Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Pop
Música Pop
Comeza en Vigo Verbenalia
Xénero:
| 27 / 4 / 2012A actuación de Panorama, Teté y los Ciclones e mais Carlos Blanco e Budiño iniciaba na noite de onte a actividade de Verbenalia. O Instituto Feiral de Vigo acolle un encontro no que se dan cita representantes, comisións de festas e orquestras a apresentar os seus últimos repertorios e efectos. Ademais, ata o vindeiro 29 haberá actuacións cada noite e mais en sesión vermut, con conxuntos como París de Noia, Olympus, Philadelphia, Sintonía de Vigo, Aché, Marbella, Ciclón, Costa Oeste, Cinema, Gran Parada, Charlestón e Jerusalén.
Xoel López presenta Atlántico
Xénero:
| 24 / 4 / 2012Co seu propio nome, sen o alias de Deluxe, Xoel López asina Atlántico, un disco que achega 12 temas nos que se detecta a influencia que os ritmos suramericanos deixaron no músico. Máis percusión e letras máis calmadas marcan a evolución estilística do coruñés. O disco está a venda desde o pasado 17 de abril e pode escoitarse de xeito íntegro no web do artista e mediante o web Grooveshark. Editado por Esmerarte, gravouse entre Bos Aires e A Coruña O propio Xoel e mais Juan de Dios correron coa produción.
Loretta Martin presenta Despois da Mandinga
Xénero:
| 27 / 3 / 2012Cando fan unha década de traballo, un lustro despois do seu primeiro disco, e logo dunha separación de dous anos, os coruñeses Loretta Martin voltan á carga. Brais Morán e Fran Sanz contan con Miguel Cabana como novo batería, e acaban de tirar á luz Despois da Mandinga. O disco afonda no ritmo funk propio do grupo achegándose a estilos como a samba ou o pop. Gravado nos estudios Abrigueiro da Coruña, o álbum achega seis temas que prometen animar este verán.
La Casa de Arriba celebra o seu XIIIº aniversario ofrecendo concertos
Xénero:
| 13 / 2 / 2012Nun momento no que son moitas as salas de concertos e espectáculos que están a pechar chega desde Vigo a boa nova dun local emblemático que celebra o seu décimo terceiro aniversario. A “cervexería pop” La Casa de Arriba (MartinCodax, 23) leva desde o ano 1999 programando música en directo na cidade olívica. Polo local pasaron importantes músicos da escena independente e pop mesmo de nivel internacional e tamén foron moitas as bandas e artistas do país que nos seus inicios levaron alí os seus directos como Eladio y los Seres Queridos, Trem Fantasma, La Familia ou Niño y Pistola, que alí mesmo asinaron o seu primeiro contrato discográfico como informa o webzine independente Desconcierto. Para celebrar o aniversario La Casa de Arriba programou case vinte de actuacións tanto nacionais como internacionais durante os meses de febreiro e marzo repartidos coa Sala Playmobil, do mesmo dono. Un programa difundido cun atípico cartel para un local de pop no que o deseñador gráfico e ilustrador Roberto Argüelles homenaxea a Isaac Díaz Pardo cuns trazos semellantes a Luís Seoane. Argüelles ten no seu haber o Primeiro premio na Bienal de Caricatura de Ourense en 2002, primeiros premios en 2000 e 2002 do Salón do Cómic de Cangas e primeiro premio do Certame de Cómic de Arteixo.
A Velas Vir gañou o certame En Marcha Música Xove
Xénero:
| 13 / 1 / 2012Os monfortinos A Velas Vir impuxéronse na primeira edición do certame En Marcha Música Xove que convocou a Deputación de Lugo. O concurso, centrado en conxuntos de pop e rock, contou coa participación de 15 conxuntos, e como premio os gañadores editarán un CD con nove temas do que se tirarán mil copias. Os finalistas, Yuno de Viveiro, Stick-Up de Sarria e Miriam López Vila de Lugo gravarán pola súa banda un disco conxunto, nos dous casos nos estudios de Sons Galiza. O pasado mércores entregábanse na capital lucense os galardóns da que foi a primeira edición deste certame.
Iván Ferreiro lanza con éxito Confesiones de un artista de mierda
Xénero:
| 28 / 10 / 2011Un disco gravado ao vivo cos grandes éxitos da súa carreira en solitario e da época con Los Piratas. Esta é a proposta que fai o vigués Iván Ferreiro en Confesiones de un artista de mierda. A obra, que consta de dous CDs e un DVD, inclúe por unha banda un directo e un miniconcerto acústico gravados nos estudios Cata de Madrid ante público, así como un DVD coa filmación destas sesións. Para alén da colaboración do seu irmán Amaro Ferreiro e dos membros da súa banda Pablo Novoa e o novo batería Gael Pintos, Iván conta neste traballo con colaboracións como Xoel López, Santi Balmes (Love of Lesbian), Rubén Pozo (Pereza). Ademais dos 14 temas compilados, o disco recolle tamén dúas cancións inéditas. Logo do seu lanzamento, o pasado 18 de outubro, o disco logrou situarse como a segunda obra máis vendida a nivel estatal só por detrás do novo traballo de Amaral.
O Concello da Coruña manterá o Noroeste Pop Rock
Xénero:
| 1 / 9 / 2011No balance das Festas de María Pita, a responsable da área de Cultura, Ana Fernández, fixo unha valoración positiva do Noroeste Pop Rock. Ata tal punto, que xa confirmaron que seguirían traballando n aliña de traballo para vindeiras edicións, aínda que matizou a necesidade de abaratar custes da infraestrutura do festival.
Yann Tiersen, Vetusta Morla e Russian Red están confirmados para o Vigo Transforma
Xénero:
| 25 / 3 / 2011É outro dos programas que naceu ao abeiro do Xacobeo e que se continúa para este 2011. Ignacio Santos, director da sociedade que xestiona o Xacobeo, e Roberto Varela, conselleiro de Cutura, presentaron onte a programación desta edición. Un encontro que conta coa presenza confirmada do músico bretón Yann TIersen, os norteamericanos Pains of Being Pure at Heart e os portugueses The Gift. Russian Red, Vetusta Morla e Hola a Todo el Mundo pola banda estatal, mentres que Eladio y los Seres Queridos máis Catpeople completan o lado galego do cartel. Tamén estará Xoel López que aproveitará para presentar algunhas cancións do seu vindeiro traballo. Canda isto, haberá unha serie de concertos gratuitos que contará co apoio de Radio 3 e Mondosonoro. A cita, en Vigo, do 30 de xuño ao 2 de xullo.
Aerolíneas Federales reúnense para dar dous concertos
Xénero:
| 24 / 3 / 2011O requerimento dun fan e promotor peruano deu en que Aerolíneas Federales, mítico grupo da movida viguesa, volte aos escenarios logo de 15 anos. Será só para dúas actuacións no país andino os vindeiros 18 e 20 de maio. No Perú Aerolíneas federales gozan dunha forte sona ata o punto en que o pasado ano 2005 editouse nese país Alegra la cara - Tributo a Aerolineas Federalesun disco tributo ao grupo no que colaboraron 21 grupos de España, México, Perú, Chile e Arxentina. Os membros da banda, Miguel Costas, Silvino D. Carreras, Luis Santamarina, Coral Alonso e Rosa Costas están actualmente a ensaiar en Vigo o repertorio para a ocasión, pero descartaron a posibilidade de retornar á música de xeito profesional como banda.
Co disco Entretelas Fon Román volve tras un período de investigación musical e estética
Xénero: VIDEO
| 23 / 3 / 2011 +Tres anos despois do seu debú en solitario Fon Román, o que foi guitarrista e compositor do grupo vigués Piratas, presenta o seu segundo disco Entretelas , publicado polo seu propio selo Pequeñas Iluminaciones. Neste disco de once temas Román marca distancia sonora co seu primeiro traballo e reduce o peso da nostalxia sobre as cancións conseguindo unhas composicións máis vitalistas sen renunciar a unha intimidade emocional. O disco preséntase como unha obra que aúna conceptos musicais e estéticos, cousa que traslada aos video clips cos que se presenta mesmo a imaxe gráfica do álbum. Fon Román dará os primeiros concertos de Entretelas en Galicia o vindeiro 31 de marzo en Ferrol dentro do Ciclo "Novas Noites" no Centro Torrente Ballester e posteriormente na Coruña o 1 de abril cun concerto na Fnac.
REPORTAXE

Disco con etiqueta
Data.O vinte de maio o público e un xurado escollerán o Primeiro disco pop do ano de solistas galegos