Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Mónica de nut trío presenta o seu primeiro disco
Xénero: | 24 / 1 / 2012
Logo de amosar o seu traballo en festivais de jazz e concertos por todo o país, o proxecto Mónica de nut trío lanza o seu primeiro disco. Totalmente autoproducido e editado baixo o selo Freecode Jazz records, o lanzamento mestura os sons do jazz e as voces e efectos da vocalista co traballo de Paco Dicenta ao baixo e bases electrónicas e mais Virxilio da Silva coa guitarra e efectos. O CD, co mesmo nome do grupo, presenta nove temas nos que apostan por sons complexos e cunha coidada produción, mesturando elementos de jazz, electrónica, experimentación e mesmo música de raíz. Pódese adquirir por dez euros en diferente locais do país ou solicitarllo directamente aos músicos. Tamén está dispoñible integramente no web de Mónica de Nut para libre descarga. Os vindeiros 3 e 24 de marzo o grupo actuará na sala La Tuerka 27, da Coruña.
Volven os Heredeiros da Crus
Xénero: | 19 / 1 / 2012
O grupo de rock Heredeiros da Crus anunciou o seu regreso á escena musical, despois da súa retirada dos escenarios en 2005. Será o día 3 de marzo na discoteca LP45, en Ordes, e conmemorará os 20 anos de nacemento da banda en Castiñeiras (Ribeira). Os Heredeiros foron un importante grupo de rock dos anos 90 famoso pola súa participación no Xabarín Club e polo seu estilo: temas provocadores cantados na variante dialectal das Rías Baixas. O concerto será o principio dunha xira, durará máis de dúas horas e "con sección de metais, coros e piano incluído".
SÓS de Mercedes Peón está entre os mellores discos de raíz de 2011
Xénero: | 4 / 1 / 2012
Críticos de música de 23 países de todo o continente europeo seleccionaron o disco SÓS de Mercedes Peón como o quinto mellor de 2011. Así figura o traballo da galega na prestixiosa lista World Music Charts Europe, que xa recoñecera esta obra outorgándolle o seu primeiro posto durante dous meses consecutivos deste ano. Na mesma listaxe, Meu canto de Uxía ocupa o posto número 40. No comezo deste ano, Galicia renova a súa representación nesta escolma internacional coa entrada de Doa e a súa A fronda dos cervos no número vinte deste mes de xaneiro.
A Real Banda de Gaitas celebra 25 anos cun CD e DVD
Xénero: | 28 / 12 / 2011
A celebrar 25 anos da súa existencia, a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense acaba de publicar Éxitos no mundo, un CD e DVD no que recolle unha selección de 30 temas. No mesmo pódense escoitar versións de melodías populares dos países que a formación visitou ao longo deste tempo, con cancións chinesas como Mo Li Hua, a exipcia Abd Al WahhÂ, Cantares de España, God Bless America ou a tonada australiana Waltzing Mathilda entre moitas outras. Canda a isto, a obra recolle melodías galegas e no DVD poden verse diferentes actuacións da formación desde os seus comezos. A obra está editada por Inquedanzas Sonoras e sae á venda por 16.95 euros.
O disco República Billarda reúne máis de 20 grupos galegos
Xénero: | 22 / 12 / 2011
Dous CDs, Billarda e Palán, integran do disco República Billarda editado pola liga deste deporte mediante o selo O Varal Records. O proxecto, que quere recadar fondos para a difusión deste xogo tradicional, e para isto reuniu máis de vinte grupos galegos que compuxeron temas específicos sobre o mesmo. The Homens, Fanny e Alexander, Zenzär , Projecto Trepia, Reuxe Ruxe , Ulträqäns, Narf ou Projecto Mourente son algúns dos colaboradores. O disco achega ademais un libreto de 18 páxinas con textos de diferentes poetas galegos e fotografías de NachoK
Skacha anuncia un parón indefinido
Xénero: | 20 / 12 / 2011
Logo de vinte anos de traballo no punk-rock galego, o grupo Skacha disólvese. O seu web recollía o pasado día 17 o anuncio da banda dun "parón indefinido" que os membros achacan "ás circunstancias da vida". Malia a que non desbotan a posibilidade de se reunir de xeito puntual o grupo como tal non continuará a súa actividade, logo "dunha decisión moi meditada e nada doada". Os compoñentes de Skacha animan os seus seguidores a continuar apoiando outros proxectos nos que participan.
O concerto dos vinte anos
Xénero: | 19 / 12 / 2011
O local A Taberna, de Cerceda acollía o pasado sábado 16 a presentación do DVD Zënzar ao vivo. O grupo presenta nesta produción o concerto que dera nesta mesma localidade en 2009, a coincidir co seu vinte aniversario e contando con numerosas colaboracións. Ademais da actuación en Cerceda, que contou coa presenza de Xurxo Souto, María Xosé Silvar “Ses” ou Javier Pardeiro “O reverendo”, entre moitos outros, a banda ofrece outro recital con convidados no Badulake de Ordes o vindeiro 23 de decembro. Nestas presentacións está a venda unha edición limitada do DVD autoeditado, que chega ás tendas o vindeiro mes de xaneiro.
Quiosco: Sons da Galiza 18
Xénero: | 14 / 12 / 2011
A publicación dixital Sons da Galiza ten xa dispoñible no seu blog o seu número 18, que corresponde aos meses de novembro e decembro. Desta volta, atende a cuestións como os últimos discos de Leilía, Malvela e Assembly Point, a nova voz de Luar na Lubre, ou a Biografía e DVD ao vivo de Berrogüetto. Asimesmo, a xira da Orquestra Sondeseu e as habituais de seccións de axenda e de novas breves fan parte da entrega.
Unha viaxe musical
Xénero: | 12 / 12 / 2011
O álbum Etheria partiu da banda sonora do espectáculo homónimo do Centro Coreográfico Galego e agora madura como disco singular, “con maior desenvolvemento musical”, asegura o líder da formación ISGA Collective, Isaac Garabato. Etheria presentouse en Londres na primavera e a semana pasada ISGA presentouno en Vigo. O resultado é un son moi particular. “Queremos amosar unha música que ten que ver con Galicia, pero adoptamos máis correntes”, sinala Garabato, “porque Galicia como sociedade é máis plural e máis moderna”.
Unhas conferencias poñen de manifesto o papel do galego na música
Xénero: | 5 / 12 / 2011
As cantigas tradicionais galegas son, en palabras de Anxo Lourenzo, secretario xeral de Política Lingüística, “un tesouro musical, pero tamén lingüístico, polos innumerables exemplos de galego de calidade que conteñen”. E este enfoque histórico e lingüístico é o que teñen as conferencias “A música na memoria” que se desenvolverán na sede do Conservatorio Profesional de Música de Santiago nas vindeiras semanas. Son tres cita a cargo de profesionais de gran relevancia no estudo da tradición musical de Galicia: Dorothé Schubart, Javier Jurado e Miguel López Fariña que falarán de cantigas, música de banda e a vida musical de Santiago a finais de século. Un enfoque musical para dar conta da situación do idioma nese contexto.


