Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Jazz/Blues
Música Jazz/Blues
O VII Ciclo 1906 Jazz trae 23 concertos a Galicia
Xénero:
| 21 / 2 / 2014O festival que promove Estrella Galicia, o Ciclo 1906 Jazz, chega a súa sétima edición cun programa que achegará 23 concertos por todo o país entre marzo e xuño deste ano. Os clubes serán os grandes protagonistas do encontro, que programa cadanseus tres recitais no Jazz Filloa da Coruña, no compostelán Dado Dadá, no Xacaranjazz de Vigo, no lugués Clavicémbalo, no Latino de Ourense e mais no Blabla Café, en Ferrol. Ademais o Teatro Principal de Compostela acollerá tamén tres concertos, e o ciclo fechará cunha Maratón de Jazz Galego na Praza da Quintana o 19 de xuño.
VerSons amosa a versatilidade de Abe Rábade
Xénero:
| 12 / 11 / 2013Once versións de temas do máis variado, desde a tradición galega ata composicións barrocas e temas de jazz. A Carolina, No niño novo do vento ou Four in one son algúns dos temas que Abe Rábade se atreve a reinterpretar en VerSons, o seu novo disco. Desta volta, o pianista acompáñase de Pablo Martín Caminero, ao contrabaixo e de Bruno Pedroso na batería. O disco, coeditado por Nuba e Karonte Records, presentarase o vindeiro 13 de novembro no Círculo de Belas Artes de Madrid e no Teatro Principal de Compostela o 22 de decembro.
Lugo acolle desde hoxe o seu XXIII Festival de Jazz
Xénero:
| 8 / 11 / 2013Desde hoxe e ata o vindeiro 16 de novembro, o Club Clavicémbalo, o Círculo das Artes e a Casa do Saber da Universidade de Santiago acollen os 19 concertos que forman o programa do XXIII Festival de Jazz de Lugo. O programa conta con figuras como Pat Martino, Laika Fatien ou Jerry Bergonzi e unha ampla presenza galega que inclúe a Zas! Trío, Nani García Trío, Rafa Fernández Quinteto ou Sumrrá entre outros.
Jazzatlántica leva once recitais á Coruña
Xénero:
| 18 / 10 / 2013O Teatro Rosalía de Castro e mais o Palacio da Ópera concentrarán as actuacións da nova edición e Jazzatlántica. O festival volta á Coruña entre o 21 de outubro e o 27 de novembro a ampliar a súa programacion en tres recitais respecto ao ano pasado. En total serán once concertos con figuras internacionais como Medeski, Martin & Wood, Gregory Porter, Chucho Valdés, Joe Lovano e Saxophone Summit ou Michel Camilo. A representación galega irá á cargo de Marcos Pin, Verónica Fereiro e mais a G.S.M. Big Band e Jorge Prado. De xeito paralelo programaranse Jam Sessions e dúas clases maxistrais.
O Festival de Blues de Ourense cumpre dez anos
Xénero:
| 17 / 10 / 2013Tres concertos no Teatro Principal de Ourense entre os días 18 e 20 deste mes de outubro compoñen o programa do X Festival e Blues da Cidade das Burgas. O bluesman do Mississippi Boo Boo Davis encabeza co seu recital do día 19 un cartel do que tamén fan parte Virgil & The Accelerators o día 20 e MCarballo Band, que presentará o seu novo disco no concerto do 18.
Alberto Conde reinterpreta a Villa-Lobos no seu novo álbum
Xénero:
| 3 / 10 / 2013Jazz con canto lírico e percusión indo-magrebí, a partir de partituras dun compositor clásico que rescataba sons populares do Brasil. Esta é a proposta que fai Alberto Conde Atlantic Trio en Villa-Lobos: A New Way, un álbum no que conta coas colaboracións de Nirankhar Khalsa, Kin García, Miguel Cabana e a cantante Carmen Durán. O disco incorpora letras orixinais a varios dos temas de Villa-Lobos e inclúe outros compostos polo propio Conde inspirándose neste traballo. Logo de se presentar oficialmente o pasado día 1 en Compostela, o disco presentarase no MARCO de Vigo o 3 de outubro e iniciará unha xira que o levará ao centro Ágora da Coruña (17 de outubro) e ao Auditorio de Vigo (19 de outubro).
Let the Old Times Roll marca o retorno de Miki Nervio & The Bluesmakers
Xénero:
| 2 / 8 / 2013Dezaseis temas de autores clásicos como Muddy Water, Ray Charles, Bo Carter ou mesmo Bob Dylan, cando algún da tradición sureña compoñen o quinto disco de Miki Nervio & The Bluesmakers. Let the Old Times Roll está xa á venda e amosa o interese da banda por afondar no blues acústico máis puro. Harmónicas, táboas de lavar, contrabaixo, batería kazoo e guitarras mestúranse conseguindo recrear o son do Mississipi.
Sés volta con Co xenio destrozado
Xénero:
| 6 / 6 / 2013Logo do éxito de Admirando a condición, María Xosé Silvar, Sés, volta con Co xenio destrozado. Editando desta volta don Fol Música, a cantante propón novos temas na súa liña de mestura rock, soul ou rythm&blues. Acompañada por Tito Calviño na guitarra, Marcos Pazo á batería e Fran Sanz co baixo, a propia Sés correu coa produción do disco nos estudios Bruar da Coruña. Un concerto no Teatro Principal de Santiago serve de presentación do proxecto o venres 7 de xuño. O CD sae á venda o vindeiro martes 11.
Primeiro disco de Rafa Fernández Quinteto
Xénero: AUDIO
| 27 / 5 / 2013 +Max Gómez á batería, Pablo Castaño no saxo alto, Alex Salgueiro ao piano eléctrico, Xacobe Martínez co contrabaixo e Rafa Fernández na guitarra e composición forman o Rafa Fernández Quinteto. A formación acaba de publicar, da man de Freecode Jazzrecords o seu primeiro traballo homónimo do grupo, 9 temas de jazz vencellados á terra (Cospeito, Río Mao) e as persoas máis próximas a Fernández (Tío Oli, Uxia, Paquiño) gravados en xaneiro de 2013. Rafa Fernández (Noia 1983) lidera esta banda que tamén compaxina co Rafa Fernández Trío. Nesta ocasión faise acompañar doutros novos pero experimentados músicos de jazz formados moitos deles con estancias en Nova York e no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra con Paco Charlín.
Quinito Mourelle lanza Paradero desconocido
Xénero:
| 7 / 5 / 2013Abandonando o cuarteto, o músico de jazz Quinito Mourelle aposta polo dúo para o seu novo proxecto. Paradero desconocido é o título do álbum no que o pianista está acompañado por Roberto Somoza ao saxo. Composicións propias nas que, por vez primeira Mourelle amosa a súa capacidade como letrista en dous temas nos que participa Lucía Souto na voz. O álbum foi gravado ao vivo o pasado mes de decembro no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e presentouse o pasado día 4 cun concerto no Museo de Belas Artes da Coruña
REPORTAXE
Unha escola de improvisación
Data.O Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra tira o seu cuarto disco e consolídase como centro de formación neste estilo musical