recordado por grandes éxitos como Sector Naval, Galicia Sitio Distinto, Sexo Macumba e Galicia Caníbal entre outros. Ademais do acompañamento da máis que centenaria banda A Lira o concerto contou coa colaboración de outros músicos como Ses, Sito Sedes ou Roberto Sobrado. A gravación preséntase como una homenaxe d’Os resentidos a todos os músicos populares de Galicia.
O Cultura Quente colle forzas na súa nova xeira
Xénero:
| 26 / 4 / 2016O pasado verán resucitaba logo de tres anos en silencio, e agora amosa a súa intención de volver a ser un referente no circuíto de festivais. A organización do Cultura Quente de Caldas daba a coñecer estes días o cartel do evento para este 2016. Un programa de dous días (un máis do que en 2015) no que visitarán a carballeira da vila Los Enemigos, Supersuckers, Marky Ramone, Ilegales, El Drogas, Siniestro Total, The Soul Jacket, Havalina e Agoraphobia. Como novidade, a recadación das cotas por acampar irá integramente destinada aos refuxiados sirios.
NAO presenta o duplo EP Soñar-Crear
Xénero:
| 20 / 4 / 2016Santiago de Compostela acollía onte, 19 de abril, a presentación do novo proxecto discográfico de NAO. Trátase dun duplo EP que, co título Soñar-Crear sae en dúas partes e achega un total de nove composicións novas. En concreto, onde saía á luz a primeira parte, Soñar, que xa está dispoñible para libre descarga no web da banda. O disco, producido e gravado por Iago Pico, produtor dos seus últimos traballos, amosa "probablemente o son máis potente gravado" polo grupo nos seus catro temas. A edición física do mesmo incluirá ademais as versións que fixeron de Venceremos Nós e Porque este soño é necesario para un soño.
Malkeda volta con Cumulonimbo
Xénero:
| 13 / 4 / 2016O día oito de abril saía á luz Cumulonimbo, o terceiro traballo de longa duración dos pontevedreses Malkeda. A banda achega doce novos temas nos que continúa a súa exploración do NU Metal e que saen á luz grazas a unha exitosa campaña de crowdfunding. Nesta ocasión o grupo conta con colaboracións como as de Loko23 (Delahoja), o triatleta Javier Gómez Noya ou Alberto Cereijo de Los suaves entre outros. O álbum gravouse nos estudios Planta Sónica II, Villa Angelina e Zoilo Unreal Studios de Vigo. A Sala Aquilón de Laracha, o día 15, e a Malatesta Compostela o 21 son as primeiras paradas na xira de presentación.
REPORTAXE
Campamento Compostela
Data.Os Concertos do Novo do Milenio atraeron a Compostela milleiros de afeccionados à música