Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Ouvirmos edita Clarinete e piano. Antoloxía de compositores galegos

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 5 / 2012

Clarinete-piano_antoloxia_ouvirmos.jpg

Case tres horas de composicións para clarinete e piano da man de compositores do noso país. Esta é a proposta de Clarinete e piano. Antoloxía de compositores galegos, o triplo CD que presentaba esta mañá Ouvirmos na sede do Consello da Cultura Galega en Compostela. O proxecto supón unha aposta pioneira pola visibilización da música de cámara de factura galega e recolle a práctica totalidade de pezas para esta formación que se teñen feito no país. Alejo Amoedo ás cordas e Astenio Leiva ao vento interpretan 12 obras compostas desde o comezo do século XX. O proxecto, xurdido do empeño destes dous intérpretese, percorre a obra de autores xa clásicos como Bal y Gay ou Rogelio Groba e combínaa cos máis novos valores neste campo.

Músicos galegos únense nunha homenaxe a Magín Blanco

Xénero: Pop | 21 / 5 / 2012

imaxe non dispoñible

Doutor Apertas. Tributo a Magín Blanco é o título do proxecto no que están embarcados un unha trintena de músicos do noso país. A intención e gravar un duplo disco de versións de Blanco en homenaxe a este músico, que por mor dun accidente en 2011 ficou imposibilitado para tocar a guitarra. O proxecto abriu unha conta no web Verkami para recadar fondos mediante o sistema de Crowdfunding, e a falta de 27 días para rematar o prazo da colecta, obtivo xa 2.370 euros dos 3.000 que se marcaron como obxectivo. Uxía, Xoel López, Malvela, Eladio & los Seres Queridos, Roger de Flor ou Emilio Rúa son algúns dos artistas que participan nesta iniciativa.

Fillos Resentidos

Xénero: Rock | 10 / 5 / 2012

resentidos_tribo.jpg

Conseguiron, en plenos anos oitenta, que un tema en galego chegase ao número un das listas de éxitos estatais. Expresións presentes nas súas cancións integráronse na fala popular. Anovaron no pop-rock feito na nosa lingua. Agora, trinta anos despois do seu nacemento, unha masiva homenaxe amosa a importancia da pegada que Os Resentidos deixaron na nosa cultura. Analizamos a súa influencia.

aCadaCanto presenta o seu disco

Xénero: Melódica | 9 / 5 / 2012

capa_aCadaCanto.jpg

Para mediados deste mes está previsto que chegue ás tendas aCadaCanto, o novo proxecto musical que aúne o talento de Guadi Galego e Xabier Díaz (voz), Guillerme Fernández (guitarra) e Xosé Lois Romero (acordeón). O proxecto presenta trece temas, na súa maior parte orixinais, que se combinan con pegadas da música tradicional. Os dous primeiros singles do disco, Teu nome por mar e terra e Desafío están dispoñibles na rede. O disco está editado baixo o selo Músicas de Salitre.

Zënzar presenta Vaise armar

Xénero: Rock | 8 / 5 / 2012

zenzar_vaise_armar.jpg

A sala Josfer de Ordes acollía o pasado sábado a presentación de Vaise armar, o sexto traballo de Zënzar. O disco autoeditado supón, segundo o grupo, un traballo maduro musicalmente e aberto a ritmos que se foron incorporando ao seu repertorio. Rock con letras combativas que teñen en moitos casos na crise económica e nos recortes sociais o seu eixe. Loli Nogueira colabora co grupo no tema Contigo e sen ti, e queda espazo para que a banda bote a vista á súa traxectoria en Todo vai ben. O MySpace do grupo achega unha selección dos temas para a súa escoita en liña.

Alberto Vilas Quinteto presenta Experianza

Xénero: Jazz/Blues | 30 / 4 / 2012

alberto_vilas_experianza.jpg

Un jazz con fortes pegadas do son americano dos anos 40, 50 e 60. Altas doses de improvisación con músicos chegados de xéneros como o blues, o tango ou a música clásica entre outros que se agrupan arredor do músico que nomea o proxecto. Experianza, o álbum debut de Alberto Vilas Quinteto chega ás tendas da man do selo Azos Jazz, coordinado por Abe Rábade. O pub Clavicémbalo, de Lugo, acolle o venres 27 de abril o comezo da xira de presentación da obra, que continuará polo Porriño (30 de abril), A Coruña (2 de maio) e O Grove (5 de maio).

Chega o disco de O Sonoro Maxín

Xénero: Fusión | 25 / 4 / 2012

O_Sonoro_Maxin_onda_sonora_capa.jpg

Logo de cinco anos de traballo en escenarios e obras colectivas, o grupo O Sonoro Maxín lanza o seu debut discográfico. A onda sonora (chega do interior) presentouse o pasado 14 de abril no Café Cultural Auriense da cidade das burgas e achega 13 temas cunha boa dose de cumbia e ritmos como vallenatos ou rancheras. Canda a cancións habituais dos seus directos, o grupo achega un feixe de obras compostas para a ocasión. O traballo, autoeditado, foi producido por Kaki Arkarazo e gravouse entre os seus estudios de Andoain e mais en Tooma Recordings, de Ourense. A obra está dispoñible integramente para a descarga no web do grupo, para alén de contar cunha edición en CD con imaxe de David Rubín.

Falece o compositor Francisco Rey Rivero

Xénero: Coral | 23 / 4 / 2012

imaxe non dispoñible

Considerado un dos principais impulsores do canto coral en Galicia, o compositor Francisco Rey Rivero falecía onte aos 83 anos de idade. No seu haber deixa o ter fundado agrupacións como a coral Casablanca, a Ureca ou a do Club Náutico de Vigo. Canda a isto, é autor dalgúns dos temas máis populares neste estilo, con temas como Perla antillana ou La sirena. O seu traballo valeulle premios como a medalla da Academia Galega de Belas Artes ou o premio Reconquista de Vigo, entre outros recoñecementos.

Fuxan os ventos leva o V Premio Andaina Senlleira de La Opinión

Xénero: Folk | 20 / 4 / 2012

imaxe non dispoñible

A quinta edición do Premio Andaina Senlleira do xornal La Opinión recoñece a traxectoria de Fuxan os ventos. Segundo publica hoxe o xornal, a organización do galardón decidiu galardoar un traballlo que "vai alén do apartado estritamente musical" xa que "as letras das súas cancións nunca refugaron subliñar as problemáticas sociais e políticas existentes en Galicia". O grupo recollerá o premio na gala dos Premois Opinión de Música Folk, que se celebrará o vindeiro mes de maio. Precisamente en 2012 cúmprense 40 anos do nacemento deste grupo fundamental na historia da música tradicional do país.

Rimar os títeres

Xénero: Hip-Hop | 18 / 4 / 2012

imaxe non dispoñible

Ensinar a facer rap e a construír e manexar monicreques. Esta é a proposta do proxecto Titirihop, que aúna as forzas da compañía Viravolta coas de García, voz de Dios Ke Te Crew. O proxecto está a percorrer Galicia da man do programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Xa se poden consultar na rede algunhas das pezas que saíron destes obradoiros.

<< Inicio / Anterior . 831 a 840 de 1395 . Seguinte \ Fin >>